A viaxe a ningures: ‘Las altas presiones’ e o audiovisual galego

Imaxe de 'Las altas presiones' Dominio Público Praza Pública

O "novo cinema galego" é unha etiqueta escorregadiza que como todas as deste tipo intenta englobar unha serie de autores e filmes que comparten orixe, natureza ou destino. Cando falamos do novo cinema galego véñennos á mente nomes como Óliver Laxe, Eloy Enciso ou Peque Varela, e obras como Arraianos, Vikingland ou Costa da morte. A sección do panorama audiovisual galego en Cineuropa é referencia absoluta para achegarse a este cine, velo e comprendelo e nesta nova edición non é unha excepción. Este ano destacan as novas longametraxes de Marcos Nine e Ángel Santos que son arroupadas por un heteroxéneo grupo de filmes de ficción, documental, videocreacións e works in progress.

Se nos acoutamos ao visto e ao que queda por ver neste mes de cinema, o panorama audiovisual galego parece que está nunha continua viaxe sen saber exactamente cara a onde. Encallados de Zarauza reflexiona sobre o estado da profesión e a dificultade de facer unha película, El arca de Noé de Aliaga e Valero propón un futuro inmediato no que todo vai peor e bótase á ciencia ficción da man de dous perdedores sen grandes ambicións e El viaje de Leslie de Marcos Nine utiliza o cine como hipótese para afondar no pasado. Preguntas, reflexións e hipótese son os elementos comúns nas temáticas das películas galegas exhibidas en Cineuropa, unha man tendida ao espectador para que o acompañe nunha viaxe na que o importante non é chegar ao destino, senón o camiño ata el.

Esta idea recóllea e formula ao seu xeito Las altas presiones, a excelente longametraxe de Ángel Santos que se presentou o pasado venres no marco da sección oficial, xusto un día antes de que gañase o premio "Nuevas Olas" no Festival de Cine Europeo de Sevilla. A historia xira en torno a Miguel que volve á súa Pontevedra natal para buscar as localizacións dunha película. Entre as ruínas que visita e as persoas coas que se reencontra, parece que máis alá de atopar estas localizacións o que non atopa é o seu propio sitio. Máis que unha viaxe, o filme é unha deriva por cuxa corrente pasan personaxes e emocións que tampouco teñen un rumbo decidido.

Podería dicirse que é un filme sobre a crise, pero para iso teriamos que definir crise como o estado de ánimo de toda unha xeración

Podería dicirse que é un filme sobre a crise, pero para iso teriamos que definir crise como o estado de ánimo de toda unha xeración. É, en palabras do seu director, unha película, que "en lugar de dicir cousas, fala de cousas" porque o importante non é tanto que conta senón como o fai. As altas presións do título é o peso que sente Miguel sobre as súas costas, pero tamén esa promesa de ceos despexados que traen as altas presións dun anticiclón, unha metáfora meteorolóxica que deixa un pouso de optimismo entre tanta incerteza. Ángel Santos demostra un dominio absoluto das emocións, sabe como transmitilas e cando facelo, por iso Las altas presiones é tan complexa e á vez tan directa. Por iso estamos ante o último achado do novo cinema galego e por iso, ante unha película desta dimensión, só podemos celebrala e reivindicala.

Cartaz do filme Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.