Alonso Montero ofrece unha lista de consenso con el como presidente da RAG

Xesús Alonso Montero © Xerais

Xesús Alonso Montero presentou este luns oficialmente a súa candidatura para presidir a Real Academia Galega (RAG) nunha carreira na que competirá con Manuel González, actual tesoureiro da institución. Nunha rolda de prensa na que estivo acompañado por Rosario Álvarez, Henrique Monteagudo, Xesús Ferro Ruibal e Margarita Ledo, o académico tendeu a man para un consenso parcial, que implicaría a conformación dunha única lista na que se poderían negociar as responsabilidades da nova directiva, pero non a presidencia, que dixo ser “innegociable”.

Alonso Montero abre a porta a que González propoña dous nomes para completar a lista, pero di que a presidencia é "innegociable"

Confirmados Rosario Álvarez e Torres Queiruga na súa candidatura, a idea de Alonso Montero é “deixar abertas as outras dúas prazas e os cometidos a desenvolver por cadaquén”, co obxectivo de  “acadar un consenso parcial, posto que o total non parece posible”. Así, o escritor vigués deixou claro que a presidencia “non é negociable”, pero que si estaría disposto a que Manuel González propuxese nomes que completasen as dúas vacantes no seu equipo directivo. "Aínda hai tempo a acadar un consenso" que o catedrático cualifica de "non perfecto", pero si "útil".

“Se non existe unha candidatura de consenso, non é pola nosa culpa”, di o académico vigués

Alonso Montero aclarou que a súa intención sempre foi a de presentar unha única lista, pero que o obxectivo foi imposible porque “antes de que se chegase a un acordo entre os académicos foi presentada a cadidatura de Manuel González”.  “Se non existe unha candidatura de consenso, non é pola nosa culpa”, insistiu.

En canto aos motivos que o levaron a presentar a súa candidatura á presidencia da RAG, Alonso Montero asegurou que pensou “moito tempo” sobre o tema, para acabarse “decantando polo ben público e non pola satisfacción privada”, baseándose no seu “elemental marxismo”.

A celebración do plenario no que se elixirá o substituo de Méndez Ferrín terá lugar, case con toda seguridade, a principios da vindeira semana. Antes, Alonso Montero exporá publicamente o seu programa, no que inclúe ofrecer á sociedade galega unha gramática e un diccionarios, así como estudos sociolingüísticos para expertos.

Xesús Alonso Montero © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.