"A pesar de que a clase dirixente se aproveite do seu poder de xeito vergonzoso, seguimos a lle dar pábulo"

Dominio Público Praza Pública

Situarse no lugar do outro, do inaceptado por diferente. Denunciar a violencia que nos atravesa. As trampas do poder. Son algúns dos obxectivos, ou polo menos dos alicerces, de Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, o libro de relatos co que Álex Alonso gañou o Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole. Prosa áxil que pulsa a actualidade.

Os relatos teñen moito de reflexo da sociedade galega de hoxe. Moitos están conectados con temas que saen na prensa: os desaloxamentos, as preferentes... Xurdiron os relatos, dalgunha maneira, da lectura da prensa? (Ou polo menos dos problemas cotiáns que vives e vivimos).

Si, efectivamente. O libro nace dunha necesidade de expresar o estado de ánimo que sentía cando a crise parecía que azoutaba dunha maneira máis despiadada. Unha crise, por certo, que aí segue. Non desapareceu nin moito menos. O xornal é un medio que sempre me gustou e, como dis, moitos dos relatos naceron daquelas noticias que a min, dalgunha maneira, máis me chamaron a atención. Se é un reflexo da sociedade galega ou non, é algo que deixo ao arbitrio do lector. A min paréceme que si ou, cando menos, sei que bastantes lectoras se sentiron moi identificadas con algúns dos temas que no libro aparecen.

"O libro nace dunha necesidade de expresar o estado de ánimo que sentía cando a crise parecía que azoutaba dunha maneira máis despiadada"
 

Optaches, sobre todo, polo relato en primeira persoa. Iso fai o relato fresco e fluído, a linguaxe natural... Era o obxectivo desa escolla ?

Agora mesmo non son consciente de que tivese esa opción escollida de antemán. Imaxino que si porque os relatos aparecen no libro na orde cronolóxica en que foron creados. Así que, tras o diálogo de O curso de novas tecnoloxías, o seguinte relato xa está escrito en primeira persoa e así sucesivamente. Estou de acordo contigo. Penso que a primeira persoa, ese testemuño do personaxe tan directo, lle dá ao relato unha autenticidade e un impacto máis potente que se chega a estar escrito en terceira, onde ese discurso quizais quedaría moito máis diluído.

Un dos temas que máis se repiten é a violencia e o abuso de poder. Como afecta, sobre todo, á clase obreira. Unha violencia inscrita nun sistema concreto, o capitalismo neoliberal. Mais tamén persoas violentadas exercen a violencia. (Por exemplo, o adolescente educado no machismo, cun pai maltratador, que agrede a nai). É a violencia un dos temas que quixeches retratar? De que xeito? (Ou quizais, máis ben, un retrato do poder).

O tema da violencia aí está. E témola todos os días de distintas maneiras. Xa o feito de conducirmos un coche xera violencia. Está claro que neste sistema en que vivimos, dunha competitividade atroz, e onde os poderes espremen cada vez máis os cidadáns en forma de precariedade ou paro (¡isto ou nada!), obviamente existe un abuso de poder que está aí latente, e que afecta sobre todo a clase obreira. E con isto non quero dicir que vivamos nunha sociedade exclusivamente violenta, pero tamén quixera destacar que as páxinas de sucesos están cheas todos os días de noticias desta índole.

"Neste sistema en que vivimos, onde os poderes espremen cada vez máis os cidadáns en forma de precariedade ou paro, obviamente existe un abuso de poder"

Os enganos dese mesmo sistema tamén aparecen moito. Xente enganada, que creu o que lle vendían e sae queimada. As certezas perdidas, en xeral. É outra das cuestións que quixeches reflectir? Supoño que un pouco por autocrítica: crimos en todo aquilo, pechamos os ollos.

Creo que as masas, como masas, somos facilmente manipulables. Ao final penso que intentamos estar dentro do sistema, como sexa. Obrigados como tal. Porque quedar fóra pode supoñer a inanición. E iso provoca as máis das veces pechar os ollos e saltar ao baleiro. Que despois abaixo haxa auga ou non é o risco que debemos correr. Si, concordo contigo no das certezas perdidas. Gústame. E no salto, cando nos achegamos ao fondo, ao chan, vemos, espantados, que está seco.

"Ao final penso que intentamos estar dentro do sistema, como sexa. Obrigados como tal. Porque quedar fóra pode supoñer a inanición"

En relación co anterior, sae moito a corrupción política e as súas distintas formas. A concelleira comprada. A contabilidade B do partido. O que se se sabe parte da oligarquía gobernante e ri da submisión do pobo. E apuntas, aquí, ao complicidade da clase subalterna, e non só de quen ten o poder. Complicidade por acción ou por omisión. Por que?

Ben, a corrupción ten que saír porque se por algo se caracteriza actualmente a clase política é, lamentablemente, por ela. Acerca do que apuntas sobre a complicidade dos "de abaixo", entendido este abaixo polo pobo, por nós mesmos, está claro que existe, porque vemos como, a pesar de que a clase dirixente (e non só política) se aproveite do seu cargo e poder de xeito vergonzoso, seguimos a lle dar pábulo e a xustificar accións que merecerían unicamente o noso máis absoluto repudio. Así, pois, complicidade por omisión, evidentemente.

"A pesar de que a clase dirixente (e non só política) se aproveite do seu cargo e poder de xeito vergonzoso, seguimos a lle dar pábulo"

Tamén en relación con iso, é moitas veces o Estado o que exerce a violencia. O rapaz acusado de terrorista. A rapaza pobre obrigada e ter un fillo que non desexa. O torturador. O home perseguido por non usar o what'sapp. E son as violencias máis absurdas e incomprensibles, moitas veces. Porque é así como o ves?

Creo que é un pouco unha continuación do dito con respecto ao sistema. O relato do What'sApp é sintomático diso. De forma paródica un tipo é vixiado e perseguido porque non actúa como o fai o resto dos seus concidadáns. Levanta sospeitas por algo tan absurdo como é negarse a ver o seu What'sApp. Todo o mundo o fai e el non. Isto podería ser extrapolable a outro tipo de situacións de máis transcendencia. Existe, evidentemente, unha imposición por parte do sistema en aceptar normas que, quizais, en moitas ocasións, restrinxen a nosa propia liberdade como individuos.

Dentro da violencia, aparece moito a violencia sexual. O libro apunta moito a iso, a unha sociedade patriarcal. Cunha intención bastante clara de denuncia.

Unha amiga lectora díxome, tras ler o libro, que se notaba que eu vivía entre mulleres. E non só vivo senón que tamén me criei entre elas. O tema da violencia contra a muller (en todas as súas formas) é algo que me preocupa enormemente. O meu anterior libro Xénero imperfecto xa trataba sobre a violencia de xénero. Creo que estamos ante unha lacra social que, lonxe de diminuír, cada vez vai a máis. E, ademais, dáme a impresión de que non se están a utilizar todos os medios posibles para evitalo. A sociedade segue a ser machista, evidentemente. E estimo que hai de novo unha involución nese aspecto. Si, hai unha intención clara de denuncia. Pero unha denuncia que está presente en todo o libro.

"A sociedade segue a ser machista, evidentemente. E estimo que hai de novo unha involución nese aspecto"

En moitas ocasións, reacciónase á violencia con violencia. (Outras con submisión). Curiosamente, e aínda que os temas tratados son abondo dramáticos, este tipo de saídas (mais o humor), fan que o lector quede cunha sensación de que hai esperanza. Era o obxectivo?

Pois non era algo que o tivese preestablecido, pero pode ser. Manuel Bragado falaba da ilusión esperanzada que destilaban os magníficos relatos de 'Funambulistas' de Mercedes Leobalde. Un desexo de cambiar a realidade coa esperanza de que mesmo as situacións máis inxustas poden mudar. E o primeiro paso para superalas é, evidentemente, recoñecelas e denuncialas, dicíame nun correo Mercedes. O libro, á fin e ao cabo, é un intento por visibilizar e concienciar acerca de todas estas cuestións.

A non aceptación da diferenza (física, racial, cultural, de orientación sexual...) é outros dos temas. E é neses relatos, quizais, onde se ve máis a violencia que nos atravesa, no máis cotián. A inaceptación do outro. A violencia, poderiamos dicir, entre iguais. Cotiá e horizontal. O non deixar vivir.

Totalmente de acordo contigo. Por iso sinalaba antes que a violencia está presente nas nosas vidas das máis variadas formas. Segue a haber un déficit con respecto á aceptación do outro. A narración en primeira persoa que emprego no libro non é máis que un exercicio por situarse no lugar do outro, do que é diferente, dende o punto de vista racial, sexual, cultural, etc. Un exercicio que deberiamos practicar todos. Son dos que pensan que cun pouco máis de respecto e tolerancia o mundo funcionaría mellor. Non hai máis que ver como Europa está abordando o desastre humanitario sirio. ¡E din que somos o primeiro mundo!

"A narración en primeira persoa que emprego no libro non é máis que un exercicio por situarse no lugar do outro, do que é diferente"

Un relato fala de conversas parvas nas redes sociais. Outro de dúas señoras maiores que, sentadas ao lado, se escriben a través de internet. E é dos relatos máis esperanzadores. Está colocado ao principio por algún motivo especial?

Pois non tiña eu en mente que o primeiro relato fose dos máis esperanzadores. O primeiro relato foi, en realidade, o primeiro que fixen. Quixen crear un relato (que eu chamaría trampa) humorístico, tendo como tema o choque que se produce entre as novas tecnoloxías e as xeracións pasadas. Quería regalárllelo ás nosas nais da miña parroquia de San Miguel de Oia. E quería abrir o libro deste xeito porque sabía que despois virían relatos menos "festeiros", por dicilo dalgún modo. Con respecto ás novas tecnoloxías, que ocupan unha parte fundamental do libro, e malia que tras a súa lectura puidese pensarse que son unha especie de detractor delas, considérome un firme partidario. Outra cousa é o abuso e a mala praxe con que as usamos. O último relato do libro é unha boa proba disto.

Algo máis que queiras salientar?

Espero que o público lea o libro. Marcos Calveiro dicía que era un libro "signo dos tempos" (como homenaxe a Prince) e Mercedes Leobalde "absolutamente necesario". Que máis podo dicir?

NA TENDA DE PRAZA: Podes mercar o libro aquí.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.