A verbena das irmandiñas: Elas tamén tocan

Imaxe promocional de 'A Verbena das Irmandiñas' Dominio Público Praza Pública

Non son moitas as verbenas e festas populares nas que se pode escoitar a formacións musicais compostas por mulleres. Tampouco nos festivais. De feito, hai tan só uns días Galiza em Rede publicou un gráfico no que se pode observar como en 14 dos festivais musicais que o pasado verán se celebraron en Galicia a presenza das artistas foi moi reducida, nalgúns casos case inexistente. Para mudar esta situación preséntase A Verbena das Irmandiñas, un proxecto no que participan Habelas Hainas, Sacha na Horta, Oîma e TheTetas Van, ademais da Asociación Cultural e Musical Cunajazz e que conta coa colaboración de Odaiko Krea, S.L. na produción técnica.

O obxectivo é levar a música feita por mulleres ás verbenas e festas de toda Galicia. A primeira parada será en Compostela este sábado 6 de maio. Na Praza de Cervantes as catro formacións actuarán de 12 do mediodía ás 12 da noite, con entrada libre.

A Verbena das Irmandiñas busca "dar a coñecer e pór en valor propostas musicais e artísticas con presenza no escenario de mulleres" e constituírse "en espazo de encontro e de empoderamento das formacións musicais constituídas maioritariamente por artistas femininas"Habelas Hainas, Sacha na Horta, Oîma e TheTetas Van levan tempo preparando un proxecto que en breve contará cun disco conxunto, con temas das catro formacións, que servirá de tarxeta de presentación ao espectáculo, que queren que viaxe por todo o país este verán. Ánxela González explica que “hai uns anos que un grupo de persoas que nos coñecemos dos festivais, festas e foliadas levamos coa teima de facer un festival de mulleres” e que grazas á produtora de Odaiko Krea hai pouco xurdiu a oportunidade de facer un disco conxunto”.

Por que non se ven máis mulleres tocando nas verbenas e festivais? "Mulleres músicas hai, e grupos de mulleres tamén. Hai menos dos que debería, seguramente, pero e ademais pode que non haxa a conciencia de que as mulleres teñen que ter presenza", destaca Ánxela González, que comenta que "pasa moitas veces que nun festival, mesmo nun festival organizado por xente comprometida con outras causas, ao final pasan moitos grupos polo escenario e moitas horas sen que toque ningunha muller". Con todo, máis que nos festivais, o proxecto céntrase nas festas: "O noso obxectivo é, sobre todo, chegar ás festas populares e verbenas, a cidades, vilas e sobre todo ás localidades máis pequenas, sen que haxa que destacar demasiado o feito de sermos mulleres, simplemente normalizalo", di. 

A iniciativa persegue "dar a coñecer as capacidades e potenciais de grupos de música menos coñecidos" e, igualmente, "favorecer relacións interpersoais e interxeracionais entre os grupos participantes e o público asistente aos eventos". Nas vindeiras semanas A Verbena das Irmandiñas irá dando a coñecer as futuras actuacións que vai programando para este ano.

Actuación de Habelas Hainas © Habelas Hainas
Sacha na Horta Dominio Público Praza Pública
Oîma © Feito a Man
TheTetas'Van Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.