A Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei mantén a mobilización ante as "mentiras" de Nava Castro

Castelo de Monterrei © Xacobeo

O conflito aberto polo proxecto da Xunta de Galicia de converter o Castelo de Monterrei nun establecemento hoteleiro de luxo xestionado por Paradores segue aberto. E semella que a intervención pública hai uns días de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, que buscaba responder as críticas lanzadas por expertos e entidades sociais, non fixo máis que reafirmar os argumentos destas críticas e redobrar a mobilización na súa contra. 

Castro prometeu que a Xunta "non privatizará o castelo de Monterrei", e baseou esta afirmación en que a xestión deste futuro hotel de catro estrelas se fará a través de Paradores, unha empresa pública. Porén, dende a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei contestáronlle de inmediato sinalando as contradicións no seu discurso, pois na mesma intervención Nava Castro deixou a porta aberta a que o actual Parador de Turismo de Monterrei (situado fóra do castelo, a tan só 200 metros) pois ser xestionado por un operador privado. "Non está sendo xestionado o Parador de Verín pola mesma empresa pública pola que nos garanten que o castelo seguirá en mans do Estado?", afirma a plataforma nun comunicado, no que manteñen a súa crítica a que "pase a mans privadas" un castelo que é "un edificio público restaurado con cartos de todos".

Semella que a intervención pública de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, que buscaba responder as críticas lanzadas por expertos e entidades sociais, non fixo máis que reafirmar os argumentos destas críticas e redobrar a mobilización na súa contra

A Plataforma sinalou unha vez máis a incoherencia de investir unha importante suma económica na conversión en hotel de luxo do núcleo da fortaleza, habendo un outro Parador en funcionamento, deficitario, e que ten que pechar catro meses ao ano por falta de demanda. Instaron a Nava Castro, polo tanto, a solucionar este problema de demanda no actual Parador, no canto de crear un novo. Castro, ademais, baseou a necesidade de construír un novo establecemento na falta de prazas hoteleiras en Verín, que obriga a moitos visitantes -afirmou- a buscar aloxamento en Portugal. "Hai máis de 600 prazas e demostrouse que son demasiadas", din dende a Plataforma. "Non se pode hipotecar o castelo e ceder á súa privatización por un día puntual de tempada no que Verín non conte con prazas hoteleiras suficientes", conclúen.

 

Oposición á ocupación do núcleo da fortaleza

"Non se pode hipotecar o castelo e ceder á súa privatización por un día puntual de tempada no que Verín non conte con prazas hoteleiras suficientes"

Na súa intervención Nava Castro asegurou que o 83% do castelo de Monterrei seguirá sendo visitable cando se convirta en Parador, unha afirmación de que foi cualificada de "mentira" pola Plataforma. "Para chegar a esa porcentaxe incluíu espazos exteriores, viais, rampas de acceso e demais superficie do entorno monumental", din.

De igual xeito, o arquitecto Xerardo Seoane Fidalgo, integrante do Foro Monterrei que xa hai unhas semanas amosara a súa posición contraria ao uso privado da fortaleza, destaca nun artigo que o máis grave do proxecto impulsado pola Xunta é a ocupación do núcleo do castelo: "Este núcleo é a esencia do recinto do Castelo e o que caracteriza a fortaleza. Dado o seu carácter de Praza Pública  —Monterrei é como unha pequena cidade— se se altera o seu uso público, transformando o núcleo monumental nun hotel, todo o conxunto se vería desnaturalizado e perdería o seu carácter".

"Se se altera o seu uso público, transformando o núcleo monumental nun hotel, todo o conxunto se vería desnaturalizado e perdería o seu carácter"

Seoane apunta a alternativa de, no caso de querer construír un novo establecemento hoteleiro en Monterrei, de rehabilitar algunha das edificacións anexas á fortaleza, fóra do seu núcleo, ou mesmo de construír algunha nova, nalgún dos terreos baleiros que existen no recinto: "Se o conxunto se formou a través dos séculos, por que no século XXI non pode facerse unha achega  arquitectónica á fortaleza que contribúa a engrandecer o seu patrimonio en lugar de actuar desnaturalizando a súa esencia? Existen moitas intervencións no patrimonio nacional nesa liña, como pode ser o caso de Olivenza e o de Alburquerque, entre outros".

Ademais, salienta que "o novo uso proposto non é afortunado—non dubidamos da calidade do proxecto nin dos materiais a empregar—, pero resulta difícil de crer que o establecemento teña a categoría de catro estrelas cando practicamente carece de ventás". E lembra que no decreto de cesión do edificio do Estado á Xunta de Galicia en 2010, non se prevía un uso hoteleiro e que "agora preténdese cambiar o acordo de cesión para introducir o uso hoteleiro e, en concreto, para un Parador de Turismo. O concepto de Utilidade Pública e interese social, aínda que é bastante aberto, non o é tanto como para facer un hotel á beira doutro que non funciona", afirma.

Destaca que "chama poderosamente a atención o feito de que se proxecte unha actuación reversíbel, é dicir, que se poida desfacer sen danar o edificio, o que nos dá unha idea da ilusión e expectativas de futuro con que a Xunta de Galicia acomete as obras". E conclúe que "a adaptación do Palacio dos Condes e da Casa Reitoral para un Parador de Turismo é un acto autoritario, que se intentará encubrir dentro da máis estrita legalidade, como ocorreu sempre".

 

Críticas de José Luis Cuerda

"A adaptación do Palacio dos Condes e da Casa Reitoral para un Parador de Turismo é un acto autoritario, que se intentará encubrir dentro da máis estrita legalidade, como ocorreu sempre"

A oposicion ao proxecto hoteleiro chegou mesmo dende o director de cinema José Luis Cuerda, que ao saber da situación que ameaza a integridade da fortaleza, pediu a través dun comunicado remitido á Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei que "ninguén poña sus torpes poutas avarentas e delitivas" neste monumento. Cuerda sinalou ademais que "alguén con malicia, ocultamento e na crenza de que posúe poder omnímodo anda violentando as entranas do castelo de Monterrei para, desprezando a súa historia e as leis, convertelo nun inútil establecemento hoteleiro".

Pazo das Damas CC-BY-SA Ramón Piñeiro
Interior do Castelo CC-BY-SA Alfonso González

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.