A Xunta minimiza o dano causado á "Altamira galega"

Petróglifo da laxe dos Carballos CC-BY Lameiro

Cando en xullo de 2011 Alberto Núñez Feijoo e o daquela conselleiro de Cultura, Roberto Varela, inauguraron o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, destacaron que o espazo estaba chamado a se converter nunha das referencias internacionais da arte rupestre, un reclamo turístico no que se investiron case 11 millóns de euros e que mesmo foi cualificado polos responsables do Goberno galego como "a Altamira galega" ou como o "Pórtico da Gloria da Arte Rupestre". Porén, a xestión da Consellaría de Cultura dende entón quedou moi lonxe desas elevadas palabras.

A mediados de xaneiro fíxose público, con grande escándalo, que durante os traballos de limpeza do espazo un tractor con cadeas de metal pasara por riba dun dos petróglifos prehistóricos. Xa nese momento os responsables do parque minimizaron os danos, sinalando que se producira unha "afección puntual na parte superior", unha "alteración da pátina superficial así coma o desprendemento de tres pequenos clastos e catro liñas raiadas”. Este mércores, no Parlamento, ante as preguntas de PSdeG-PSOE e BNG, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, volveu rexeitar as críticas, afirmando que o dano foi "pequeno", mesmo "case imperceptible". "Foi un incidente puntual con alcance de practicamente nula relevancia", dixo Lorenzo, que si recoñeceu que ademais da afección na parte superior xa sinalada, outro motivo de menor tamaño,"que non se ve a primeira ollada" tamén resultou afectado. O deputado popular Agustín Baamonde repetiu a versión oficial, declarando que "non hai lugar para o alarmismo, foi un acontecemento excepcional". 

Este mércores, ante as preguntas de PSdeG-PSOE e BNG, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, volveu rexeitar as críticas, afirmando que o dano foi "pequeno", mesmo "case imperceptible"

A visión das forzas da oposición é moi distinta. O socialista Francisco Caamaño criticou o "desleixo" do goberno galego na defensa do patrimonio, o "pouco rigor" na inspección e vixilancia das concesionarias e bromeou con que o secretario xeral recoñecera "que o protocolo foi incumprido, pero pouquiño". Caamaño criticou as “políticas evasivas da avestruz, agochando a cabeza debaixo da terra” e esixiu que se abra un expediente sancionador: “para iso están as leis, e non para protexer as empresas coas que a Xunta, sen que saibamos por que, quere ter unha particular consideración”, dixo. Polo BNG, Ana Pontón sinalou que as palabras de Lorenzo "implican recoñecer coa boca pequena que só se actuou ante a presión mediática e as denuncias".

O protocolo de limpeza que a concesionaria debe cumprir especifica que a contorna dos petróglifos debe ser rozada a man, nunca cunha máquina e moito menos cun tractor. A Xunta recoñeceu este incumprimento

Ademais, Anxo Lorenzo negouse a responder as preguntas dos grupos da oposición sobre se a empresa concesionaria da xestión do parque ía ser sancionada. Espiral Xestión Cultural é unha empresa creada ex professo, dirixida por Jorge Sayáns (fillo do alcalde popular da localidade, no poder dende hai 32 anos) e que se fixo co contrato sen concurso público, unha vez que a primeira concesionaria quebrou despois dun ano de actividade. Posteriormente tamén se fixo cargo do parque da cultura castrexa de San Cibrán de Las, recibindo 1,1 millóns de euros de cartos públicos. O protocolo de limpeza que a concesionaria debe cumprir especifica que a contorna dos petróglifos debe ser rozada a man, nunca cunha máquina e moito menos cun tractor. A Xunta recoñeceu este incumprimento o mes pasado, pero nas últimas semanas rexeitou confirmar se ía aplicar algún tipo de sanción. Este mércores no Parlamento Lorenzo volveu eludir a cuestión.

A xestión desta empresa ten sido moi criticada. Hai unhas semanas os deputados de AGE Xabier Ron e Ramón Vázquez denunciaron que Espiral Xestión Cultural "non só estraga petróglifos e asiste inmóbil ao deterioro de instalacións pagadas por toda a cidadanía, senón que sobredimensiona a asistencia de xente e maquilla os datos económicos, carece de libro de reclamacións e de rexistro de incidencias e nin sequera está dotada do persoal axeitado nin das condicións laborais axeitadas”. AGE esixiu unha auditoría da xestión do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, como primeiro paso cara ao “funcionamento plenamente público” das instalacións.

Para Caamaño, “o que segundo Feijóo ía ser a Altamira galega é hoxe unha paraxe de camiños intransitables, cunha dirección xeral de Patrimonio que non coñece nin as manifestacións de arte presentes na zona e xestionada por unha empresa irresponsable"

Este mércores Francisco Caamaño responsabilizou da situación á “drástica e inexplicable redución das partidas dedicadas á protección e conservación do patrimonio cultural, mentres o goberno galego destina os escasos recursos a apoiar investimentos en bens que maioritariamente pertencen á Igrexa católica". Para Caamaño, “o que segundo Feijóo ía ser a Altamira galega é hoxe unha paraxe de camiños intransitables, cunha dirección xeral de Patrimonio que non coñece nin as manifestacións de arte presentes na zona e xestionada por unha empresa irresponsable. Non é Altamira, é un parque abandonado”.

O obxectivo da Xunta para que esta Altamira galega fose "sostible" era que recibise entre 60 mil e 80 mil visitantes anuais; porén, nos tres primeiros anos de actividade do Parque, as cifras quedan moi lonxe, roldando os 20 mil, a maior parte grazas ás visitas dos centros de ensino. Tamén parecen lonxe os obxectivos sinalados polo alcalde de Campo Lameiro, que cualificou o espazo como "unha oportunidade de futuro" para a localidade e que sinalou que aspiraba a acadar "o recoñecemento dos petroglifos como patrimonio da humanidade".

Núñez Feijoo destacou que Campo Lameiro era un exemplo de que "Galicia sabe coidar as súas herdanzas, enriquecelas e transmitilas"

O seu deficiente estado de conservación, así coma a paralización do proxecto para crear no lugar un centro de investigación e documentación sobre petróglifos complican moito as ambiciosas metas fixadas. Hai catro anos, cando Núñez Feijoo inaugurou con gran pompa o Parque Arqueolóxico, destacou que Campo Lameiro era un exemplo de que "Galicia sabe coidar as súas herdanzas, enriquecelas e transmitilas" e amosou o seu "agradecemento" polos "homes e mulleres anónimas que loitaran para mantelas".

Detalle doutro dos petróglifos CC-BY-SA JPereira
Instalacións do Parque © PAAR
Instalacións do Parque © PAAR

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.