"A portada de El Jueves é brillante"

Portada de El Jueves © Praza Pública

El Jueves decidiu dedicar a súa portada do exemplar desta semana, publicado este mércores, á polemica xerada polas viñetas de Mahoma que a revista satírica francesa Charlie Hebdo incluíu no seu número da pasada semana. El Jueves non debuxa a Mahoma senón que opta por xogar co feito de que a prohibición explicita da relixión musulmá de representar o seu profeta, fai que non se coñeza unha imaxe estandarizada desa figura. Así, a revista titula: 'Pero alguien sabe como es Mahoma?'.

A pesar de todo isto a embaixada de España en Exipto pediulles aos españois que se atopan no país que extremen as súas precaucións. Algo semellante ao que fixo a pasada semana o Goberno francés depois da saída do Charlie Hebdo e que mesmo acabou co peche das escolas francesas no norte de Africa. O director de El Jueves afirmou esta mañá que a decisión de publicar este número se fundamenta nun principio fundamental da revista: "que a liberdade de expresión está por riba da intransixencia relixiosa". O consello de redacción debateu a orientación que se lle debia dar a este asunto e a decisión tomouse por unanimidade. No seu editorial a revista salienta que está en xogo a liberdade de expresión e conclúe: "transixamos agora e veremos que esta non era máis que a primeira dunha longa lista de maneiras de ofendelos".

Pola súa banda Charlie Hebdo publica este xoves un dobre número, un cualificado de responsable e outro de irresponsable, en protesta polas críticas recibidas por publicar a pasada semana viñetas de Mahoma: "non deixaron de chamarnos irresponsables por termos publicado os debuxos de Mahoma. Pois ben, esta semana quixemos amosar o que é un periódico responsable", afirman. A capa do número responsable aparece totalmente en branco e no seu interior non aparecen debujos, nin artigos e limitase a recoller titulares anodinos, como "A prudencia é a nai da seguridade", "O paro, esa plaga" ou "Sabe vostede plantar repolos?".

 

Kiko da Silva pide que non se utilice o respecto á relixión para ocultar outras cousas

Hai dous anos Retranca tivo grandes problemas para distribuír a tempo un número especial sobre o Papa, pois a imprenta secuestrou a publicación "por razóns morais"

O debuxante e humorista gráfico Kiko da Silva, director da Revista Retranca e responsable do Garaxe Hermético, a primeira escola profesional de Banda Deseñada e Ilustracion de Galicia, non entende a polémica xerada e defende que "a portada de El Jueves é brillante". Da Silva salienta que ninguén se deberia sentir ofendido pois nin sequera representa a Mahoma senón que fai referencia a unha realidade: que ninguén sabe como é a súa figura pois nunca se representou. Entende que é "unha cuestión máis politica que relixiosa, sempre se mistura unha cousa coa outra".

Hai dous anos a Revista Retranca preparou un número especial coincidindo coa visita do Papa Ratzinger a Compostela. O número, moi crítico sobre todo co gasto de cartos públicos que esta visita supuxo para Galicia e para o Concello de Santiago, ao redor de tres millóns de euros, tivo grandes problemas para ser distribuído a tempo, pois a imprenta encargada de facer as copias da revista secuestrou a publicación ao ver a súa portada e o tema monográfico das súas páxinas. A empresa murciana alegara "motivos morais" para negarse a distibuír unha revista que amosaba o xefe da igrexa católica rodeado de billetes. Porén, tamén imprimía outra publicación que tiña na súa portada unha monxa lambendo unha pistola.

Da Silva lembra que aquela portada "non falaba de relixión, senón que falaba de cartos. Era unha critica ao despilfarro nun momento no que xa estabamos metidos na crise". E pide que non se utilice o respecto á relixión para ocultar outras cousas e urxe que se entre "no debate real".

 

A orixe da tensión

A tensión nace das protestas do pasado 11 de setembro nas que milleiros de persoas se manifestaron en diversos países musulmanes para protestar contra un vídeo sobre Mahoma realizado nos Estados Unidos, que os musulmáns consideran "blasfemo". O vídeo é obra dun dírector amateur israelí-estadounidense chamado Sam Bacile que afirma que "O Islam é un cancro". Os sectores máis conservadores do mundo musulmán e do cristianismo estadounidense buscan recuperar a narrativa baseada no choque de civilizacións usando a película anti-islámica como ferramenta, como analizaba El Diario.

En 2005 El Jueves estivera a piques de publicar unha portada de Mahoma nun ambiente de tensión semellante ao actual pero finalmente non se decidiu

En 2005 El Jueves estivera a piques de publicar unha portada de Mahoma nun ambiente de tensión semellante ao actual pero finalmente non se decidiu e literalmente titulou na súa portada que "ibamos a dibujar a Mahoma pero nos hemos cagado". Porén, unha semana máis tarde publicaron unha "manifestación de deuses" na que si debuxaron a Mahoma.

Portada de El Jueves © Praza Pública
Capa do número especial de Retranca dedicado á visita do Papa © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.