A Xunta volve deixar fóra das subvencións para a compra de libros as bibliotecas do 42% de Galicia

Biblioteca municipal © ANABAD-Galicia

Por segundo ano consecutivo a Consellaría de Cultura excluíu da convocatoria de subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais os centros das localidades de máis de 30 mil habitantes, como recolle esta orde do 22 de xuñoAdemais de Vigo, A Coruña, Ourense, Compostela, Lugo, Pontevedra e Ferrol, quedan fora da convocatoria os concellos de Arteixo, Carballo, Narón, Oleiros e Vilagarcía. As bibliotecas de todos eles dan servizo ao 42% dos habitantes de Galicia, denuncia Bamad, a asociación que agrupa os/as bibliotecarios/as, arquiveiros/as, museólogos/as e documentalistas do país.

Ademais de Vigo, A Coruña, Ourense, Compostela, Lugo, Pontevedra e Ferrol, quedan fora da convocatoria os concellos de Arteixo, Carballo, Narón, Oleiros e Vilagarcía. As bibliotecas de todos eles dan servizo ao 42% dos habitantes de Galicia

A xustificación da Xunta para deixar fóra estes concellos é que concentrando as axudas nos concellos máis pequenos se busca “acadar unha maior cohesión territorial de Galicia" e asegurar "que os concellos de menor poboación e con menores recursos para dotar os seus servizos bibliotecarios poidan recibir unha cantidade que realmente lles permita actualizar os seus fondos e prestar un servizo aos seus usuarios de similar calidade que o que reciben os dos concellos máis poboados".

O problema, destaca Bamad, é que as cantidades máximas que van recibir os concellos pequenos son "en moitos casos ridículas", co que non se acadará a pretendida "cohesión"

O problema, destaca Bamad, é que as cantidades máximas que van recibir os concellos pequenos son "en moitos casos ridículas", co que non se acadará a pretendida "cohesión". Así, os concellos de menos de 2.000 habitantes recibirán un máximo de 500€, entre 2.000 e 5.000 un máximo de 1.000€, entre 5.000 e 10.000 un máximo de 1.500€, entre 10.000 e 20.000 un máximo de 2.000€ e entre 20.001 e 30.000 un máximo de 2.500€. A partida total ascende a 80.000 euros en 2015 e outros 80.000 en 2016, un total de 160.000 euros para o período comprendido entre o 1 de maio de 2015 ao 1 de abril de 2016. Moi lonxe dos 500.000 euros dos que as bibliotecas públicas galegas dispuxeron para a compra de libros en 2013.

Para Bamad-Galicia, a orde orde supón "incumprir a obriga" da Xunta de “establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que puideren considerarse necesarios para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia”, ao esquecer as bibliotecas dunha parte importante do país.

Distribuiranse un total de 160.000 euros para o período comprendido entre o 1 de maio de 2015 ao 1 de abril de 2016. Moi lonxe dos 500.000 euros dos que as bibliotecas públicas galegas dispuxeron para a compra de libros en 2013

A entidade cre que "para a mellora das bibliotecas e das súas colección cremos que é necesario desenvolver a Lei 5/2012 de Bibliotecas no que respecta ao tipo de bibliotecas e servizos que deben ofrecer" e que "o desenvolvemento de novos servizos poden ser levados a cabo por bibliotecas supramunicipais que faciliten ofrecer máis servizos e acceder a máis fondos que os propios aportados por cada concello".

Bamad lembra que en anos anteriores as axudas de cofinanciamento "recollían unhas condicións nas que a Consellería aportaba unha porcentaxe para as adquisicións dependendo das cantidades aportadas por cada concello, o que favorecía que os concellos se implicasen no mantemento da colección das súas bibliotecas se querían participar deste programa de axudas". "Dende o ano pasado xa non se solicita a mesma implicación dos concellos e ademais penalízase os concellos de maior poboación", subliñan.

Biblioteca municipal © ANABAD-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.