Alonso Montero inclúe a Monteagudo e Margarita Ledo na súa lista á RAG

Margarita Ledo CC-BY-SA Alberto Ramos

Xesús Alonso Montero, un dos aspirantes á presidencia da Real Academia Galega (RAG), completa a súa candidatura con Henrique Monteagudo e Margarita Ledo. Estes dous académicos únense así a Rosario Álvarez e Andrés Torres Queiruga, que xa foran anunciados no momento no que o catedrático vigués anunciou a súa intención de aspirar a dirixir a centenaria institución.

Así, e ante a imposibilidade de lograr un acordo co outro candidato, Manuel González, para unha lista de consenso, Alonso Montero decidiu ocupar os dous postos que deixara vacantes no seu equipo con estes dous académicos. Henrique Monteagudo é sociolingüista galego, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, coordinador da sección de Lingua do Consello da Cultura Galega e académico numerario da RAG desde abril de 2010, tras ocupar a vacante de Antonio Gil Merino. Margarita Ledo Andión é xornalista, escritora, directora cinematográfica e catedrática de Comunicación Audiovisual e entrou na Academia en 2009.

A proposta de executiva da candidatura queda conformada por Xesús Alonso Montero (presidente), Henrique Monteagudo (secretario), Andrés Torres Queiruga (vicesecretario), Rosario Álvarez Blanco (tesoureira) e Margarita Ledo Andión (bibliotecaria-arquiveira).

Con estas dúas incorporacións, queda completa a candidatura que encabeza Xesús Alonso Montero, que terá como rival no plenario do vindeiro sábado día 20 a de Manuel González, que polo momento confirmou na súa candidatura os académicos Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Regueira, pero que ata este sábado non dará a coñecer o nome dos outros dous académicos que o acompañan na lista.

Henrique Monteagudo © Editorial Galaxia
Margarita Ledo CC-BY-SA Alberto Ramos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.