A Unesco, esperanza para salvar o xacemento arqueoloxico ameazado pola autovía Lugo-Santiago

Xacemento arqueolóxico e obras da autovía © LugoPatrimonio

Adega, Amigos do Patrimonio de Castroverde, Cultura do País e Lugo Patrimonio únense contra as ameazas que a autovía Lugo-Santiago coloca sobre unha necrópole histórica. As catro agrupacións veñen de remitir comunicacións a diversas entidades galegas, así como á Comisión Española de Cooperación coa UNESCO e ao World Heritage Centre da UNESCO en París, no que informan do perigo que corre a integridade do excepcional conxunto arqueolóxico atopado en Coeses, nas obras da autovía A-54.

Os catro colectivos deron conta así á Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura sobre o descubrimento, nun radio de 6 quilómetros da muralla romana de Lugo, monumento catalogado por ese organismo como Ben Patrimonio da Humanidade, dun singular e excepcional conxunto arqueolóxico.

As catro agrupacións piden á Unesco que "garanta a protección dun conxunto arqueolóxico situado na contorna dun ben Patrimonio da Humanidade"

O devandito conxunto é anexo ao poboado da Idade de Ferro denominado Castro Valente e consta de dúas presuntas necrópoles: unha de inhumación e outra de incineración, coñecida como Chousa do Rodeiro ou Chousa do Castro. "O achádego foi cualificado polos arqueólogos como excepcional e único no territorio galego, está inicialmente datado na última Idade de Bronce e afirman, aínda con todas as cautelas, que podería ser a necrópole ou cemiterio do castro", lembran.

Entre a documentación remitida á Unesco as catro agrupacións inclúen dous informes e un dossier de prensa onde se recollen declaracións de voceiros das administracións estatal e galega onde aquelas afirman, aínda antes de acabar os estudos arqueolóxicos, que o trazado da autovía arrasará a presunta necrópole de inhumación.

As asociacións comunicantes solicitaron da Unesco que "adopte todas as medidas ao seu alcance para garantir a protección e integridade dun conxunto arqueolóxico situado na contorna dun ben catalogado como Patrimonio da Humanidade".

Os arqueólogos que, segundo detalla Cultura do País, escavan na zona "por razóns de urxencia dentro das obras da autovía", aseguran "que as cavidades son enterramentos de inhumación" e "aínda que non se conservan restos óseos debido á acidez do solo", si "se atoparon olas de cerámica que formarían parte do enxoval funerario". "O trazado actual da autovía pasa por riba e destrúe esta necrópole de inhumación" e, ademais, provoca que o xacemento arqueolóxico quede "dividido en dúas partes": o Castro Valente por un lado e a Chousa do Rodeiro por outro". "Polo medio, a autovía destruirá a necrópole", sinala LugoPatrimonio.

Cartaz de Cultura do País a prol do xacemento CC-BY-SA Cultura do País

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.