Antón Coucheiro: “A persoa é tamén un disfrace que o pallaso leva dentro”

Imaxe de 'Outono' Dominio Público Foto: Lara Bacelo

Pistacatro celebra os seus dez anos de andaina con Outono’, un espectáculo que celebra, precisamente, o feito de facerse maior. Ou o fracaso como impulso para seguir turrando. Así como a comunidade, a amizade que xorden e se reforzan co traballo compartido. E non sen conflitos e desencontros. Porque non todo é como cando os pallasos se mostran e nos fan rir. Falamos deste espectáculo co seu director, Antón Coucheiro.

Outono é como un repaso pola traxectoria de Pistacatro. Para celebrar… facerse maior. Por que?

É unha dramaturxia ficcionada que se move arredor diso, si, e do oficio do pallaso, do que supón estar diante do público e do que pasa cando non estás diante do público. Porque van xa, si, 10 anos de Pistacatro. A idea era volver reunir a toda a xente que participou no proxecto -no que eu mesmo xa non estou-, aínda que non estean todos en escena.

Diante do público están Pablo Reboleiro, Manu Lago e Natalia Outeiro "Pajarito", que están desde o principio, e Aitor Garuz, que non estaba cando fundamos Pistacatro, pero que está agora. A música é de Xabier Mera, que tamén é dos fundadores, entre os que estaban tamén Borja Fernández e Alfonso Medina, que tampouco están neste proxecto porque tiñan outros compromisos e non lles cadraba ben.

É unha carpa caída onde se suceden as estacións. E outono porque están en crise…

A min chamáronme xa cunha idea, un título, o tema das catro estacións: o paso do tempo, as etapas da vida, o outono… Mais hai moita verdade en todo iso. A min apetecíame falar do oficio de facer rir, do que pasa cando estás canso ou triste… Ademais, mirando cara atrás, temos que falar das relacións entre nós, da amizade, do traballo…

É un pouco presentar o que lles pasa ás persoas que están na escena cando non están cara ao público. E, claro, ser clown non implica só facer rir. Son todas as emocións que supón. Eu penso, ademais, que á xente, se lle fas rir, tamén consegues que estea máis aberta, máis sensible a outro tipo de emocións. No meu espectáculo Psicópata xogaba co medo e o riso, dúas emocións extremas. Nesta, a idea é que o público ría e chore…

"Eu penso, ademais, que á xente, se lle fas rir, tamén consegues que estea máis aberta, máis sensible a outro tipo de emocións"

 

Un dos temas dos que se fala son as condicións laborais. Con esa brincadeira sobre cando pensaban que podían vivir diso… Ou a parte na que se representa a burocracia das axudas… Pistacatro naceu, en boa medida, para poder facer un traballo profesional cunhas condicións dignas.

Si, foi como naceu. Coñecémonos facendo circo na rúa e nas festas do circo da sala Nasa. Nestas festas había un grupo de persoas moi amplo, que podiamos chegar ata 40 ou 50 entre artistas e o resto dos oficios do circo. O xermolo de Pistacatro estivo en sete desas persoas. Máis tarde chegou o tema de ter unha nave para traballar, que xa implicou a máis persoas. Outono é un pouco a historia de todo iso: como nos coñecemos, nos xuntamos, nos separamos, pelexámonos, volvémonos xuntar… Son cousas que vivimos de primeira man. Tamén como pedir unha subvención para facer un espectáculo novo e poder traballar dun xeito máis profesional…

O espectáculo é circo, -malabares, por exemplo-, teatro, música en directo… Pero está moi centrado na figura do clown. Por que?

Foi a idea que eles tiñan cando me chamaron para este proxecto. A idea inicial xurdiu de Pablo, e el xa tiña o nome, o tema principal… Despois eu fun libre para facer a dramaturxia. A idea do outono é tamén porque Pablo tiña unha lesión… Ben, en realidade todos temos lesións, a todos nos doe algo, que xa non somos tan novos… O clown é o fío condutor para falar dos oficios do circo. Un pallaso de corte clásico, que nos fai rir, pero que nos mostra tamén o que hai detrás. Porque o pallaso non é só unha persoa que pon un disfrace de pallaso. Porque dentro da persoa, da súa máscara, tamén hai un pallaso, un neno que xoga. A persoa é tamén un disfrace que o pallaso leva dentro. Esa é a idea.

"Porque dentro da persoa, da súa máscara, tamén hai un pallaso, un neno que xoga"

 

Que acepta e reivindica o fracaso. Di Pajarito que ela é tan idiota ou máis que os demais.

O fracaso é o noso aliado, o que nos impulsa a seguir. O que conta Pajarito na canción recolle un pouco a súa experiencia. Hai aí unha cuestión de xénero: ela era a única muller entre homes, e non era fácil. A forma de reivindicar a cuestión de xénero aquí é, precisamente, que a traten de idiota, porque iso significa, neste caso, que a traten igual que aos demais. Porque ela non tiña que ser máis lista por ser muller. Era, xa o di ela, tan idiota ou máis idiota ca eles. A letra é de José Díaz, de Voadora, co que xa traballamos máis veces.

"O fracaso é o noso aliado, o que nos impulsa a seguir"

 

Algunha conexión ten este espectáculo con Impreuna. Fala das relacións entre os artistas, da comunidade, das emocións…

Impreuna dirixiuna Pablo pero, si, ten que ver coa comunidade, a axuda mutua. Impreuna era máis circo, e máis optimista se cadra. Esta é un pouco triste ás veces.

Había bastantes nenos no Teatro Principal. E estaban atentos. Digo polo que comentas das certa tristura.

Si, porque o tema de fondo é máis adulto, pero é un espectáculo de malabares, música, circo… Ten moitas cousas para divertirse, aínda que ese fondo máis dramático sexa máis visible se cadra para os adultos. Nunha función que fixemos en Negreira, comentáronnos que un neno quedara sorprendido de que os pallasos se enfadasen…

Volvendo ás orixes. Cando veu o da nave para a creación e os ensaios?

Foi simultáneo á creación de Pistacatro, en realidade. Ao mesmo tempo que creamos Pistacatro como empresa. Alfonso e Pablo viñan de Londres e traían moito material de circo. O CDG tamén cedeu algún material… Foi entón cando se montou a asociación e a escola. O concello de Santiago colaboraba tamén, aínda que daquela a nave estaba en Ames. Agora está nas Cancelas. A escola ten agora moitos máis alumnos, claro, e parte deles están con nós desde 2006… Foise formando, así, comunidade arredor do circo.

Cal é a relación entre Circonove e Pistacatro?

Circonove é a asociación, e a nave, e Pistacatro é unha empresa, unha produtora. Conviven no mesmo lugar. Circonove é un colectivo máis amplo. Ao principio estaba todo máis mesturado, pero agora teñen un funcionamento máis independente. Retroaliméntanse.

Dominio Público Foto: Afonso G. Sestelo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.