Alonso Montero disputaralle a González a presidencia da RAG

Xesús Alonso Montero © Editorial Galaxia

Dúas candidaturas optarán á presidencia da Real Academia Galega (RAG) tras a recente dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín. Á anunciada candidatura liderada polo tesoureiro en funcións, Manuel González, únese agora a do escritor e catedrático Xesús Alonso Montero, que este martes enviou un correo electrónico a todos os académicos confirmándolles a súa intención de optar a dirixir a centenaria institución.

Alonso Montero decidiuse tras as peticións de varios académicos e di estar disposto a axudar a resolver a "delicada situación" da RAG

Presentará unha candidatura na que contará con Rosario Álvarez, a piques de deixar a dirección do Instituto da Lingua Galega (ILG), e co teólogo Andrés Torres Queiruga. Con ela pretenden, segundo o propio Alonso Montero aclara, axudar a resolver a "delicada situación en que se atopa a Academia". No mesmo correo electrónico enviado aos académicos, o escritor de 84 anos amósase convencido -e logo de consultar e recibir os azos de varios compañeiros da RAG- de que pode contribuír a responder ante a situación que enfronta a institución, así como a lograr a que esta saia "fortalecida" da crise na que se atopa.

Para logralo, Alonso Montero pon varias condicións, como que se instaure un clima de diálogo, lealdade e cooperación entre os académicos baseado no "respecto mutuo" e na participación de todos na toma de decisións, así como en conseguir que a Academia xogue cara á sociedade o seu papel simbólico como referente maior da lingua e da cultura. Para iso, solicita tamén que ese papel se exerza "con exemplaridade" no seu funcionamento, tal e como puido saber Praza.

A candidatura de Alonso Montero aposta por unha defensa total da independencia da Academia e por unha xestión profesionalizada

Ademais, Alonso Montero pretende constituír unha comisión executiva representativa, plural e integradora e basea en varios puntos as bases de actuación futura que defenderá a súa candidatura. Así, o catedrático e escritor vigués aposta por unha defensa total da independencia da Academia en relación aos poderes políticos, á marxe da necesaria colaboración coas institucións; o impulso da presenza social da institución ao lado dos axentes que actúan cun espírito acorde co da RAG; a dinamización do traballo da Academia e a garantía dunha "xestión profesionalizada e eficiente" dos recursos humanos e patrimoniais.

Nunhas declaracións posteriores a Europa Press, Alonso Montero recoñeceu que lle daba un pouco de "medo" aceptar a proposta de que liderase a candidatura, pero que foron as peticións dos compañeiros os que o animaron. Ademais, e aínda que admite que lle gustaría poder alcanzar un acordo con Manuel González para achegar unha candidatura de consenso, recoñece que non será fácil ante a achegada data do 17 de maio, antes da cal está pensado que a directiva estea constituída xa.

Será a primeira vez que dúas listas loiten pola presidencia da centenaria institución

Así, e agás sorpresa maiúscula, Alonso Montero e Manuel González loitarán por presidir a Real Academia Galega. Será tamén unha disputa electoral entre o sector crítico e que apoiou o anterior e dimitido presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín.

Segundo fontes académicas consultadas por Praza, a candidatura de Alonso Montero sería a mellor situada agora mesmo para acceder á presidencia por ter "maior apoio e carisma" entre os membros do plenario, aínda que a de Manuel González xa apañou algún apoio nos últimos días. O resultado final dependerá, ao final, dos votos duns 25 membros, tendo en conta as ausencias habituais dalgún académico e a dimisión de Ferrín, que deixou baleira a súa cadeira na RAG.

Será a primeira vez na historia que dúas listas opten á presidencia da Academia, logo da crise na que se sumiu a institución pola dimisión de Méndez Ferrín, que marchou acusando a sectores de dentro e de fóra da RAG de desestabilizar a institución. á que considera en risco. Facía referencia á teórica intención dos académicos achegados ao ILG e ao Consello da Cultura de promover unha fusión das institucións culturais que traballan no eido lingüístico e cultural do país, algo que tamén di rexeitar Alonso Montero.

Xesús Alonso Montero © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.