O certame comeza o vindeiro venres 6 e desenvolverase ata o 21 de setembro
O Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBUEU, que este ano chega á súa 17ª edición, presentou este venres a súa programación, que inclúe a estrea absoluta en España de 15 curtametraxes realizadas por directoras e directores de Canadá, Italia, Suíza, Lituania, Estonia, Líbano, República Checa, Francia, Estados Unidos, Países Baixos, Reino Unido ou Finlandia.
Dúas das curtas poderanse ver o domingo 8 de setembro na sección Descubertas, que reúne media ducia de películas innovadoras e de vangarda. O resto forman parte do cartel da Sección Oficial, que se desenvolverá en seis bloques de películas entre o luns 9 e o sábado 14. O certame comeza o vindeiro venres 6 e desenvolverase ata o 21 de setembro.
A concelleira Carmen García felicitou á dirección e o equipo do FICBUEU pola súa decisión de excluir da súa sección competitiva os filmes apoiados con diñeiro público de Israel
A nova edición do certame bueuense foi presentada publicamente este venres no centro de Bueu coa participación da concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García; o presidente de Deputación de Pontevedra, Luis López; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, e máis as directoras e o director do FICBUEU: Nerea Lores, María Ruiz-Falcó e Manuel Pena. Tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e mailo deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela.
A concelleira Carmen García felicitou á dirección e o equipo do FICBUEU, un festival que, lembrou, "conta co respaldo da veciñanza, incluído o tecido asociativo da vila". Felicitou ademais ao certame pola súa decisión de excluir da súa sección competitiva os filmes apoiados con diñeiro público de Israel. En xuño o FICBUEU organizou a proxección solidaria "Cinco olladas palestinas", con cinco filmes seleccionados por NUMAX e cuxa recadación foi destinada á ONG Medical Aid for Palestinians.
A programación inclúe a estrea no Estado español de 15 curtametraxes realizadas por directoras e directores de Canadá, Italia, Suíza, Lituania, Estonia, Líbano, República Checa, Francia, Estados Unidos, Países Baixos, Reino Unido ou Finlandia
O FICBUEU dedica este ano as súas Xornadas Cinematográficas á relación entre cine e política. A partir do sábado 7 analizarase o impacto no cinema en diferentes momentos da historia das correntes políticas do momento. O espazo contará coa masterclass do profesor de Filosofía Política Camil Ungureanu, unha conversación entre as críticas e programadoras Belit Lago e Daniela Urzola, unha mesa redonda en liña con membros do podcast «La escóbula de la Brújula» e un encontro co director Jaime Rosales (Petra, Girasoles silvestres). Ademais, proxectarase a película The Conversation, realizada en 1974 por Francis Ford Coppola e protagonizada por Gene Hackman e John Cazale.
O FICBUEU dedica este ano as súas Xornadas Cinematográficas á relación entre cine e política
O programa deste ano inclúe tamén un encontro a tres bandas: o director Rodrigo Cortés (Buried, Red lights ou a aínda por estrear Escape), o novelista Juan Gómez-Jurado (creador da triloxía Reina Roja e do seu protagonista, Antonia Scott) e o guionista, humorista e comunicador Arturo González-Campos charlarán co público o domingo 8 (12.00 horas) sobre a pegada do cambio que supuxo a chegada do son ao cinema. Os tres forman parte dos coñecidos pódcast ´Todopoderosos» e «Aquí hai dragones».
Residencia FICBUEU
Un dos elementos máis destacados do festival é a Residencia FICBUEU, que permite a estadía de catro novos realizadores e realizadoras durante unha semana na Illa de Ons
Un dos elementos máis destacados do festival é a Residencia FICBUEU, "un claro exemplo do apego ao territorio por parte do festival". Na súa segunda edición, elixiu a catro realizadoras e realizadores de entre 25 e 28 anos para que poidan desenvolver os seus novos proxectos. Un equipo de expertas liderados pola directora e guionista Estibaliz Urresola (20.000 especies de abellas) formaraos e asesorará durante unha semana (do 16 ao 23 de outubro) na Illa de Ons.
Participan a arxentina Camila Mailén Bóveda, as catalás Ana Calderón e Anna Llargués e o lucense Miguel Casaseca. Unha das catro curtametraxes, ademais, recibirá apoio para a súa produción. O ano pasado o proxecto gañador foi Sismes, de Jordi Sanz. Recibiu un premio de 15.000 euros e foi producido pola produtora galega Nortecatro Cinema e a catalá Shoji Films.