No outono de 1961, Ramón Otero Pedrayo mandou unha carta a Ramón Piñeiro transmitíndolle a fonda impresión que lle causara a primeira lectura de Nimbos, o inmenso poemario de Xosé María Díaz Castro que acababa de publicar Galaxia. Dicíalle entón o señor de Trasalba ao de Láncara: “Cando chegou Nimbos apenas remexín nas follas. Fai us días pillei o libro pra despois traballar toda a serán. Teño un croio duro que rillar. Dende o primeiro verso deixei todo. E co libro andiven polos soutos cos ourizos, e polos camiños mollados con outa legría, como despoixa de un bo viño acarón dun lume antergo. Estou moi ledo por isa banda de sol nos cotos”.
Se substitúo Nimbos por A música das esferas e ‘verso’ por ‘liña’, non se me ocorre mellor descrición do vivido estes días atrás na compaña do último ensaio do escritor e editor Carlos Lema (San Sadurniño, 1958), unha monografía filosófica na que, con claridade e fondura, o autor analiza as bases do pensamento occidental en relación ao concepto de orde e a súa proxección social.
Se substitúo Nimbos por A música das esferas e ‘verso’ por ‘liña’, non se me ocorre mellor descrición do vivido estes días atrás na compaña do último ensaio do escritor e editor Carlos Lema
Non é a primeira vez que Lema se debroca sobre estes temas. Nos últimos anos, deu mostras da súa singular capacidade (meta)teórica a propósito do papel da ficción literaria, a(s) linguaxe(s) e a(s) lectura(s) ao editar como Sobre a lectura, seguido de ‘Días de lectura’ (2011) de Marcel Proust ou cando asinou ensaios como Poesía, linguaxe e acción (con René Char) (2011) e mais Indeterminacións (2012).
En A música das esferas —título pitagórico onde os haxa— Lema regresa ao mitos e o logos tentando botar luz sobre como este configura unha idea de orde cósmica asentada pola filosofía da Grecia clásica que logo é redefinida polo neoplatonismo e a súa dialéctica de cosmos noetós/aiscetós, á que acabará engadíndose unha outra instancia transcendente de selo cristiá, abrindo o camiño a un derivar que, andando o tempo, se reformulará racionalistamente e chegará á Revolución Francesa e a Idade Moderna baixo o paraugas omnímodo do deus Progreso e un único obxectivo: “rexer o mundo como o reflexo inconsistente dunha representación que o transcende e o somete á súa Lei”.
O selo editor vigués Euseino? enriquece o seu atractivo catálogo (adórnano xa textos previos de Beatriz Fraga, Owen Jones ou Rebeca Baceiredo) con esta nova achega dun moi lúcido ensaísta
Moito ha prestar a lectura deste A música das esferas. Xenealoxía da orde do mundo aos amadores do pensamento puro e agradecerán poder achegarse a un ensaio fondo, documentado e exposto con absoluto rigor, un traballo impecable que moito e ben fala da colección Casabranca na que se inscribe e do meritorio labor que na súa curta andaina —hai agora un ano que arrincou motores— leva feito o selo editor vigués Euseino?, que enriquece o seu atractivo catálogo (adórnano xa textos previos de Beatriz Fraga, Owen Jones ou Rebeca Baceiredo) con esta nova achega dun moi lúcido ensaísta, Carlos Lema, entregue decote á nobre causa de pensar o mundo en galego.