Foi o "soño" de Manuel Fraga e a pataca quente do bipartito. Agora semella ser tamén emblema da xestión económica do gabinete de Alberto Núñez Feijóo. Este venres hai dous anos que a Xunta abría parcialmente a Cidade da Cultura. Naqueles días viñan de entrar en vigor os Orzamentos Xerais para 2011, nos que a extinta Consellería de Cultura lle transfería ao complexo do Gaiás algo máis de 12 millóns de euros. Un ano despois, en 2012, a achega foi semellante. En 2013 é un chisco menor, pero aínda supera os 10 millóns. Así as cousas, aquel "soño" feito realidade chuchou xa máis de 30 millóns de euros dende que abriu as súas portas, un período que supón "dous anos de austeridade", segundo a Xunta.
Ese cualificativo é o que o Executivo autonómico lle outorga á súa propia xestión no Gaiás nunha nota oficial coa que conmemora o aniversario, un período do que fai un balance "marcado pola implantación dun modelo de xestión baseado nas medidas de aforro, no aproveitamento dos espazos para maximizar a rendibilidade do complexo e na posta en marcha dunha programación cultural diversa e de calidade. Segundo o Goberno "o ano pasado organizouse un 14% máis de actividade que no 2011, mentres que o orzamento da Fundación Cidade da Cultura se vía reducido nun 30%", todo isto mentres os edificios foron visitados "por un total de 664.739 persoas", cifra sobre a que a Xunta non achega método de cálculo -para visitar o complexo non cómpre adquirir entradas nin pasar por rexistro ningún-.
Dende 2011 a Cidade da Cultura chuchou xa máis de 30 millóns de euros dos Orzamentos Xerais do Goberno galego
Entre os principais éritos do "programa de aforro" a Xunta destaca especialmente a "paralización das obras nos dous edificios pendentes, que permitiu un aforro de 77 millóns de euros", di o comunicado, no que destaca tamén o traslado ao monte Gaiás de varios organismos autonómicos, como a Axencia para a Modernización Tecnolóxica, a Axencia Galega das Industrais Culturais ou da propia Fundación Cidade da Cultura que, paradoxalmente, aínda ocupaba locais no Hospital de San Roque, edificio histórico situado no centro de Santiago.
Se ben é verdade que o orzamento do Gaiás se reduce en termos absolutos non o é menos que o seu peso relativo aumenta no minguado orzamento cultural da Xunta. Así, este peso pasa do 15% ao 16,9% mentres que os cartos globais para cultura caen un 30,28%. Ademais, nestas contas o continente segue a primar sobre o contido: as "obras, equipamento e dotacións do complexo" teñen unha dotación orzamentaria de 6,05 millóns de euros, mentres que a "programación, disfusión e realización de actividades artístico-culturais e eventos" quedan en 3,4 millóns. Non obstante, resta saber cal será o papel que desempeñará durante 2013 a Fundación Gaiás, organismo de capital privado fundado en 2009 cun patrimonio de máis de 20 millóns co que a Fundación Cidade da Cultura vén celebrando convenios para realizar diversas actuacións.