The Homens eran tres ou catro. Grampoder son dous: os Martiño e Roi que reducen o formato, baixan o volume e entrégannos unha ducia de cancións pop en Golf Whiskey, que presentarán o 7 de maio en Compostela, e das que xa se poden escoitar seis no seu Bandcamp. Golf Whiskey está feito na casa, entre amigos, gravado en Compostela e editado e distribuido por Discos da Máquina, e iso nótase nunhas cancións que chegan directas, sinxelas, como unha conversa, e que non esquecen o presente: "Porcos na tele e por internet, porcos na Caixa e porcos no Banco de Santander" ou "Escapamos en manada mentres eles beben champagne, coma bestas asustadas mentres eles beben champagne… e suspiramos por que lles sente mal". Do hardcore de Fame Neghra ao power pop de The Homens, e agora o "pop campestre, folk psicodélico, hardcore comeflores" de Grampoder. Falamos con Martin Wu deste proxecto, da actualidade da música en Galicia, e tamén dos plans de The Homens para facer un concerto este verán.
"Queremos facer algo fácil de transportar e que poida tocar tanto en locais convencionais coma no salón da xente ou notros lugares onde nos deixen. É máis práctico, máis barato, case de guerrilla, e tamén moi divertido"
Grampoder é a achega de The Homens ao decrecemento?
Non e si. Non porque Grampoder nace ata certo punto da necesidade; despois de moitos anos, moitos quilómetros e moitos concertos The Homens tivemos que facer unha parada técnica porque Xocas, o noso batería, marchou vivir fóra, así que Roi e máis eu buscamos outras fórmulas para seguir facendo cancións. E si porque o formato pequeno realmente nos gusta, e queremos facer algo fácil de transportar e que poida tocar tanto en locais convencionais coma no salón da xente ou notros lugares onde nos deixen. É máis práctico, máis barato, case de guerrilla, e tamén moi divertido.
Por que Discos da Máquina?
Integrámonos en Discos da Máquina porque nos parece un proxecto moi interesante, simplemente porque é unha maneira de que os grupos nos botemos unha man uns a outros na loxística, a distribución, etcétera, todas esas cousas que levan moito tempo e que se fan moi costa arriba se un as aborda só. Ademais, temos a sorte de compartir escudería con de momento tres grupos estupendos que ademais están cheos de amigos, así que as xuntanzas son sempre unha festa, hehehe.
Segue aparecendo o tipo da SGAE polos vosos concertos?
A verdade é que hai moito tempo que non a vemos (era normalmente unha tipa). Supoño que a fama nos precede...
Que lle pasa a un ladrón que rouba a un ladrón? É un desexo ou hai esperanza de que nalgún momento se faga xustiza?
É unha constatación. A canción na que falamos diso chámase Capitalismo (mise en abyme), e creo que é a mellor definición que modestamente podemos facer do negocio, polo menos nas alturas do sistema. Esperanza me parece que hai pouca, en xeral, porque ao ladrón que rouba a un ladrón o peor que lle pode pasar é que o faigan senador...
Que podemos aprender de Robert Millar?
Millar era un ciclista estupendo e un tipo raro, raro. Entre os primeiros recordos ciclistas que teño está a Volta a España que lle gañou Perico cunha encerrona en toda regra. O máis chulo do tipo é que cando se retirou non deixou só o ciclismo, deixou o mundo. Hai unha biografía del, In search of Robert Millar', un libro fantástico de Richard Moore, na que o autor fai todo o posible por atopalo, e conségueo só a través do mail, e durante moi pouco tempo, porque cando Millar se cansa das súas preguntas deixa de responder e non se sabe máis del. E un bartleby ciclista e todos soñamos algunha vez con facer o mesmo que el: evaporarnos.
"Aquí o que hai é militancia suicida. Pasa coa música, pasa cos libros, pasa coas caixas de aforros, pasa coa industria... Os galegos somos anoréxicos de espíritu, ou algo así"
Sentides envexa ao mirar para Catalunya e ver a forte escena de bandas en catalán?
Moitísima. O outro día contábame Roi duns amigos cataláns aos que non lles interesa especialmente a música, pero teñen discos de Els Pets, Manel, Antonia Font e todo iso. Os grupos alí polo menos son visibles e poden ir tirando, mentres que aquí o que hai é militancia suicida. Pero bueno, pasa coa música, pasa cos libros, pasa coas caixas de aforros, pasa coa industria... Os galegos somos anoréxicos de espíritu, ou algo así.
Se Galicia fose un pais normalizado Projecto Mourente gañaría Eurovisión para nós?
Seguro que a el lle gustaría! Eu véxoo máis gañando os Brits, Mourente é demasiado bo para Eurovisión.
A música galega debe mirar máis para o sur do Miño?
E tamén para o oeste do Atlántico, que é onde pasan cousas hoxendía. Pero non é fácil, temos unha infraestrutura anémica (se é que hai algunha), e saír fóra cada vez é máis difícil. Nós case sempre saímos fóra a pufo, coma unhas vacacións, pero é o que hai.
Ao pop galego fáltanlle máis lentes de sol e camisas de cadros?
Non creo, hai de todo e ben bo. Ao pop galego fáltanlle selos, radios, televisións e sobre todo público, que está a outras cousas, noutros Panoramas e buscando outros Olympus.
"The Homens temos unha reunión á vista este verán: unha data, un só concerto, para quitarnos os picores"
Que pasa con The Homens ou Mato Grosso?
Os dous grupos están en standby, cos seus compoñentes facendo outras cousas. No caso dos Homens temos unha reunión á vista este verán: unha data, un só concerto, para quitarnos os picores.
"Podedes vernos no salón da casa ou na sala de redacción do Praza; estamos desexando montar cousas pequenas para xente estupenda, só é cuestión de que nos chamen e, coma ao Equipo A, seguro que poden contratarnos"
Que bandas galegas vos gustan?
As de Discos da Máquina, desde logo: Das Kapital, Ataque Escampe, a Magnifique Band... E logo Projecto Mourente, por suposto, e Samesugas e Curtinaitis, que son irmáns. E os Niño y Pistola, que acaban de sacar un disco que despeina; e The Brosas, que despeinan en disco e en directo. E moitos outros, os Telephones Rouges, Caxade, Bang 74, Ultraqäns, por suposto Os da Ría, Aries (que a temos adoptada como galega)...
Por onde poderemos ver a Grampoder?
Estamos pechando datas. Presentaremos o disco o martes 7 de maio nas Crechas, en Santiago DC, e logo tentaremos ir onde nos deixen: Lugo, Ourense, Vigo, Cervo... E podedes vernos, como xa dixen, no salón da casa ou na sala de redacción do Praza; estamos desexando montar cousas pequenas para xente estupenda, só é cuestión de que nos chamen e, coma ao Equipo A, seguro que poden contratarnos.