A Pardiñas ou a Zas? A primeira fin de semana de agosto pide ubicuidade

CC-BY-SA Praza Pública

Comeza agosto e moreas de festivais musicais de diferentes ambientes e estilos agroman en Galicia. Nesta primeira fin de semana do mes, Pardiñas e Zas encabezan desde a tradición e veteranía un cartel festivaleiro que completan, entre outros, os dous últimos días do Noroeste na Coruña. 

En Pardiñas, a Feira e Festa da Música e da Arte, pregonada desta vez por Mini e Mero, volverá xuntar milleiros de persoas entre o sábado e o domingo nesta localidade de Guitiriz. A música de oito grupos animará unha edición que servirá de homenaxe a Manuel María. Ademais de moitas outras actividades, o sábado será Bloquinho de Xermolos quen dea comezo á noite, na que tamén acutarán Banda Crebinsky, Anxo Lorenzo Band, Rare Folk e Liviao de Marrao. Xa o domingo, tocaralle a Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, ademais de Fanfarria Taquikardia.

Ao tempo, en Zas, a Carballeira volverá encherse tamén de folk e música de variados estilos. O venres estará tamén Banda Crebinsky, xunto a O Ghusto do Boi, Mägo de Oz e Ruxe Ruxe. O sábado, Palepau, Luar na Lubre, Steve 'N' Seagulls, Skerryvore e Andrés Penabad, ademais das pezas da sesión vermú. 

Máis ao sur, en Bueu, a opción é o festival SonRías Baixas, onde destaca a actuación de Boikot, Soziedad Alkoholika, Heredeiros da Crus, Lendakaris Muertos, Poetarras  ou La Gran Pegatina, ademais de outros grupos comoThe Skarnivals, Vendetta, Gato López, ou Chotokoeu. Ademais, na Coruña, as últimas xornadas do Noroeste traen o venres á praia de Riazor a Cora Sayers, O Cadelo Lunático, Triángulo de Amor Bizarro e os británicos de Ocean Colour Scene. O sábado, Komódo, Look out Brother!, Freedonia e The Editors. 

Pero ademais de festivais musicais, a fin de semana chega tamén cargada de importantes festas como a do Albariño en Cambados, a Romaría Vikinga de Catoira, a Feira do Bonito en Burela, a do Percebe en Meirás, a do Mexillón en Rianxo ou a do Pemento de Herbón, entre outras moitas. 

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.