"A Romaría Pop é unha demostración do bo momento da música en Galicia"

A edición 2012 da Romaría Pop Dominio Público Praza Pública

“O ano pasado non sabiamos o que ía pasar: se por aí ían aparecer oitenta despistados ou se ía haber unhas tres mil persoas. E ao final achegouse máis a isto último". Falamos con Álvaro Álvarez, de Desconcierto Cultural, a asociación responsable da Romaría Pop, o festival que este sábado celebrará a súa segunda edición no compostelán parque de Belvís. Búscase repetir o éxito do pasado ano, unha receita composta de concertos, feira, obradoiros para nenos e gastronomía, que animou a case tres mil persoas a pasar unha asollada tarde escoitando música.

“Nesta segunda edición para nós o máis importante era consolidar o modelo, máis que presentar novidades ou incorporar novos elementos", di Álvaro, que sinala que o obxectivo volve ser realizar "unha xornada de convivencia cidadá ao redor da música, recuperar o concepto da romaría, pero anovándoo relacionado con gustos máis contemporáneos". O cartaz, ao igual que o pasado ano, é unha selección variada en estilos e procedencia, unha ducia de bandas que permite facer unha foto fixa dalgunha das propostas musicais galegas que máis están soando dentro e fóra (Wild Balbina, Colectivo Oruga, Uniconibot...), nomes consolidados (Pedrito Diablo y Los Cadáveras, Nouvelle Cuisine...) e novos (Fagot y Popota, La Bande Ornythorinque...).

“É unha demostración do bo momento da música en Galicia", comenta Álvaro Álvarez. "Gústanos traer a bandas que están soando moito dentro e fóra de Galicia que son moi recoñecidas pola prensa especializada, pero tamén é imprtante dar a oportunidade a grupos pequenos que case non teñen sequera un ep, que teñen pouco máis dun bandcamp, e que nunca tocaran para un público tan amplo".

O lugar, un ano máis, é o parque de Belvís, un espazo menos utilizado para grandes eventos que outros da capital de Galicia (Alameda, Bonaval...) e que o ano pasado foi recoñecidos polos asistentes pola súa beleza e comodidade: "Hai parques máis coñecidos pero nós apostamos tamén por Belvis porque é un espazo moi céntrico, a carón da zona vella, pero no que se cadra se realizan menos actividades. Gústanos moito este parque e alégranos que se convertese nunha seña de identidade". O parque, aínda que nunha parcela distinta á de 2012, acollerá os concertos e tamén a variada oferta de restauración e gastronomía que tamén recibiu moitos parabén o pasado ano. E tamén o espazo de feira: discos, roupa, artesania, complementos..., case corenta postos nos que pasar a tarde, entre concerto e concerto.

A Romaría tamén inclúe actividades para nenos e nenas, comezando por obradoiros musicais dirixidos aos máis pequenos (con Xan Molina de Mequetrefe e Fagot y Popota), e tamén outros centrados na creación de camisetas de rock ou de decoración de zapatillas. Álvaro explica neste senso que “hai miles de festivais en toda España. E nós o que queriamos era levar a música a unhas horas e a un espazo no que xente de todo tipo poida gozar con ela. E sobre todo recuperar moita xente que se cadra era habitual nos festivais e concertos, pero que polo motivo que sexa, por exemplo ter fillos, foi deixando de ir. Queríamos crear un lugar no que gozar da tarde ao redor da música e con persoas de todo tipo".

A edición 2012 da Romaría Pop Dominio Público Praza Pública
A edición 2012 da Romaría Pop Dominio Público Praza Pública
A edición 2012 da Romaría Pop Dominio Público Praza Pública
A edición 2012 da Romaría Pop Dominio Público Praza Pública
A edición 2012 da Romaría Pop Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.