Aires d'a terra: O coro de don Perfecto Feijoo 'resucita' cen anos despois

Formación de Aires d'a Terra Dominio Público Praza Pública

"Me habla usted de un asunto y de unas proposiciones de que en realidad no debiera ocuparme, dado el estado de ánimo en que me ha dejado el incalificable comportamiento de alguna de las personas que nos han acompañado en la última excursión (...) en vista de los difíciles compañeros que hemos tenido, acabé por desistir de todo". Quen escribe é don Perfecto Feijoo, o célebre boticario e gaiteiro pontevedrés considerado o "pai dos coros galegos". Diríxese ao dramaturgo Nicolás de las Llanderas nunha carta datada no 15 de decembro de 1914 que vén certificar a disolución de Aires d'a Terra, o primeiro coro galego da historia, fundado por el mesmo. Un século despois do remate daquela andaina oito músicos galegos dispónñense a resucitar musicalmente aquela formación no espectáculo Aires da terra: o legado de Feijoo.

Suso Vaamonde, na gaita, Xosé Lois Romero, no tambor e o pandeiro, José Manuel Acha, no bombo, unen as súas voces ás de Xan Herrera, José Luís Garaboa, Xoán Porto, Paulo Chouza e César Tarela para darlle vida a un proxecto que, din, é "ante todo emotivo e romántico": "darlle vida de novo á idea orixinaria que inspirou a don Perfecto Feijóo para crear o primeiro coro galego" no ano 1883. "A motivación é a mesma" e por iso tentarán reproducir aquel grupo o máis fielmente posible: "oito homes cun só nexo común, o amor pola nosa música máis auténtica e orixinal".

"Para levar adiante tal empeño", sinalan, contan cunha "réplica exacta" da gaita do histórico gaiteiro, "tocada coa dixitación e ornamentación que el deixou escrita nas súas notas" e "dos mesmos instrumentos que empregou" en 1904 para realizar a gravación da música de Aires d'a Terra. Tamén irán ataviados co "mesmo vestiario". "A concepción do coro é idéntica á idea orixinal que o viu nacer" e estará plasmada nun espectáculo duns 50 minutos no que intervirá tamén unha parella de baile e no que os temas musicais estarán intercalados con "comentarios escritos do puño e letra de Feijóo" que permiten explicar "a concepción que tiña o seu creador do que debería ser un coro galego na Galicia de 1901". Respectaranse, en todo momento, "as sonoridades, os modos, os arranxos e a estética e idea primitiva do coro".

O espectáculo respecta "as sonoridades, os modos, os arranxos e a idea primitiva" de Aires d'a Terra

Todo este traballo, apoiado nunha morea de documentación da época e na histórica gravación, plasmarase por primeira vez o vindeiro día 13 no Museo de Pontevedra, onde se custodian os instrumentos musicais de don Perfecto Feijoo. A continuación "o mesmo programa e repertorio" chegará "aos fillos directos deste coro, os seus descendentes e continuadores": Cantigas e Agarimos de Santaigo, o 24 de xaneiro, Toxos e Froles de Ferrol, o 31 de xaneiro, Cántigas da Terra da Coruña, o 7 de febreiro, e tamén a ourensá Coral de Ruada e a lucense Cántigas e Frores en datas aínda por confirmar. Os espectáculos, detallan os artistas, tentaranse desenvolver en espazos "sen medios técnicos modernos", "sen amplificación, co son real e en acústico, tal e como facía o coro orixinal", o que non implica que, nun futuro, non se poida adaptar a un auditorio de maiores dimensións.

Formación de Aires d'a Terra Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.