Os anos tranquilos é a nova novela da escritora Llerena Perozo Porteiro (Vigo, 1974) que edita Xerais e Praza.gal adianta para as súas lectoras e lectores antes da súa inminente chegada ás librarías o 13 de xuño. Nesta novela, a autora constrúe unha personaxe principal tremendamente verosímil e humana que conta a súa propia vida e en absoluto se limita a redactar a crónica da súa existencia, senón que a emprega como punto de partida para reflexionar sobre a natureza humana, o pensamento filosófico e a política.
En primeira persoa, María García debulla o seu periplo vital. Aquí hai vida auténtica, hai casualidades, inxustizas, golpes de sorte e contradicións, tanto nos acontecementos como nas personalidades, decisións e actos dos personaxes. A protagonista é unha muller que nace no rural do occidente asturiano en 1924 a quen o estalido da Guerra de 1936 a 1939 obriga a deixar precipitadamente a aldea, soa e sendo case unha nena. A partir dese acontecemento, vive boa parte do século XX en ambas beiras do Atlántico ata rematar a súa vida no corazón de Galicia en pleno confinamento da pandemia de 2020. Polo camiño, traballa a reo, medra, ascende na escala social, estuda, descóbrese como unha persoa dotada de alta intelixencia, experimenta, contribúe... e tamén erra e vese abocada a tomar decisións sumamente complexas, incluída a de tomar a xustiza pola man.
A ollada feminista é sutil e profunda a un tempo en Os anos tranquilos, onde o fondo da cuestión pesa máis ca o discurso teórico. A evolución e inquedanzas da protagonista, María García, son as das mulleres: a asimetría social, a construción do desexo, o amor fronte á liberdade, as estruturas do poder, a violencia, o corpo, o mandato da maternidade, destacan entre outras.
O relato da vida de María García brinda ademais unha oportunidade ben aproveitada para o tratamento da memoria histórica ao percorrer algúns fitos da América e a Europa recentes, alén da sublevación fascista de 1936, como a emigración a América, a Década Infame arxentina, a II Guerra Mundial, a Revolución cubana, o Maio francés, a Transición española ou o espertar cultural e político galego dos anos 80 e 90, ata chegar á crise sanitaria de 2020.
A novela non aspira a atopar todas as respostas nin resolver cada conflito, da mesma maneira que sucede na vida. Estruturada en capítulos breves, as 400 páxinas desta historia son de lectura áxil e mesmo vertixinosa. A narración atrapa, interesa e propicia unha ávida lectura.