A USC xa ten radio, online e aberta a todos e todas

As instalacións da Facultade de Xornalismo son o soporte técnico da emisora © USC

A pasada semana, co gallo do Día Mundial da Radio, presentouse oficialmente e a radio online campUSCulturae, unha emisora xestionada pola Universidade de Santiago que emitirá a diario unha programación realizada por estudantes, profesores e persoal non docente da USC, así como por centros de ensino non universitario, colectivos de inmigrantes, asociacións ou internos dos centros de penitenciaría de A Lama e Teixeiro. 

A radio campUSCulturae online xorde como unha das ponlas do proxecto campUSCulturae, coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela co cofinaciamento da Culture Agency da UE a través do programa Culture. O proxecto atende á diversidade cultural, á promoción das minorías lingüística, á inclusión das persoas en risco de exclusión social e ao diálogo da literatura coas outras artes e coa ciencia. Outras das accións que inclúe este proxecto son a creación dunha Biblioteca sobre Culturas do Mundo (que se inaugurará o vindeiro 21 de marzo, Día Internacional da Poesía, na planta baixa da Biblioteca Xeral da USC) e a posta en marcha do Museo Internacional da Ilustración e do Centro Internacional da Creatividade.

A emisora quere ser unha "radio universitaria, inexistente até o de agora na USC, cunha clara vocación intercultural e multilingüística"

A iniciativa partiu de Irene García García e Xosé A. Neira Cruz, coordinadores do proxecto campUSCulturae, coa colaboración na coordinación da radio de Toni España Faqué, alumno de 4º de Xornalismo. Segundo os seus responsables, a emisora quere ser unha "radio universitaria, inexistente até o de agora na USC, cunha clara vocación intercultural e multilingüística, na liña dos contidos do proxecto campUSCulturae, e con propostas que van desde os temas máis directamente relacionados coas Humanidades até os que chegan a contidos científicos e tecnolóxicos". A proposta de contidos está aberta a toda a comunidade universitaria (alumnado, profesorado, persoal non docente) pero tamén a persoas e colectivos non universitarios.

Nas vindeiras semanas comezará a incorporarse os programas elaborados desde os centros de ensino non universitario finalistas do I Certame de Radio Escolar campUSCulturae, así como desde o Departamento de Portugués da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, e desde os Centros Penitenciarios de Teixeiro e A Lama. Quen queira colaborar ou facer unha proposta de programa pode poñerse en contacto cos responsables do proxecto a través do email campusculturae@usc.es.

Entre os programas cos que xa conta a emisora, destacan Metrópoles delirantes, un espazo sobre banda deseñada presentado pola locutora Nieves Rodríguez; ¿Claro para todos?, sobre lecer universitario; Neurovit, programa sobre música electrónica e ciencia; 94 voces, espazo dedicado á información de actualidade; Zona O, un espazo de axenda cultural; Voz crítica, de reportaxes informativas de actualidade; Generación 9.0, sobre a cultura e as tendencias dos 90; Al detalle, dedicado a monográficos temáticos; Abracadrabra, un programa dirixido ao público infantil; e Todas as mañás do mundo, espazo de viaxes.

 

Radio escolar

Os responsables de campUSCulturae destacan que este concurso "veunos demostrar o enorme interese dos centros de ensino polo uso da radio como canle docente e pedagóxica"

O pasado xoves, ademais, os nenos e nenas dos once centros de ensino finalistas do I Certame de Radio Escolar acudiron á Facultade de Xornalismo para a inauguración da emisora. Os responsables de campUSCulturae destacan que este concurso "veunos demostrar o enorme interese dos centros de ensino polo uso da radio como canle docente e pedagóxica que permita ao alumnado o achegamento tanto aos medios de comunicación como á actualidade informativa, así como o fomento dunha lectura crítica da información" e tamén "a longa experiencia que moitos centros acreditan neste ámbito, así como a capacidade para superar atrancos e fomentar sinerxias de colaboración intercentros".

Tamén salientan "a fascinación que o medio radiofónico segue a suscitar tanto entre a xente nova como na súa contorna familiar" e comentan que a implicación das familias nas iniciativas de radio escolar "é, nalgúns casos, tremendamente estimulante e interesante, como sucede no caso da Escola Unitaria de Lago (Valdoviño), finalista deste certame e cunha longa experiencia de radio comunitaria na que participan alumnado, profesorado, pais e nais, avós e mesmo unha bisavoa de 92 anos, os cales viñeron á festa radiofónica do pasado día 13 e acabaron gravando contidos radiofónicos nos estudos da facultade que serán emitidos proximamente a través do programa Abracadabra".

Tamén salientan "a fascinación que o medio radiofónico segue a suscitar tanto entre a xente nova como na súa contorna familiar"

Na Facultade tamén sorprendeu o alto nivel do alumnado non universitario á hora de plasmar os contidos radiofónicos: "nomeadamente, no apartado de programas informativos chama a atención o dominio das dinámicas e linguaxes xornalísticas para abordar as noticias, separalas con cortiniñas ou promos e introducir contidos de forma secuencializada ou xeraquizada co emprego de distintas voces que responden á coherencia dun esquema establecido para clarificar ao máximo os contidos a transmitir".

Ao redor de 400 nenos e nenas participaron n I Certame de Radio Escolar campUSCulturae © USC
As instalacións da Facultade de Xornalismo son o soporte técnico da emisora © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.