Anxo Lorenzo cre “esaxerado” falar de "crise" no CDG, como afirmou Guede

Anxo Lorenzo © Xunta

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, rexeita falar de "crise" no Centro Dramático Galego simplemente “porque é algo esaxerado”. Para Lorenzo “o único que ocorre é que houbo un cambio na dirección, había unha directora e agora hai outro”. O responsable da acción cultural do Executivo galego, en declaracións a Praza Pública, entende que “o Centro Dramático Galego é o lugar emblemático do teatro público galego” e non comparte que unha modificación na dirección poida dar lugar a utilización de termos que pouco teñen que ver coa realidade.

Este xoves o novo director do CDG, Manuel Guede, afirmou que foi escollido “dixitalmente”con toda a “lexitimidade”, pero sen ningún tipo de conscurso público. Así mesmo, sinalou a súa vontade para “salvar a situación” dun CDG rodeado de polémica pola destitución de Blanca Cendán e que está en “crise”. 

O número dous da consellería de Cultura non quixo tampouco entrar a valorar as declaracións de Guede

O número dous da consellería de Cultura non quixo tampouco entrar a valorar as declaracións de Guede. Segundo Lorenzo, será o conselleiro, Jesús Vázquez, quen responda a un pregunta parlamentaria do BNG “máis pronto que tarde" sobre "o sistema elixido para designar ao responsable do CDG”. En todo caso, Lorenzo non dubidou en salientar a cualificación de Manuel Guede “como referencia e historia viva do teatro, cunhas referencias e capacidades probadas”.

 

Actos de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O secretario xeral de Cultura, que visitou este venres a Casa da Xuventude de Ourense, o que noutrora fora unha referencia cultural en Galicia, presentou unha nova publicación promovida pola Xunta dentro das conmemoracións polo ano dedicado ao poeta Celso Emilio Ferreiro. A revista titulada Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro, ten unha tirada de 5.000 exemplares e distribuirase nas 28 localidades que teñen unha rúa co nome do escritor celanovés.

A revista titulada Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro, ten unha tirada de 5.000 exemplares e distribuirase nas 28 localidades que teñen unha rúa co nome do escritor celanovés

Segundo explicou Lorenzo “a publicación é divulgativa e esta confeccionada ao xeito das fotonovelas con abundante fotografía para conseguir a maior difusión posible porque estamos ante un poeta do pobo”.  A revista conta con referencias biográficas, unha compilación dos seus poemas musicados,  propostas de actividades de pasatempo e encrucillados... Lorenzo manifestou que “é un instrumento axeitado para os que están fora dos circuítos culturais”.

A proliferación de actos para reivindicar a memoria de Celso Emilio é para os responsables da consellería a consecuencia dun mandato parlamentario e tamén a mostra do interese da Xunta por dar valor ás figuras máis sobranceiras das Letras galegas. Segundo explicou “neste momento está en itinerancia polas bibliotecas de Galicia unha exposición interactiva sobre o autor que tamén percorrerá os colexios”.

Anxo Lorenzo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.