Abre en Ourense o 'Museo do Barrio', un espazo para a cultura de base

Cartaz de 'Oh! Barrio', a primeira exposición que acolle o novo espazo © A Bela Auria

Ourense contará, a partir deste venres, cun novo espazo para a cultura de base no centro da cidade. O Museo do Barrio (Praza da Estrela) está impulsado polos colectivos ESCUA (Espazo Cultural Autoxestionado) e A Bela Auria e busca apoiar e acoller propostas e proxectos de creadores individuais e a masa asociativa da cidade. Mírase na experiencia do homónimo El Museo del Barrio, creado en 1969 en Nova York, no marco da loita polos dereitos cívicos das comunidades minoritarias, e concibido como unha ferramenta máis para a normalización cultural e a educación non formal da comunidade.

Segundo os seus responsables, "diso trata este museo: de dereitos. Do dereito a ter un ocio cultural diversificado nunha cidade cunha clara carencia de infraestruturas"

Segundo os seus responsables, "diso trata este museo: de dereitos. Do dereito a ter un ocio cultural diversificado nunha cidade cunha clara carencia de infraestruturas". E tamén afonda, destacan, "na liña de traballo sobre o patrimonio cultural físico e emotivo que permita destapar as riquezas da cidade e na da educación creando un espazo para formar e interesar ás futuras xeracións na participación cultural".

A inauguración do espazo terá lugar este venres a partir das 20.30 horas, coa inauguración ademais da súa primeira exposición, Oh! Barrio, que estará aberta até o vindeiro 11 de maio. Oh! Barrio é unha mostra de arte contemporánea que amosa as obras de Javier Mosquera, Cachaldora, Daniel Gallego, Jesús Arcelle e Moncho Barrazeiro, comisario da exposición.

O Museo do Barrio acollerá a actividade cultural e patrimonial das asociacións que conforman ESCUA e doutras cooperativas e asociacións que colaboran habitualmente con esta plataforma, como por exemplo A Bela Auria, e en xeral o Museo acollerá diferentes iniciativas culturais en torno ao patrimonio da cidade, con especial atención aos seus barrios. Conta cunha sala de exposicións, unha sala de reunións e cun obradoiro de coworking para novos creadores. Abrirá de luns a venres (de 11.00 a 13.00 e de 20.00 a 21.00 horas, co obxectivo de ampliar o horario en función da colaboración de voluntarios) e tamén terá un soporte virtual a través das redes sociais e de diversas webs, unha para cada un dos proxectos que acolla, onde a cidadanía poderá seguir o seu traballo.

Entre os proxectos xa confirmados para os vindeiros meses destacan Ourensegrafías, Ourensegrafías sonoras, o Congreso Internacional de Socialización do Patrimonio (SOPA), Recuperar os Nomes, Pro-Nós2020, ou o programa de conservación Cidadáns coma Nós

Na presentación do espazo, que tivo lugar este xoves, Martiño X. Mato, da cooperativa Xeitura e coordinador do Congreso de Socialización do Patrimonio, destacou que a apertura do Museo do Barrio é "a mostra evidente dunha corrente de xente activa e participativa que está emerxendo na cidade e que demanda espazos de interacción" e sinalou que "estamos ante un novo modelo de cambio onde o tecido empresarial e institucional debería adaptarse ás demandas da cidade".

Entre os proxectos xa confirmados para os vindeiros meses destacan Ourensegrafías, Ourensegrafías sonoras, o Congreso Internacional de Socialización do Patrimonio (SOPA), Recuperar os Nomes, pro-Nós2020, ou o programa de conservación Cidadáns coma Nós. Un espazo para aqueles que non teñen un espazo, para as iniciativas e proxectos nacidos e alimentados dende a base, creando estruturas e discurso á marxe das empresas, das administracións e da cultura institucional.

Cartaz de 'Oh! Barrio', a primeira exposición que acolle o novo espazo © A Bela Auria

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.