O Premio Plácido Castro de Tradución chegou á súa maioría de idade e fíxoo recoñecendo o traballo de Antía Veres Gesto pola obra A Lost lady/Unha muller perdida, de Willa Cather, publicada o pasado ano pola editorial Hugin e Munin. O galardón máis importante da tradución en galego entregou este venres en corcubión o premio da súa 18ª edición, nun acto ao que asistiu o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez. O premio conta cunha dotación económica de 2.000 euros, un diploma e unha obra escultórica, o “Babelio”, da autoría de Xaquín Chaves.
O premio recoñeceu o seu traballo na obra A Lost lady/Unha muller perdida, de Willa Cather, publicada o pasado ano pola editorial Hugin e Munin
Antía Veres, nacida en Guitiriz en 1990, licenciouse en 2013 en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, e en 2014 foi premio extraordinario fin de carreira. Traballou na empresa Globalingua Translation, colaborou profesionalmente co proxecto Trasno e fixo voluntariado para a asociación sen fins de lucro Tradutores sen Fronteiras. Foi unha das fundadoras da asociación Trabalingua da Universidade de Vigo, da que foi presidenta entre os anos 2011 e 2012.
O xurado destacou "a capacidade de recreación da autora así como o acerto do uso dun galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera orixinal da novela"
O xurado, integrado por Xosé Luís Franco Grande, Olga López López, Ana Luna Alonso, Fernando Moreiras, Víctor Caamaño e Xulio Ríos, destacou "a capacidade de recreación da autora así como o acerto do uso dun galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera orixinal da novela". Ademais chamou a atención sobre a significación da autora e obra elixidas, inédita ata agora no noso sistema literario, que gozou sempre de amplo recoñecemento tanto nos EUA como a nivel mundial.
O premio quere reivindicar a dimensión tradutora de Plácido Castro (1902-1967), significar a importancia da tradución no sistema literario galego e recoñecer a excelencia do labor dos tradutores contemporáneos. Entre os galardoados con este premio en anteriores edicións figuran autores como Lois Tobío, Fernando Pérez-Barreiro Nolla, Valentín Arias, Isabel Soto, Mona Imai ou Marta Dahlgren, entre outros.
A Fundación Plácido Castro está integrada polos concellos de Cambados, Corcubión e Vilagarcía de Arousa, ademais da Asociación de Tradutores Galegos, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación e o IGADI.