Agadic dá cinco días (outra vez) para optar a dirixir a súa política audiovisual

Convocatoria de agosto e a actual CC-BY-SA Praza Pública

O pasado 10 de agosto a Axencia Galega das Industrias Culturais, daquela aínda dirixida por Juan Carlos Fernández Fasero, facía pública a convocatoria para cubrir o posto de coordinación de política audiovisual do organismo público. As persoas aspirantes tiñan cinco días para presentaren as correspondentes solicitudes. Para optaren ao posto tiñan que cumprir requisitos como estar en posesión da "titulación académica de licenciado/a, diplomado/a universitario/a ou equivalente" e, ademais, tíñanse en conta "méritos" como a "traxectoria profesional acreditada na xestión de empresas audiovisuais" ou contar cun certificado de lingua galega (CELGA). Este procedemento vén de comezar de novo, pero cuns requisitos sensiblemente máis relaxados.

A aquel primeiro concurso de méritos concorreron doce persoas, das que nove foron admitidas como aspirantes definitivos. O elixido resultou ser Anxo Quintanilla, ex director do Consorcio Audivisual e antigo director da TVG durante os gobernos de Manuel Fraga. Apenas catro meses despois da elección Quintanilla cesaba no cargo e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, anunciaba a posta en marcha dunha nova selección. Este é o concurso que está agora en marcha e, de novo, os e as aspirantes teñen "cinco días hábiles para presentaren as súas solicitudes" a unha convocatoria sensiblemente máis aberta que a anterior, no que a criterios de selección se refire.

En 2012 foi seleccionado para o posto o ex director da TVG Anxo Quintanilla, que cesou en marzo

Ao posto, que ten unha "retribución íntegra de 39.432,89 euros", poden optar as persoas que estean "en posesión ou en condición de obter o título de bacharel, técnico ou equivalente, ou ter aprobadas as probas de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos". Onde antes se reclamaba unha "traxectoria profesional acreditada na xestión de empresas audiovisuais" e na "xestión de actividades culturais" ou "formación acreditada no eido do audiovisual" agora sinálase que se terá "especial consideración" para a "experiencia profesional e formación relacionadas co co contido das funcións propias do posto".

O novo concurso ten requisitos menos estritos

Os "méritos achegados polos candidatos" serán avaliados por un tribunal ante o que as persoas aspirantes "poderán ser citadas para a realización dunha entrevista persoal que versará sobre aspectso concretos do seu curriculum vitae ou aclaracións sobre os méritos alegados". Así e todo, as bases da convocatoria non sinalan que peso final ten este posible encontro, toda vez que explica que "non terá carácter selectivo" e "realizarase para os únicos efectos de permitir unha mellor avaliación dos méritos que sexan preciso detallar con maior claridade".

O director da AGADIC, Jacobo Sutil, co conselleiro Jesús Vázquez © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.