A Semana Galega de Filosofía reivindica a importancia da memoria

O profesor José Barata-Moura © Aula Castelao

A Aula Castelao abriu este luns a trixésima edición da Semana de Filosofía, que se desenvolverá até o venres. Comezou o acto o coordinador da Aula, Carlos Calviño, lembrando as orixes deste acontecemento do pensamento e denunciando un mundo convertido en inferno para billóns de persoas a base de facelo xirar en torno á rendibilidade dos grandes capitais. A conferencia inaugural correu a cargo do profesor Barata-Moura, que achegou a memoria como modo de interiorizar a experiencia, conceptualizada como movemento dialéctico entre o coñecemento e a cousa en si. Porén, o profesor tamén botou man de Nietzsche, firme defensor do esquecemento, integrándoo no discurso defensor da memoria como instrumento para apropiarse da experiencia, polo tanto, do tempo presente. Pois esa sorte de esquecemento pode ser a flexibilidade que permite, precisamente, a reestruturación das cousas, en tanto que inhibe o determinismo.

Pola tarde, Lourenzo Fernández Prieto fixo un balance do proxecto nomesevoces.net, do que dixo que se formaliza "contra a memoria orwelliana do réxime". Explicou que calquera pode consultar se ten algún parente represaliado na propia web do proxecto e que, do mesmo xeito, pode demandarse a súa investigación e inclusión. Comentou que en Galicia "houbo, máis que nada, un golpe de estado continuado. Houbo lóxica de golpe de estado, non de guerra civil. E neste golpe de estado continuado que foi o conflito, aos máis ricos e poderosos os mataron antes e legalmente".

Na súa intervención defendeu que "hai que mudar o marco historiográfico" pois "temos moitos datos sobre as vítimas, pero faltan explicacións, porque aínda se rexen polo marco (teórico) franquista. Se cambiamos de modelo vemos unha debilidade tremenda do fascismo e do comunismo nos anos 30 no Estado Español, e a fortaleza da democracia e do liberalismo". Lamentou que "houbo un pacto, un desexo social para esquecer o pasado" e reclamou "un novo enfoque historiográfico para renovar e revisar este pasado, que só pode facerse dende os dereitos humanos".

A Semana xirará ao redor do eixo temático Filosofía e Memoria, pois o recordo do pasado nos permite entender e explicar moitos aspectos do presente. Asimesmo, a construción de identidades minoritarias ou a resistencia de pensamentos situados fóra da lóxica dominante -ou o seu esquecemento- está en xogo a partir desta noción. A maiores, o propio aniversario deste evento é un motivo para apelar á memoria, que fai presentes realidades relevantes en tanto que nos van acompañando –e amparando- no devir do tempo. Todas a sesións pódense seguir a través da web da Aula Castelao.

Ademais das sesións que se celebrarán en Pontevedra, o martes e o xoves ás oito da tarde haberá dúas palestras na sé da Fundación Paideia da Coruña a cargo de José Barata-Moura e Manuela Carmena. Con motivo do trixésimo aniversario, acompaña tamén a esta edición da Semana unha exposición na Casa das Campás de Pontevedra do material gráfico empregado pola Aula Castelao ao longo de trinta anos.

 

Programa completo

Luns 1

10.30: Dialéctica da memoria, por José Barata-Moura (Universidade de Lisboa)
17:00: Pasados incómodos de vítimas e verdugos. Balance do proxecto www.nomesevoces.net, por Lourenzo Fernández Prieto (Universidade de Santiago)
20:00: O por que e o para que do Aula Castelao e a razón de ser da filosofía nas ensinanzas media, por Ramón Regueira (cofundador e primeir presidente da Aula Castelao)

Martes 2

10.30: A estratexia do esquecemento no capitalismo, por Miren Etxezarreta (Universidade de Barcelona)
17:00: Arquitectura e memoria, por Manuel Galego Jorreto (arquitecto)
20:00: O andar do vagabundo, por Manuel Rivas (escritor)

Mércores 3

10.30: Repetición, memoria e aspiración antideterminista do suxeito actual, por Manuel Fernández Branco (Psicólogo clínico do servizo de Psiquiatría do CHUAC)
17:00: A escrita autobiográfica na construción da identidade feminina. Memorias de guerra e postguerra, por Aurora Marco (Universidade de Santiago)
20:00: Os meandros da memoria no decorrer da xustiza, por Manuela Carmena Castrillo (maxistrada e cofundadora de Xuíces para a democracia)

Xoves 4

10.30: Políticas da memoria e do esquecemento na Europa central e oriental despois de 1989, por Bruno Groppo (Universidade de Parides)
17:00: Memoria e lingua, por Francisco Fernández Rei (Universidade de Santiago)
20:00: Usos e prácticas da memoria e do patrimonio, por Paula Godinho (antropóloga)

Venres 5

10.30: Memoria e futuro, por Manuel Cruz (Universidade de Barcelona)
17:00: Galiza nesta hora: para unha memoria política dos últimos 30 anos, por Camilo Nogueira (político e economista)
20:00: Homenaxe ás vítimas do franquismo

Cartaz da XXX Semana de Filosofía Dominio Público Aula Castelao
O profesor José Barata-Moura © Aula Castelao

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.