Albert Maysles: “A xente sempre prefire contar antes que gardar segredos”

Alberto Maysles © Tamara de la Fuente

Albert Maysles encheu o pasado mércores unha das sesións inaugurais máis concorridas de Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui. O certame acolle estes días a esta lenda viva do cinema de non ficción. Albert foi, xunto ao seu irmán David (1932-1987), un dos pioneiros e máximos expoñentes do cinema directo. O movemento, que xurdiu a finais dos 50 e principios dos 60 nos EUA, rompía con todas as tradicións anteriores, aspirando a capturar a realidade de maneira directa, tal e como sucedía.

Veuse isto claramente no filme que inaugurou o ciclo de seis filmes seus, que se pasan ata o domingo en Tui. What's Happening! The Beatles in the USA! (1964) recolle a primeira xira do grupo de Liverpool polos EUA. Como explicou no coloquio co público Maysles: “Recibín unha chamada do Reino Unido, con alguén que me dicía que os Beatles chegaban en dúas horas a Nova York. Colguei e pregunteille a meu irmán David quen eran eses. Afortunadamente para nós, el si sabía de quen se trataba. Collemos a cámara e alí nos plantamos. Antes de poder decatarnos, xa estabamos montados no coche con eles, e compartimos unha semana de xira con eles”. Así de abraiante. Poderían hoxe as celebridades compartir eses momentos de intimidade? Albert teno claro: “A xente segue a ser igual. Todo o mundo prefire contar a gardar un segredo”.

Poderían hoxe as celebridades compartir eses momentos de intimidade? Albert teno claro: “A xente segue a ser igual. Todo o mundo prefire contar a gardar un segredo”

Os Rolling Stones de Gimme Shelter (1970) tamén? “En serio, estableceuse tamén unha relación de amizade”, explica o autor. O que si, aquí a confianza foi máis difícil de construír. Mick Jagger e os outros membros da banda aparecen na cinta relaxados no escenario e nas festas, pero teñen un talante moi serio contemplando as imaxes do asasinato que tivo lugar durante o seu concerto en Altamont. “Mick Jagger tiña un problema con isto ao comezo”, relata Maysles. “Non estaba seguro de que iso dera unha boa imaxe do grupo, pero así aconteceu”, continúa. E remata explicando: “Ao final convencémolo de estreala coa nosa montaxe, porque ese método provocou precisamente que a xente se sentise máis próxima nun momento difícil”.

Nada que ver esta naturalidade coa aparente posta en escena (é o consenso da crítica) da súa grande película de culto: Grey Gardens (1975). Este retrato provocador sobre a excéntrica vida das Beales, tía e sobriña de Jacqueline Kennedy Onassis, ten unha importancia para a historia do documental, porque se  entende que pecha o ciclo clásico do cinema directo, e adiántase no tempo aos personaxes que destila a telerrealidade. “Non estou de acordo”, defende Maysles. Indica que as Beales, aínda que non o creamos, “exprésanse realmente como son”. E matiza: “Podemos obter no noso cinema algo que ningún guionista podería inventar. As cousas, tal e como veñen na realidade, son moito máis excitantes que nada que se poida imaxinar ou escenificar”. Refírese en concreto ao momento que a nai lle canta á filla unha canción, un momento moi tenro que non estaba preparado e que resulta nunha das grandes escenas da película.

Os tres filmes citados son moi famosos entre os cinéfilos, mais o que Maysles considera a súa obra mestra é Salesman (1968). Segundo el di, o escritor Norman Mailer cualificouna no seu momento coma “o filme que mellor define a Norteamérica”. “É un filme de boas persoas, tanto os vendedores de Biblias, que se esforzan en facer o seu traballo; como as mulleres que teñen por clientas”, indica o camarógrafo, mais non pode deixar de lado o feito de que se lle cobra a esta xente “prezos escandalosos en nome de algo sagrado”. Cando isto ocorre, “un ten a sensación de que algo vai mal na nosa sociedade”, explica.

Norman Mailer cualificou Salesman no seu momento coma “o filme que mellor define a Norteamérica”

O ciclo complétase na fin de semana con outros dous títulos: With Love from Truman (1966), cinta raramente mostrada, na que o reputado escritor Truman Capote nos fala da súa famosa novela A sangue frío; e Pshychiatry in Russia (1955), primeira película de Albert Maysles en solitario, froito dunha viaxe en motocicleta por Rusia. que ofrece unha inusual mirada sobre as institucións mentais da antiga Unión Soviética.

O festival dará a oportunidade ao público este sábado de debater con Maysles os seus métodos, nunha charla aberta que terá lugar no teatro municipal ás cinco da tarde. A entrada é de balde.

 

Horario de proxección das películas de Maysles

Venres 15 – 20.30 horas: Salesman
Sábado 16 – 20.30 horas: Grey Gardens
Sábado 16 – 22.30 horas: Gimme Shelter
Domingo 17 – 18.30 horas: With Love From Truman + Psychiatry in Russia
Todas no Teatro Municipal de Tui
 

Alberto Maysles © Tamara de la Fuente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.