O acto celebrarase en Nigrán este venres e poderá seguirse en directo a través da web da Academia
O vindeiro 21 de marzo celébrase o Día da Poesía. Tres días antes a Real Academia Galega levará a cabo unha homenaxe a Bernardino Graña, nun acto no que os seus versos soarán nas voces doutros autores e amizades. O académico Xesús Alonso Montero pronunciará a laudatio do homenaxeado e os tamén membros da RAG Ramón Lorenzo e Ana Romaní recitarán versos da súa autoría xunto a Xosé María Álvarez Cáccamo, Alexandre Ripoll, Lucía Novas, Alexandre Nerium, Marta Dacosta, Elvira Ribeiro, Héitor Mera e Miro Villar.
Marilar Aleixandre conducirá o acto que arrincará coas palabras do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o alcalde do Concello de Nigrán, Juan González Pérez. Gelria encargarase da parte musical. O evento, que se poderá seguir en directo a través da web de academia.gal, celebrarase a partir das 17 horas no Auditorio de Nigrán con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
O versos de Bernardino Graña soarán nas voces doutros autores e amizades
Nacido en Cangas no ano 1932, Graña pertence á 'Xeración das Festas Minervais', na que poden ser encadrados Uxío Novoneyra, Antón Avilés de Taramancos, Manuel María, Xohana Torres, Xosé Luís Franco Grande, Xosé Luís Méndez Ferrín, Salvador García-Bodaño, Arcadio López-Casanova ou Manuel Rodríguez López. Ademais, foi un dos integrantes do Grupo Brais Pinto nos anos en que seguiu a estudar en Madrid xunto a Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Fernández Ferreiro e Reimundo Patiño, entre outros.
Foi mestre de lingua e literatura no ensino secundario ata a súa xubilación no ano 1991
Aínda que tamén escribiu teatro e narrativa, sobre todo literatura infantil, desenvolveu a súa obra principal na poesía, con títulos como Profecía do mar (1966), Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Se o noso amor e os peixes… (1980), ou Sen sombra e sen amor (2004). Obtivo numerosos premios e recoñecementos, dende catro galardóns nas Festas Minervais nos anos 50 e 60 do pasado século ata o Premio da Cultura Galega no ano 2021, pasando polo Premio Abrente (1969), o Premio Merlín (1993) ou o Pedrón de Ouro (1999)
Foi mestre de lingua e literatura no ensino secundario ata a súa xubilación no ano 1991. Dende moi novo formou parte do Consello de Redacción da revista poética Alba e participou tamén como articulista en La Noche e no Faro de Vigo.
Graña, o 'poeta do mar', tamén foi impulsor e o primeiro presidente da AELG
Bernardino Graña, o 'poeta do mar', tamén foi impulsor e o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade da que foi nomeado socio de honra no 1996 e Presidente de Honra en 2021. É membro da RAG dende o ano 2010. Ingresou na institución nun acto celebrado en Cangas do Morrazo cun discurso titulado Contos populares e Rosalía.