A RAG engade 350 novas palabras, entre elas 'ciberacoso', 'aporofobia' ou 'colaborativo'

Dende esta semana o diccionario da RAG inclúe a acepción de 'nube' como "espazo de almacenamento virtual" CC-BY-SA Ángel Torres

Ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade, ciberdelincuencia, ciberdelincuente ou ciberdelito son algunhas das novas 350 palabras incorporadas pola Real Academia Galega ao seu dicionario, que en moitos casos inciden en fenómenos ligados ás tecnoloxías da comunicación e outros fenómenos que se foron afianzando na sociedade nas últimas décadas, incorporándose de forma natural e habitual á linguaxe cotiá. O Seminario de Lexicografía da institución revisou entre xaneiro e a primeira quincena de xuño preto de 2.200 voces. En total, entre as novas entradas e as novas acepcións de termos xa recollidos, os cambios supoñen 350 novas incorporacións.

Entre as incorporacións figura tamén xestor/-a de comunidade, como alternativa propia ao anglicismo community manager

Entre estes cambios, o dicionario engade a nube unha nova acepción referida ao espazo de almacenamento virtual. E tamén recolle xestor –a de comunidade como voz propia para o anglicismo community manager. Aparecen tamén conectividade ou blogosfera.

Destaca igualmente a inclusión de 168 termos matemáticos que enriquecen o glosario especializado da lingua galega, grazas á colaboración de especialistas de distintos eidos. Entre elas figuran palabras como grafo, hexadecimal ou óvalo; e tamén novas acepcións para interpolar, moda, mediana, congruencia, regresión ou transitivo.

Incorpóranse tamén rendibilizar (ata agora só se recollía o adxectivo rendible), colaborativo, corremundos, aparcacoches e aporofobia (e aporofóbico, o seu adxectivo correspondente), neoloxismo creado pola catedrática de Ética e Filosofía Política Adela Cortina nos anos 90 para designar o "medo, rexeitamento ou aversión ás persoas pobres e desfavorecidas". Ao longo do primeiro semestre do ano o dicionario foi xa incorporando outros termos presentes na lingua viva como rap, baremar ou tripi. 

A entrada de aporofobia débese a unha solicitude remitida polo Foro Socioeducativo Os Ninguéns

Dende a Academia lémbrase que a RAG está sempre aberta ás suxestións de novas incorporacións e cambios realizadas por calquera persoa. Por exemplo, o Dicionario inclúe a opción de enviar mensaxes clicando no botón de Axúdanos a mellorar, visible tras a definición de calquera termo, e tamén a través das redes sociais. Por exemplo, a entrada de aporofobia débese a unha solicitude remitida polo Foro Socioeducativo Os Ninguéns.

 

Non diga 'community manager', diga 'xestor-a de comunidade' CC-BY daveynin

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.