A Xunta cesa as directoras das bibliotecas de Lugo, Pontevedra, A Coruña e Santiago

Biblioteca Ánxel Casal © Xunta

O pasado venres a Subdirección Xeral de Bibliotecas decidiu o cese das directoras das bibliotecas centrais territoriais de Lugo, A Coruña, Pontevedra e Santiago de Compostela. A decisión sorprendeu ás propias afectadas, ao persoal dos catro centros e a entidades profesionais como a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (Bamad), que "lamentou" a decisión "xa que supón apartar das súas responsabilidades a catro profesionais das bibliotecas sen que se teña explicado nin motivado publicamente as razóns destes ceses".

A Consellería de Cultura afirma que os cambios, que sorprenderon ao persoal destes centros, responden a unha modificación "habitual" dos equipos directivos

A Consellería de Cultura, en conversa con Praza Pública, sinala que os catro ceses "responden a unha modificación dos equipos directivos dos ditos equipamentos bibliotecarios, modificación que vén sendo habitual nas lóxicas de traballo das diferentes unidades da Administración pública galega".

Bamad-Galicia: "Ter cesado sen previsión de recambio a estas persoas deixa o funcionamento das bibliotecas baixo mínimos, impedindo que exerzan con normalidade as súas funcións"

Bamad-Galicia sinala que é "unha decisión errada ter cesado estas persoas xusto cando as bibliotecas se encontran, nos meses de abril e maio, coas celebracións dunhas das datas máis relevantes para a dinamización das bibliotecas como son o Día Internacional do Libro infantil, o Día Internacional do Libro e o Día das Letras galegas". E engade que "ter cesado sen previsión de recambio a estas persoas deixa o funcionamento das bibliotecas baixo mínimos, impedindo que exerzan con normalidade as súas funcións". A entidade lembra a súa demanda de que as prazas das Direccións das bibliotecas xestionadas pola Xunta "non se cubran mediante o sistema de libre designación, sistema que posibilita o nomeamento e o cese discrecional por parte da administración, senón mediante concurso, como se tiña realizado até 2013, ano no que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria decidiu cambiar o sistema de provisión prazas de dirección de arquivos, bibliotecas e museos".

Os cambios nas direccións de catro das seis bibliotecas dependentes da Xunta chegan nun contexto de recortes orzamentarios continuados. A partida que as contas da Xunta lle dedican cada ano á adquisición de fondos bibliográficos para as bibliotecas públicas sufriu un brutal recorte entre 2009 e 2013, caendo dende os 2,4 millóns ata os 650.000 euros, ao redor da cuarta parte. Nos tres últimos orzamentos presentados polo Goberno galego a achega continuou reducíndose, sendo de 560.000 euros para o ano 2016. A esta situación únense as dificultades que experimenta o seu persoal, sobre todo os e as auxiliares de biblioteca, para ver recoñecida a súa categoría profesional.

Os ceses chegan nun contexto de recortes orzamentarios continuados e de precarización no emprego

Nos últimos anos veu descendendo o número de bibliotecas en Galicia (hoxe hai 497, fronte ás 591 de 2006). Destas 497, só 122 permanecen abertas máis de 40 horas á semana. A maior parte (258) abre entre 20 e 40 horas semanais, 76 fano entre 10 e 20 horas e outras 41 son de acceso público menos de 10 horas cada semana. Aínda así, centos de milleiros de galegos e galegas seguen demandando os servizos ofrecidos polas bibliotecas. En Galicia, máis dun millón de persoas son socios e socias dalgunha destas entidades (en concreto, 1.023.183), o que representa o 38% da poboación.

 

Biblioteca Ánxel Casal © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.