"A xente séntese agradecida por viaxar ao seu país para interesarme polas súas vidas"

Xerardo Agrafoxo CC-BY-NC-SA Praza Pública / Cedida

Xerardo Agrafoxo iniciou no 2016 cunha obra sobre Cuba unha serie de libros de viaxes, publicada por Galaxia, que continuou o ano pasado con ‘Un país sen fronteiras’, sobre Senegal, e que este ano dará ao prelo ‘O lugar onde morrer’, sobre o Brasil. O autor, coñecido polos seus ensaios sobre Historia ou por novelas coma ‘O violinista de Malá Strana’ ou ‘A maleta de Victoria Kent’, viaxa só, sen teléfono, sen rumbo prefixado, evitando as comodidades para turistas e tentando aprender o que poida sobre cada país, nunhas poucas semanas, falando coa xente que vai atopando. Nesta entrevista cóntanos das súas experiencias e reflexións en Cuba, Senegal e o Brasil.

Son xa tres libros de viaxes: Cuba, Senegal e Brasil. Como xorde esta serie? Foi unha proposta túa a Galaxia?

Foi una idea da miña alma viaxeira, despois de xubilarme como profesor de instituto. Pero conto sempre co apoio intelectual de Galaxia e co compromiso incondicional de Carlos Lema.

Viaxas sen teléfono, ti só, sen rumbo prefixado, usando o mesmo tipo de transporte que utiliza a poboación local e durmindo en pequenas pousadas ou en casas particulares. En varias conversas recollidas nos libros dis que non es un “turista”. En realidade, hai moitos turistas que din que eles son viaxeiros. Cales son, para ti, as diferenzas? 

A diferenza principal é que eu vou sen ruta definida. E, sobre todo, sen présas. Disposto a perderme en calquera lugar.. O meu lema é o de R. L. Stevenson: “O importante é partir”.

“A diferenza principal cun turista é que eu vou sen ruta definida. E, sobre todo, sen présas. Disposto a perderme en calquera lugar”

Nótase nos libros que te documentas sobre os países que visitas. Ao final, é un traballo bastante semellante ao dun xornalista. De feito, os libros atópanse entre a crónica xornalista e a literatura. Cal é o teu obxectivo, ao respecto?

Un ano antes de partir reúno crónicas xornalísticas sobre o país. Fago un caderno duns 300-500 mil caracteres que levo comigo. Para saber que lugares son os máis interesantes, dende un punto de vista histórico-cultural, consigo a Guía Verde Michelín, que sempre me resulta imprescindible. Despois leo os autores máis referentes. E algúns libros de historia. Na viaxe ao Brasil lin ao redor de 50 e consultei outros 50, aproximadamente.

Tomas notas das conversas coa xente. Respectas o anonimato cando cómpre. Como traballas despois ese material? Porque dá a impresión de que vas escribindo a medida que vas avanzando na viaxe, e que retornas con boa parte do traballo feito.

Escribo moito durante a viaxe, todos os días. Tomo notas na mesma entrevista cos cidadáns. Nunca tiven problemas. Agora, cando lles digo que poden comprobar que aparezo no Google, a conversa é máis fluída. A xente séntese moi agradecida por viaxar ao seu país para interesarme polas súas vidas.

Xerardo Agrafoxo, no Senegal CC-BY-NC-SA Praza Pública / Cedida

En Cuba estiveras 30 anos antes. Decides volver para ver como mudou o país. E atópaste con moita xente que che fala da necesidade de realizar algunha actividade ilegal (estraperlo, por exemplo) para chegar a fin de mes. Moita xente combina tamén algunha actividade privada (legal) cun emprego para o Estado. Como mudou a situación, nese sentido, con respecto ao que ti mesmo viras 30 anos antes?

Hai dúas cousas que non cambiaron: a represión e a pobreza. Semella que a xente non está contenta porque como di Yuli -o protagonista da última película de Icíar Bollaín-: “Cada vez que voy a Cuba, siento que soy el único cubano que quiere seguir en la isla”. Falando cos cubanos comprendes que hai dous países diferentes: segundo entrevistes a xente na rúa ou nas súas casas, fóra de olladas receosas. Eu non vin a alegría cubana por ningures.

“Eu non vin a alegría cubana por ningures”

Tamén preguntas moito pola sanidade e a educación. Da sanidade, fálanche moito da falta de recursos e tamén de persoal. Da educación, fálanche bastante da propaganda do Estado. Entendo que o teu obxectivo con este libro é máis que o lector/a tire as súas propias conclusións mais, cal foi a túa conclusión sobre a situación de sanidade e educación, tendo en conta que se trata do contexto latinoamericano? 

A revolución conseguiu que o ensino e a sanidade chegue a todas as capas da sociedade. Iso é una realidade doada de apreciar. Pero, como me dixo un dirixente comunista dunha cidade importante, é un ensino afogante porque sempre están coas mesmas cousas, acotío e todos os anos. No tocante a sanidade, é básica pero espallada a todos os niveis. Se falas cos médicos, as súas apreciacións son negativas.

“A revolución conseguiu que o ensino e a sanidade chegue a todas as capas da sociedade. Iso é una realidade doada de apreciar”

Sobre política, en concreto, parece que atopaches bastantes receos a falar. Por un lado, é normal que a xente non queira falar moito de política cunha persoa doutro país que acaba de coñecer. Polo outro, observabas que pouca xente criticaba o goberno. Deuche a impresión de que a xente se sentía moi vixiada? (Aínda que tamén se explica que o poder dos CDR é moi relativo). 

En Cuba o control sobre a poboación é feroz. Como dixo un coñecido actor español, que pasou seis meses na illa, dúas palabras definen o país: “silencio e represión”. O medo fai que só en espazos moi pechados, un mestre ou un médico se atrevan a realizar algunha crítica sobre o seu traballo. Estes comentarios só os realizan despois de coñecer cales son as túas intencións e baixo a promesa de ocultar os seus nomes.

En canto á manipulación mediática, paréceche que a súa capacidade de enganar a xente é dun grao moito maior ca en democracias como a nosa? Dígoo porque non dá a impresión de que a propaganda do Estado teña impregnado moito a análise que fai a xente da situación do seu país. 

Certas formas de control sobre a xente non son posibles porque o sistema está completamente corrompido.

Hai varios temas que saen nos dous libros, e un deles é a prostitución. Nos dous países ves que hai formas de prostitución semellantes: pasar uns días cun estranxeiro/a a cambio de regalos, de viaxes cos gastos pagos e ás veces de promesas que supoño que case nunca se cumprirán. No caso de Senegal, ademais, habería bastante turismo sexual de “clientela” feminina. Mudou o teu xeito de ver a prostitución despois destas dúas viaxes? 

Eu renego da prostitución en calquera das súas formas.

“Eu renego da prostitución en calquera das súas formas”

Outro dos temas que saen moito no libro sobre Cuba son as desigualdades sociais, relacionadas co dobre (ou triplo) sistema monetario: as divisas do estranxeiro, as empresas estatais controladas polos militares, o xurdimento dunha sorte de clase media -ou clase traballadora menos pobre- que ten negocios de servizos privados… Cal é a túa propia percepción sobre o tema? 

As diferenzas sociais son cada vez máis evidentes. E serán maiores mentres os militares controlen os mellores sectores de produción, coma o turismo. A poboación resiste grazas ás remesas que veñen de Estados Unidos. Mal asunto cando vive mellor una “jinetera” ca un mestre (30 dólares) ou un médico (50 dólares).

“As diferenzas sociais son cada vez máis evidentes. E serán maiores mentres os militares controlen os mellores sectores de produción, coma o turismo”

A “cartilla” de racionamento non ten sentido. Só dura para unha semana é resulta unha forma de dicirlle ao pobo que “o estado garante unha alimentación básica”. Mellor sería incrementar os salarios, pero a economía cubana está en bancarrota. Como un país tan rico ten que importar o 80% dos alimentos? Na actualidade, Cuba vive do petróleo venezolano e da exportación de médicos, mestres e policías.

Xerardo Agrafoxo, no Brasil CC-BY-NC-SA Praza Pública / Cedida

“Na actualidade, Cuba vive do petróleo venezolano e da exportación de médicos, mestres e policías”

Comeza ‘O país sen fronteiras’ coas reflexións dun branco occidental (ti) que non quere deixarse levar polos “prexuízos” e advertencias dramáticas sobre os perigos que podería entrañar viaxar só polo Senegal. Por que escolliches Senegal? Como lidar co feito de saberte, ao mesmo tempo ca un viaxeiro, unha persoa que goza dos privilexios dun branco occidental nun país empobrecido? 

Escollín o Senegal porque era a primeira porta da África negra, logo seguirei baixando. Tamén porque me comunico en francés. Despois porque moita xente me intentou meter medo. Despois para saber por que veñen tantos senegaleses a España. E, por último, pola aventura de mergullarme nun territorio descoñecido. Tamén polo engado que teño con África.

Tamén me preguntaba ao ler os libros se serían os mesmos se ti foses unha muller (e se escolleses falar principalmente con mulleres, por exemplo). Que pensas ti? 

Non sei como sería a viaxe dunha muller polo Senegal. Supoño que tería que andar con máis coidado. Pero África tampouco é o que nos ofrecen os telexornais.

“Non sei como sería a viaxe dunha muller polo Senegal. Supoño que tería que andar con máis coidado. Pero África tampouco é o que nos ofrecen os telexornais”

Un dos temas que máis saen é, claro, a inmigración a Europa. Xente nova pobre e sen esperanza no seu país. Travesías moi perigosas, enganos, devolucións ao chegar… E as políticas da UE orientadas ao control das fronteiras: acordos con varios países, entre eles Senegal, para que traten de impedir a emigración a cambio de asistencia tecnolóxica, plans de educación, axudas… Que puideches observar ti dos efectos que teñen estas políticas da UE? 

A única solución para evitar ese efecto catastrófico das migración é colaborar co desenvolvemento deses pobos, en lugar de esquilmalos. A arribada de emigrantes ás nosa fronteiras non é nada co que se aveciña.

“A única solución para evitar ese efecto catastrófico das migración é colaborar co desenvolvemento deses pobos, en lugar de esquilmalos”

O cambio climático, a deforestación, o terrorismo como ameaza, a crise económica en Europa (que afecta ao turismo), a pesca industrial.. son algúns dos factores que, nas conversas, saen como causas máis recentes da pobreza… Cales foron as túas conclusións ao respecto? 

A poboación da África Subsahariana está a medrar sen pausa e as secas son cada vez maiores. Son rexións cuns índices de pobreza alarmantes. Atravesar o deserto é a única saída posible para logo saltar os 14 quilómetros do Estreito. Temos que ir alí para axudalos.

Algunha vez sae tamén nas conversas o tema do racismo. En Cuba penso que detectaras que era unha cuestión que incomodaba -sendo a realidade que os negros teñen moitas veces salarios máis baixos, casas peores…- Os senegaleses danse conta dos prexuízos racistas dos europeos… Que relación pensas que ten a xente coa memoria do colonialismo? E co seu propio racismo?

O racismo é un mal endémico. Propio de mentes atrasadas e sociedades clasistas. Na miña vila hai moitos senegaleses. Falo con eles dese tema. Sofren un racismo inconsciente (“Non crin que eras así”. “Es negra, pero es guapa”, “Para ser negro, tes un bo traballo”). Un racismo perverso que, ás veces, é o peor.

“O racismo é un mal endémico. Propio de mentes atrasadas e sociedades clasistas”

A relixión, segundo observas, está moi presente na vida cotiá. Aínda que tampouco pode cualificarse a poboación de moi rigorista. Mais, polo que contas do Senegal, parece que a etnia, a cultura… poden marcar máis a identidade da xente ca a relixión. Que pensas diso?

Durante a miña viaxe polo Senegal non apreciei que a xente estivese moi contaminada pola relixión. Pero tampouco preguntei moito por ese tema. Vin poucas mesquitas e xente rezando polas rúas.

Outro dos temas presentes nos dous libros é a homofobia. Institucionalizada. O Código Penal castiga en Senegal a homosexualidade. En Cuba, houbo tamén etapas de persecución da homosexualidade. Sen revelar demais, que percibiches ti a respecto diso na actualidade nos dous países? 

En Cuba, dixéronme que Mariela Castro, a filla de Raúl, está moi preocupada pola defensa dos LGTBI. No Senegal a realidade é ben diferente. Ser homosexual é moi perigoso. O país está moi atrasado neste tema. O mesmo presidente volveuse atrás á hora de promulgar una lei a favor da comunidade gai.

Os índices de analfabetismo -e absentismo escolar- son moi elevados no Senegal. A sanidade exclúe a maioría social, que non pode nin pagar as menciñas. Unha das reflexións que fas é que Senegal non é Marrocos, por exemplo. Na África negra, os problemas económicos -ou políticos- son maiores. Puideches albiscar algunha saída ou algunha proposta de mellora en canto á situación da educación? 

Cando un mestre me dixo: Como vai ser o ensino obrigatorio?, semella que a mentalidade é moi diferente á europea. Precisan moitos anos para saír dese pozo. Nese tema debemos implicarnos nós. Os pasos que se están a dar son moi lentos.

Algunha vez vícheste nalgunha situación incómoda debido a intentos de sacarche cartos, ofrecendo servizos que non pedías, cobrando moito por servizos prestados… Mais ás veces tamén damos por suposto que a xente coa que falamos ten unha especie de obriga de atendernos e responder as nosas preguntas. Cando, en realidade, aínda que tentemos ser educados e respectuosos, somos intrusos… 

Nunca tiven ningún problema serio. Vendo que vou sen présas, mal vestido, sen aparellos electrónicos e ao meu aire, non te importunan. Non sei se é unha expresión correcta, pero diría que os mozos senegaleses, “están sen malear”. Son educados e non están afeitos a ver un turista como fonte onde aproveitarse.

“Nunca tiven ningún problema serio. Vendo que vou sen présas, mal vestido, sen aparellos electrónicos e ao meu aire, non te importunan”

Senegal é un dos países de África con maior presenza de mulleres no Parlamento. Mais ao longo da viaxe penso que fuches observando distintas mostras de desigualdade de xénero: por exemplo, as nenas son enviadas á escola moito menos ca os nenos. Cales dirías que son os principais problemas, nese sentido? 

Un dos grandes problemas do país son as nais que non dan a luz nos hospitais e, por tanto, moitos nenos quedan sen rexistrar. Tamén hai moitas nenas que quedan grávidas durante o ensino. E moitas non van á escola porque son necesarias para traballar. Nas rexión do sur, as máis pobres, o absentismo escolar feminino é alarmante.

“Nas rexión do sur, as máis pobres, o absentismo escolar feminino é alarmante”

Tamén fuches a Gambia, máis inestable politicamente ca Senegal, e á rexión de Casamanza, que ten unhas particularidades étnicas e culturais (como falantes de crioulo portugués), ademais dun movemento independentista. Que impresións che produciron tanto Gambia como Casamanza? 

As mesmas que no Senegal. Atraso, pobreza e, naqueles días, una ditadura que levaba vinte anos controlando o país. Pero, unhas semanas despois de atravesar eu Gambia, o ditador perdeu as eleccións e refuxiouse en Guinea Ecuatorial, onde lle deu pousada outro sátrapa africano.

Xerardo Agrafoxo, nun dos seus múltiplos encontros durante as viaxes CC-BY-NC-SA Praza Pública / Cedida

Supoño que unha das experiencias máis agardadas por ti nesta viaxe foi coñecer o País Bassari, unha zona presentada aos turistas como unha sorte de esencia do Senegal tradicional. Do relato que fas podemos deducir que non foi fácil … Hai lugares nos que se produce unha especie de folclorización da cultura tradicional para vender viaxes cun sentido “aventureiro”, case “explorador”, e supoño que alí podería pasar algo diso…

Viaxar polo País Bassari converteuse nunha experiencia algo amarga. Os pobos que visitei son coma una reserva india, pero viven con máis dignidade ca outros senegaleses. Teñen mestres e non están contaminados pola televisión nin os políticos de Dakar.

Hai moitas referencias históricas, literarias… Medidas, pero están moi presentes nos dous libros e axudan a contextualizar o que contas. Ás veces botei de menos que ademais buscases algúns datos para contrastar o que din as persoas coas que falas… Pero supoño que tampouco é o obxectivo. É así?

Como dixo un crítico (Eyré) “gustaríame saber máis do Senegal, pero este libro é unha novela”. Cito de memoria, pero desta maneira pódese responder os que precisan máis información

O último libro, aínda inédito, é sobre o Brasil: 45 días de viaxe. Que lugares escolliches visitar e por que?

Tiven que facer una boa escolla porque o Brasil é un país inmenso. Nun principio deixeime levar polos meus coñecementos sobre os lugares históricos e o berce dalgúns escritores recoñecidos, como Jorge Amado ou Clarice Linspector. Tamén pola figura de Julia da Silva, a nai de Thomas Mann. O único problema son as longas distancias, pero os autobuses son excelentes.

Brasil está nun momento difícil: o ascenso ao poder de Bolsonaro, xunto a un contexto de fortes desigualdades sociais, moito analfabetismo… Que aprendiches ti nesta viaxe sobre os motivos que puideron levar ao poder a un personaxe coma Bolsonaro?

Segundo me contaron, os motivos do ascenso de Bolsonaro foron os seguintes: a corrupción do PT, as protestas polos gastos do Mundial de Fútbol e as Olimpíadas, o intento de Lula de gobernar dende o cárcere, a falta de carisma do candidato do PT, as desigualdades sociais alarmantes e a hábil campaña electoral da extrema dereita nas redes sociais. Coido que, case sempre, “as eleccións pérdense, non se gañan”. Unha mágoa de imprevisibles consecuencias.

“Coido que, case sempre, “as eleccións pérdense, non se gañan”

Nada máis chegar, decátaste de que escolleras unha pensión situada nunha favela. O tema da inseguridade está presente desde o inicio do libro. Aínda que parece preocupar máis aos propios brasileiros ca a ti mesmo. Como foi a túa experiencia ao respecto?

A clase media brasileira vive aterrorizada. No Brasil morren cada ano, vítimas das armas de fogo, o que eles chaman “homicidios dolosos”, ao redor de 65.000 persoas. O dobre que nos Estados Unidos, pero neste país hai 100 millóns de habitantes máis que no Brasil. Nas cidades os ladróns van directamente contra a xente que leva móbiles e reloxos. Nese sentido eu sabía que non tería problemas.

“Eu era un brasileiro máis nun territorio inmenso”

Ademais, nunca me tomaron por estranxeiro. Nunca. Hai 100 millóns de brasileiros PPI (pretos, pardos e indíxenas) e 100 millóns máis coma nós. Tomei algunha precaución, porque durmín nas portas dalgunha favela, pero nunca pasei por situación estrañas. Por outra parte, a maioría das mortes están relacionados co crime organizado, o narcotráfico e a guerras nas favelas. Asuntos alleos á miña viaxe. Eu era un brasileiro máis nun territorio inmenso.

Capas dos libros nos que Agrafoxo plasma a súas experiencias en Cuba e Senegal © Galaxia

Algo que observas tamén nada máis chegar é a influencia da cultura portuguesa -da antiga metrópole- e a relación que con ela (con esa influencia) teñen os brasileiros. Que supoño que terá os seus conflitos e contradicións. Que conclusións tiraches a respecto diso?

Moitas persoas lamentan que non os colonizaran os holandeses. A influencia portuguesa é constante por todos os lugares que visitei. Pero observei sentimentos encontrados contra o colonialismo español e brasileiro en América Latina.

“Observei sentimentos encontrados contra o colonialismo español e brasileiro en América Latina”

En Cuba falabas castelán, no Senegal francés e no Brasil galego, supoño. Seguramente poucos brasileiros saberían do galego -nin teñen por que saber- pero, observaches unha proximidade cultural relevante cos brasileiros? (Refírome a se puido ser maior que cos cubanos, por exemplo).

Sobre este tema, pode dicir que botei de menos na miña mochila un mapa da Península Ibérica para mostrarlles que eu non falaba portugués, senón que eles falaban unha variante do meu idioma, o galego.

“Notei que os brasileiros sentíanse moi agradecidos cando lles falaba nunha lingua tan próxima. Pero cunha soa verba miña decatábanse de que eu non era brasileiro”

Non sei cantos mapas fixen no meu caderno para explicarlles onde ficaba o berce da súa lingua. Notei que os brasileiros sentíanse moi agradecidos cando lles falaba nunha lingua tan próxima. Pero cunha soa verba miña decatábanse de que eu non era brasileiro.

Algo máis que queiras salientar do libro sobre Brasil ou sobre outros proxectos que teñas?

Grazas sinceras polas intelixentes preguntas. E por ler os meus libros con tanto interese e profesionalidade. A próxima viaxe? Seguramente, África.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.