Amador Castro gaña o Premio Xerais de novela e Rosa Aneiros e Emma Pedreira os 'Merlín' e 'Jules Verne'

Os galardóns entregaranse o vindeiro mes de outubro, coincidindo coa publicación das obras premiadas © Xerais

Os Premios Xerais 2019 veñen de dar a coñecer as gañadoras e gañadores das súas tres categorías. Amador Castro foi galardoado co Premio Xerais de Novela por “Shanghai a Barcelona”, Emma Pedreira fíxose co Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil por "Os corpos invisibles", e Rosa Aneiros obtivo o Premio Merlín de Literatura Infantil por "Xelís, o guieiro das botellas de mar". Cada un deles está dotado con 10.000 euros. Os galardóns serán entregados en outubro, coincidindo coa publicación das tres obras gañadoras.

Os galardóns serán entregados en outubro, coincidindo coa publicación das tres obras gañadoras

O xurado da XXXVI edición do Premio Xerais de Novela, ao que concorreron 44 obras, estivo formado por: Ana Belén Moreda (profesora), Carlos Feijoo (avogado), Helena Torres (xestora cultural), Nuria Vil (poeta), Ana Abelenda (xornalista) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás. "Shanghai a Barcelona" é unha novela sobre a emigración galega a Barcelona e, de feito, Amador Castro Moure naceu en Nandulfe-Chantada mais vive dende a súa infancia en Barcelona. Ten publicados dous libros: Memorias de antes do encoro (2013) e Pillabán, pillabán (2018).

Amador Castro © Xerais

"Shanghai a Barcelona" é unha novela sobre a emigración galega a Barcelona

O xurado destaca "o orixinal emprego das voces narrativas, fiadas unhas con outras con afán de continuidade; destacamos a viveza e naturalidade dos diálogos e a efectiva creación dunha atmosfera abafante ao longo de toda a novela, alén da fusión dun rexistro coloquial nos personaxes cunha linguaxe lírica presente en forma de haikus".

"Éncheme o corpo todo un enorme sentimento de agradecemento para toda a xente que sempre creu en min", di Castro, que explica que "comecei tarde nisto da novela. Non na literatura" e que atopou "na informática o máis parecido a un proceso creativo". "Os anos pasaron a ritmo vertixinoso sen sequera darme tempo de aprender o retrouso. Para máis eses anos non foron quen de matar o verme literario que seguía a roer por dentro", engade.

"Os corpos invisibles"

O xurado da XI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, no que concorreron 20 obras, estivo formado por: Javier Balea (divulgador científico, creador de “Moléculas en galego”), María Cerdeira González (estudante de Ciencias da Educación), David Díaz Díaz (profesor de Lingua galega e literatura, coautor de “Bolboretas no bandullo”), Tensi Gesteira Estévez (responsable do blog “Lecturafilia”), Olga Nogueira (profesora de Lingua galega e literatura)  e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica Isabel Mociño González.

"Téñolle moitísimo respecto á literatura escrita para ese que é o público máis esixente, natural, curioso pero tamén o máis agradecido, o infanto-xuvenil"

O xurado destacou "a orixinalidade da perspectiva adoptada para o desenvolvemento da trama; a innovación no seu achegamento a un clásico universal e ás autoras inglesas da época vitoriana; o firme feminismo da obra; o retrato social focalizado en problemáticas femininas e a visibilización do papel das mulleres".

Emma Pedreira Dominio Público Praza Pública

Pedreira, filóloga, poeta e narradora, forma parte da Plataforma de Crítica Feminista A Sega. Ten publicado unha ducia de poemarios e cinco novelas. Coa máis recente (Besta do seu sangue) gañou o Premio Xerais de Novela o pasado ano. "Téñolle moitísimo respecto á literatura escrita para ese que é o público máis esixente, natural, curioso pero tamén o máis agradecido, o infanto-xuvenil. Tardei en chegar ate aquí e decidirme a escribir unha historia que me levase a dialogar coa xente máis nova ou, mellor aínda na que eu puidese facer de medium para que a historia fale coa rapazada", di a autora.

"Xelís, o guieiro das botellas de mar"

O xurado destacou a construción dun universo propio, habitado por unha rica galería de personaxes para tratar a problemática actual da crise ecolóxica e da contaminación do plástico

O xurado da XXXIV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, no que concorreron 28 obras, estivo formado por: Sabela Fernández Trelles (profesora e asesora en Educación Infantil e Primaria), Sira González Rodríguez (bibliotecaria), María Jesús Iglesias García (profesora de Educación Infantil e Primaria), Ángel Iglesias Mariño (profesor e membro de Espazo Lectura), Andrés Meixide Gayoso (deseñador gráfico e ilustrador) e o crítico e escritor Miguel Vázquez Freire.

O xurado destacou a excepcional construción dun universo propio, habitado por unha rica galería de personaxes que se sitúan entre o fantástico e o real, para tratar a problemática actual da crise ecolóxica e da contaminación do plástico.

Rosa Aneiros © Manuel G. Vicente

A xornalista Rosa Aneiros ten publicado un gran número de obras, entre as que destaca Sol de Inverno, coa que gañou no ano 2009 o Premio Xerais de Novela. No vindeiro mes de setembro aparecerá publicado na colección Merlín de Xerais “Tres bichicomas, dúas illas e unha serea”, obra coa que gañou o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2018.

"É unha obra de denuncia do deterioro do planeta, en particular dos océanos pola contaminación dos plásticos, pero tamén unha obra de esperanza sobre o poder da amizade e da forza do nós. Sempre hai unha botella ao mar para bisbarnos á orella", destaca Aneiros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.