Alberto San Juan representa este venres en Teo o seu ‘Autorretrato de un joven capitalista español’

Alberto San Juan Dominio Público Praza Pública

“A sociedade na que vivo é inxusta até a crueldade. E quero que cambie. Mais non sei se estou disposto a arriscarme a perder no intento todo o que teño. Quero conservar a miña fama, a miña cotización comercial, as miñas propiedades. Falo en serio. Son un mozo capitalista español”. Con estas palabras, arrinca Alberto San Juan a obra Autorretrato de un joven capitalista español, o monólogo que presenta este venres ás 22 horas no Auditorio da Ramallosa (Teo), dentro da programación de residencia de Chévere en Teo. As entradas custan 10 euros e pódense adquirir en redenasa.tv , no café SCQ (Santiago), Panificadora San José (Cacheiras), A Santa Sede (Ramallosa), A Senra (Pontevea) e A Capilla (Calo).

Autorretrato de un joven capitalista español represéntase este venres ás 22 horas no Auditorio da Ramallosa (Teo)

Autorretrato de un joven capitalista español é un monólogo no que Alberto San Juan fala do seu país desde o ano do seu nacemento en 1968 ata hoxe. Achegando numerosos datos, nomes propios e datas, o actor dá un repaso á Transición, ás súas arraigadas raíces no franquismo, á monarquía juancarlista, ao ascenso do PSOE ao poder, á progresiva privatización dos servizos públicos, para entender como chegamos á crise actual. O actor non fala desde a ira nin a carraxe, senón desde a ironía, ríndose publicamente de si mesmo, do mundo privilexiado do famoseo que rodea ao cine e ao que el mesmo pertenceu ata que a crise o "espertou". Unha peza sincera e moi honesta que, malia ser un monólogo, o propio Alberto San Juan quere que sexa “unha conversa directa” co público, no que os espectadores, se queren, poidan compartir as súas impresións durante o espectáculo.

Alberto San Juan (Madrid, 1968), actor e director teatral, fundou xunto a outros intérpretes a compañía Animalario, unha das formacións máis coñecidas do panorama teatral do estado, en 1997.  A súa faceta interpretativa inclúe traballos, ademais de no teatro, na televisión (en series como Más que amigos, El grupo, Periodistas ou Águila Roja) e no cine. Unha das súas primeiras participacións na gran pantalla foi na película Airbag (1996). A partir de aí, chegarían outras fitas como La ciudad de los prodigios, Los Lobos de Washington, El otro lado de la cama, Días de fútbol ou Bajo Las estrellas, película pola que recibiu o Goya ao mellor actor protagonista en 2007.

Este venres, Praza publicará unha entrevista co intérprete

Este venres, Praza publicará unha entrevista co intérprete, na que falará desta obra que presenta na Ramallosa e partillará a súa visión sobre a situación política do estado, da cooperativa teatral que impulsou en Madrid (Teatro del Barrio), entre outros asuntos.

Alberto San Juan Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.