Antón Beiras: “Xa non somos servos, obreiras, soldados ou abázcaros”

Antón Beiras CC-BY-SA Praza Pública

O Pensamento Zombi-, -aquel que non tolera a autonomía privada-, é recibido con máximo xúbilo na Axencia Tributaria Galega. E non só nela. As institucións públicas en xeral, a clase política e certos poderes económicos comparten esta mesma doenza. Así o di o avogado e economista Antón Beiras Cal no seu libro A verdade xurídica, o pensamento zombi e a tradición republicana, que vén de editar Laiovento.
   
O libro responde a unha inquietude: “a guerra declarada polas institucións públicas, pola clase política e por certos poderes económicos á autonomía privada, á esfera da autonomía da vontade”. En que consiste esa guerra? Pode poñer un ou dous exemplos?

En Vilagarcía de Arousa un Regulamento de mobilidade cidadá propón sancionar nenos que xoguen na beirarrúa con triciclos, patíns ou skates porque impiden a mobilidade. Igualmente propón sancionar os veciños que en número superior a tres se paren na beirarrúa a charlar por idéntico motivo. O Consello de Estado urxiu hai dous meses á DGT para que deteña a tramitación do seu Regulamento de Seguridade Vial que define como usuarios da vía tamén aos peóns. Estes poderán ser sometidos ao igual que os condutores a probas de alcoholemia ou drogas. Tamén serán sancionados por exceso de velocidade se fan footing pola cidade, pois a súa velocidade máxima será a do 'paso humano'.

As nosas elites políticas, explica, non entenden o concepto de autonomía privada de Kant. Por que? Cales son, a grandes trazos, os motivos históricos disto?

Ten que ver quizais coa prohibición na contrarreforma de ler a biblia tras o concilio de Trento. A biblia tradúcese ao alemán por Lutero e ao francés por Calvino. A xente aprende a ler. Os cativos dan a acción de grazas antes de cear lendo algúns salmos. En España, Italia ou Grecia prohíbese: seguirá en latín pois a facultade de ler a Biblia e interpretala resérvase aos clérigos que a recitan os domingos en misa: ler a Biblia é un perigoso experimento que conduce á herexía. No norte gañar diñeiro, buscar a prosperidade material, prestar con interese deixará pronto de ser pecado: nace a autonomía privada onde o home dita a través do contrato as súas propias normas dispositivas. En España non. Aquí diremos: que inventen outros...

"A liberdade de expresión é unha das liberdades políticas democráticas. Ten que ver co libre albedrío pero non é o mesmo"

Non confundir o público co privado é necesario para comprender esa idea. De que maneira pedir unha regulación internacional contra o delito de blasfemia, como fixo un político musulmán, contradí esta distinción?

A liberdade de expresión é unha das liberdades políticas democráticas. Ten que ver co libre albedrío pero non é o mesmo, tal como insiste John Stuart Mill. En España (Murcia) un empresario ten que cambiarlle o nome á súa discoteca porque se chama La Mezquita, por presións dos inmigrantes musulmáns. No republicanismo occidental o nome dun negocio pono quen arrisca o seu diñeiro investindo nel: se ofende ao seu público pechará; se lle divirte terá éxito.

Non se comprendería o concepto do arbitrio privado sen a tradición filosófica que vai do libre albedrío de Santo Tomás ao iuspositivismo de Guillerme de Ockham. De que xeito Okham abre o camiño para o concepto moderno de dereito subxectivo?

O iusnaturalismo de Santo Tomás concibe, como Aristóteles, o home como un ser social no seu estado natural. Como unha colmea: hai obreiras, soldados, zánganos, e unha raíña que manda. Os deberes son previos aos dereitos. Se se cumpren os deberes, se se é virtuoso, gaña o dereito, entre eles, o dereito á salvación. Ockham dálle a volta e abre o camiño ao iuspositivismo: o home no seu estado primitivo só ten dereitos: ius posest. O home ten unha absoluta potentia Dei, á que renuncia en virtude dun contrato. Logo os dereitos son previos aos deberes, que actúan como límite dos primeiros. O dereito subxectivo é pois unha potencia da vontade. E como tal potencia é renunciable.

"Somos en estado natural, permítaseme a expresión basta, uns perfectos fillos de puta. Pero renunciamos a conducirnos como tales en virtude dun acto de decencia cidadá"

Este xiro copernicano de definir as cousas pola súa potencia e non pola súa esencia -como Santo Tomás- é moi importante en dereito da filosofía, pois nace un novo suxeito político na baixa idade media: a cidadanía. Xa non somos servos, obreiras, soldados ou abázcaros. Somos en estado natural, permítaseme a expresión basta, uns perfectos fillos de puta. Pero renunciamos a conducirnos como tales en virtude dun acto de decencia cidadá e asinamos un contrato social: a posición subxectiva que permite esixir o seu cumprimento agora é patente. Non o era cando por esencia do dereito natural eramos obreiras ou abázcaros.

A tradición republicana, explica, é hoxe obxecto de ataque polo Pensamento Zombi, que non respecta a esfera da autonomía privada. Mais, non é simplificador reducir a iso a tradición republicana?

Cando falo de tradición republicana refírome á acepción aristotélica de 'bo goberno'. Unha sociedade republicana é unha sociedade onde o cidadán está razoablemente satisfeito coa estrutura social e coas canles para manifestar a súa protesta. Inglaterra, dende logo, é unha república en termos de dereito político. E a República Popular de Corea do Norte, dende logo, non o é.

"Inglaterra, dende logo, é unha república en termos de dereito político. E a República Popular de Corea do Norte, dende logo, non o é"

A verdade xurídica como proba xudicial tamén se vai abrindo paso ao longo da historia. Cal é a achega, neste aspecto, de Hegel?

A achega de Hegel é o principio dialéctico de contradición entre os opostos: a verdade (síntese) é resultado da oposición entre tese e antítese.

Que outros exemplos de corrupción en España mostran que este principio queda en papel mollado? Ten que ver con isto, por exemplo, o presunto financiamento ilegal do PP que se está a investigar?

Sen dúbida é así: resulta asombroso que un partido que goberna o Estado entregue a un xuíz un ordenador co disco duro roto ou extraído. É asombroso que a súa sede estea financiada con diñeiro negro. E resulta aínda máis asombroso que a AEAT compare a ese partido con Cáritas ou a Cruz Vermella. É a absoluta descomposición republicana.

Rousseau, Kant, Hegel, Smith ou Mill ocúpanse do Dereito como xeito de impedir a inxerencia na autonomía privada. Por que é, segundo vostede asegura, non entender a Mill ou a Smith afirmar que son a base do liberalismo económico exacerbado? Aceptarían eles o que se fixo tras a quebra de Lehman Brothers, recortando estados de benestar para socializar as perdas dos bancos?

A revolución Conservadora iniciada nos anos 70 do século XX creou certos mitos como o da man invisible de Adam Smith. Smith na súa metáfora do grande incendio de Londres explica como fan falta devasas para controlar a actividade dos bancos. Isto tamén está intencionalmente ocultado polo pensamento zombi que aniña na caverna prekeynesiana. De todos modos, coidado con Rousseau: é o fundador do pensamento zombi.

Tamén é pertinente lembrar a teoría do contrato social: Hobbes, Rousseau, Spinoza e Locke. Por que non habería contrato social sen Maquiavelo antes?

Maquiavelo no Príncipe moderno desenvolve a teoría política do estado postfeudal. En realidade o príncipe interprétase hoxe en día como unha alegoría: estase a referir ás cidades-república, ao estado moderno. Antes de Maquiavelo, o estado é o Rei feudal, o tesouro público é o seu capital privado. Con Maquiavelo o estado alléase do príncipe e convértese nunha categoría autónoma.

Comenta que a “prepoderancia do público e o sometemento do cidadán”, diluíndose o interese particular no público, está moi visible na cultura política española e, sobre todo, na esquerda ideolóxica? Por que o di? Pode poñer algúns exemplos?

É unha consecuencia do republicanismo de Rousseau: é o filósofo de cabeceira de Fidel Castro e foino de Simón Bolívar: todo se reduce a ceder espazo a favor do Estado. A solución a todos os males é máis estado. Invito a consultar o discurso de Garzón no último estado da nación en Youtube.

"Se tributas ben, está todo ben. Iso non só non é certo, senón que é perigoso"

“Para o Pensamento Zombi gañar diñeiro equivale a conducir por autoestrada pola esquerda”, e recadar é, por parte da Axencia Tributaria, o mesmo que multar. Por que di isto? Por que o tratamento do caso Undargarín é, -segundo di vostede-, unha modalidade de fascismo de baixa intensidade?

Porque a Axencia Tributaria reduce todo a un canon de fiscalidade. Se tributas ben, está todo ben. Iso non só non é certo senón que é perigoso: É respectable un proxeneta que pague IRPF polas extorsións ás súas prostitutas? É de orde penal ou administrativa a discusión sobre se Urdangarín ten que facturar polo IRPF ou polo IS(Aizoon SL) os seus servizos a Instituto Noos? Se os graves delitos que se lle imputan son porque facturou 'aire' ás administracións públicas por falsos servizos... Como pode afirmar a AEAT que Aizóon SL non tiña medios materiais nin persoais para prestar eses servizos inexistentes? É de orde penal ou administrativa a discusión de se Monedero pode ou non pode facturar a través de Caixa de Resistencia Motiva2 Producciones SLU?

Antón Beiras CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.