Agadic recorta case o 60% das axudas ao talento audiovisual

O xerente da Agadic, con Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez © Xoán Crespo

Fixéronse agardar e cando chegaron estaban mutiladas. A Axencia Galega das Industrias Culturais vén de convocar as "subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego", as axudas desaparecidas no ano 2012 e que agora regresan cun recorte do 56%, incidindo na liña das tesoiradas xa aplicadas polo actual Goberno nas dúas anteriores edicións das axudas que lle tocou xestionar, en 2010 e 2011.

Desta volta o, en verbas da Agadic, "apoio aos novos creadores audiovisuais" queda cun orzamento total de 66.000 euros "que se destinará a proxectos de escrita individual de guións e realización de curtametraxes". O que obvia o organismo dependente de Cultura e Educación no seu anuncio é que aplica unha dura rebaixa que supera, con moito, o 30% de recorte que padece neste 2013 o conxunto do orzamento cultural do Goberno galego. Non en van, a anterir ocasión en que se convocaron as axudas a asignación económica era de 150.000 euros.

A contía destes subsidios en 2011 era tamén resultado dun recorte. Daquela o ente público pasaba a tesoira para quitarlles a metade do orzamento do que dispuxeran en 2010, cando chegaron aos 300.000. Esta cantidade era, á súa vez, resultado dunha notable mingua a respecto da convocatoria de 2009, aínda dependente do bipartito, cando as axudas ao talento ascenderon a 500.000 euros. Así as cousas, dende o retorno do PP a San Caetano a "aposta pola nova creación adiovisual e pola promoción de novas estéticas narrativas e de propostas experimentais" deixou polo camiño o 86,8% dos seus fondos.

As axudas ao talento perderon un 86,8% do seu orzamento dende o retorno do PP á Xunta

Con estas condicións de partida as autoras e autores poderán optar a axudas de 5.000 euros por proxecto, no caso da escrita individual de guión, e de 6.000 euros para a realización de curtametraxes. "O importe adxudicado, ben de xeito illado ben en concorrencia con outros apoios económicos de carácter público, non poderá superar en ningún caso o 100% do custo de actividade", especifica o Goberno galego. Para a valoración das propostas de escrita "teranse en conta a orixinalidade e a calidade do proxecto, a súa viabilidade cinematográfica e a súa contribución a un audiovisual galego e con ollada propia", ademais da traxectoria do ou da guionista. Nas curtas algúns dos criterios son "a calidade", o "valor artístico do guión" ou a "contribución á experimentación".

A minguadísima convocatoria está aberta dende este 2 de xullo e ata o 1 de agosto. A Xunta indica que as solicitudes "deben presentarse prefereblemente por vía electrónica". Alternativamente tamén admite solicitudes en papel, sempre que se utilice o formulario dispoñible na sede electrónica da Administración autonómica e na web da Agadic.

O xerente da Agadic, con Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.