A tradución ao inglés de 'Cantares gallegos' lanzarase ao mercado anglosaxón a finais de ano

Rosalía de Castro Dominio Público Praza Pública

Galician Songs. Ese será o título da tradución ao inglés de Cantares Gallegos que verá a luz a finais deste ano da man da Editorial Small Station Press. A poeta e tradutora candense Erín Moure (Canadá, 1955 ) é a responsable da versión anglosaxona do histórico poemario de Rosalía, cuxa publicación cumprirá 150 anos o próximo 2013. Moure anda estes días a ultimar a súa tradución e traballa xa xunto a Jonathan Dunne, director do selo editorial, nas correccións finais do libro. Este volume será o cuarto título da colección Galician Classis da editorial, na que se inclúen as traducións da obra de Lois Pereiro, Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, e Xente de aquí e dacolá, de Álvaro Cunqueiro.

A primeira edición da versión anglosaxona do clásico rosaliano lanzará máis de 1.000 exemplares, cuxa distribución dependerá tanto da editorial como da Xunta de Galicia, quen participa no proxecto. “A Xunta coedita o libro e comprométese a mercar exemplares que serán distribuídos a través dos Centros de Estudos Galegos ou do Instituto Cervantes”; explica o propio Jonathan Dunne. O resto da edición será vendida a través das principais distribuidoras e librarías virtuais do mundo anglosaxón, como tamén na páxina web da propia editorial. Os responsables do libro  están a estudar a posibilidade de que os volumes conten con distribución en Galicia.

Coa publicación deste libro, Erín Moure volverá colaborar con Jonathan Dunne, xa que a escritora canadense participara no proxecto Anthology of Galician Literature 1196-1981, obra coeditada a tres bandas por Xerais, Galaxia e a Xunta de Galicia. Nese volume, Erín Mouré xa traducira a Rosalía de Castro e Jonathan Dunne considerou que era a persoa axeitada para facerse cargo da tradución de Cantares Gallegos. Moure, ademais de realizar a tradución, elaborará unha introdución  da edición na que dará o seu punto de vista sobre Rosalía de Castro e a súa vixencia. “Na introdución comento o seu contexto histórico, pero eu non quero situala nun tempo pasado, como un feito histórico, folclórico ou minoriatia. Nada diso. Quero situala como poeta contemporánea. A súa contemporaneidade aínda nos fala do século XXI”, explica Erín Moure, quen ademais destaca a universalidade da autora. “A súa poética non é importante unicamente para Galicia, é importante para nós, xente que le e escribe en inglés”, sentencia a tradutora.

"A súa poética non é importante unicamente para Galicia, é importante para nós, xente que le e escribe en inglés"

Moure, ademais, considera este proxecto coma un “reto” e afronta as dificultades que se presentan ao  levar ao inglés os versos rosalianos. “É complicado acadar en inglés a delicadeza dos seus ritmos e da súa dicción, a variedade de cadencia, a distribución dos sons, os seus ecos da cultura popular. Resulta difícil recrear no tecido dun idioma anglosaxón o que constrúe Rosalía dentro dunhas formas siméticas e bastante ríxidas. É difícil de transmitir a súa voz política, pero tamén a delicadeza nos ritmos e nos sons. É un reto. Que ledicia ter un reto así”, explica a poeta canadense, quen tamén leve ao inglés os versos de autoras como Chus Pato.

“Primeiro libro poético de Rosalía en inglés”

Pola súa banda, Jonathan Dunne destaca a relevancia desta tradución na medida en que “sería a primeira vez que se publique en inglés un libro completo de poesía” de Rosalía. “Até agora, da súa poesía en galego só houbo catro escolmas que contan cunha media de corenta poemas de todos os seus libros”, explica o editor, a quen lle “sorprende este feito”. As antoloxías ás que fai referencia Dunne son Poems of Rosalía de Castro (Ministerio de Asuntos Exteriores de España. Madrid, 1964), cuxa tradución correu a cargo de Charles David Ley a partir dunha escolma realizada por Filgueira Valverde; Poems (State University of New York, 1991), de Anna-Marie Aldaz, Barbara Gantt e Anne Bromley; Selected Poems (Shearsman, 2007), con traducións de Michael Smith, e The Poetry and Prose of Rosalía de Castro, cuxa tradución levárona a cabo John e Aileen Deve no ano 2010. Precisamente, a primeira destas antoloxías, a de Filgueira Valverde, é considerada coma o primeiro libro da literatura galega levada ao inglés, segundo explica o propio Jonathan Dunne no seu estudo De Rosalía a Manuel Rivas: análise da tradución galego-inglesa (1964-2010).

Parte da poesía de Rosalía, ademais destas antoloxías e de traducións de poemas soltos, tamén se recolleu na tradución  realizada dunha escolma tirada de En las orillas del Sar en 1937 por Griswold Morley. O título desa escolma foi Beside the river Sar. Selected poems from En las orillas del Sar by Rosalia de Castro e o volume tampouco incluía a totalidade dos poemas da citada obra rosaliana.

Rosalía de Castro Dominio Público Praza Pública
A tradutora Erín Moure CC-BY-NC-SA Fakesalt

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.