A transgresora cineasta Chantal Akerman protagonizará un dos cursos de verán da USC

Chantal Akerman en 2012 CC-BY-SA Mario De Munck

O pasado mes de outubro a cineasta belga Chantal Akerman suicidouse na súa casa de París. Tiña 65 anos e viña de presentar con grande éxito o seu último filme No home movie (2015) no Festival de Locarno, recibindo o aplauso da crítica internacional especializada. Dende os anos sesenta deixara medio cento de filmes, que a converteran nunha das máis importantes autoras de culto do cinema europeo, xerando admiración e influencia en varias xeracións. Porén, o nivel de coñecemento xeral sobre ela e a súa obra sempre foi moi reducido.

A USC dedicaralle a Akerman un dos seus cursos de verán, o seminario Chantal Akerman: cineasta de culto, muller e transgresora, que terá lugar en Compostela os días 28 e 29 de xullo e para o que aínda está aberto (ata o 15 de xullo) o prazo de matrícula. No seminario participarán investigadores/as e especialistas, que realizarán un percorrido biofilmográfico que ubica a súa cinematografía na converxencia do feminismo cos novos cinemas europeos e co cinema experimental americano. De igual xeito, farase fincapé na súa gran multidisciplinariedade da súa obra, que viaxa dende a pantalla grande ás videoinstalacións en espazos tradicionalmente reservados ás artes plásticas. Ademais, directoras e directores que se recoñecen influídas/os pola autora explicarán a súa pegada dende a dimensión creativa.

No semnario participarán investigadores/as e especialistas, que realizarán un percorrido biofilmográfico que ubica a súa obra na converxencia do feminismo cos novos cinemas europeos e co cinema experimental americano

Filmes con tramas mínimas, retratos hiperrealistas do cotián, películas íntimas nas que as protagonistas camiñan dun espazo a outro e dun estado a outro: Je tu il elle, Toute une nuit ou Jeanne Dielman, 23 quai du Commerce, 1080 Bruxelles (que foi cualificada como a "primeira obra mestra do feminino na historia do cine"). O curso quere dar a coñecer a Chantal Akerman "como autodidacta pioneira na creación dun novo xeito de facer cine onde a secuencia escribir- rodar- montar queda obsoleta, e onde os parámetros de espazo e tempo son xestionados con absoluta liberdade". E busca, así mesmo, "evidenciar a transcendencia da autora no panorama cinematográfico contemporáneo, remarcando a pegada do feminismo no seu traballo".

Entre as e os docentes do seminario están Margarita Ledo, Renata Otero, Marta Pérez Pereiro, José Enrique Monterde, Miguel Anxo Rodríguez González, Mar Caldas, Diana Toucedo, María Ruído, Marta Selva Masoliver, Anna Solá Arguimbau, Lois Patiño e Xisela Franco.

Chantal Akerman en 2012 CC-BY-SA Mario De Munck
Chantal Akerman © http://nofilmschool.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.