A literarura infantil e xuvenil tamén ten que ser innovar, meterse nos contos e facer que cobren vida, crear animación na nosa lingua, explorar. OQO Editora tívoo claro alá polo ano 2008, cando decidiu especializarse en Stop Motion. Un proxecto que ten selo propio dentro da propia editora que é pioneira neste eido e que se chama OQO Filmes. Entrevistamos o seu responsable Marcos López.
Cal foi era o voso obxectivo e por que optastes polo Stop Motion?
En OQO filmes optamos pola técnica do Stop Motion porque cremos que é a máis axeitada para trasladar a diversidade estética dos álbums ao mundo da animación e para educar a ollada dos pequenos espectadores. Os escenarios e personaxes existen fisicamente e son fotografados frame a frame en diversas posicións para dar a sensación de movemento. Os personaxes constrúense en base a unha estrutura de arame de aluminio. Despois son revestidos de esponxa, formando o volume dos corpos. Posteriormente cóbrense cunha capa de tea, cosida como nos bonecos de trapo, o que lles dá un característico acabado final moi artesanal. Esta opción permítenos obter unha imaxe máis cálida, moi próxima ao mundo dos cativos, porque se asemellan aos peluxes que habitan nos seus cuartos.
Que materiais empregades cando facedes Stop Motion? Reutilízase?
Intentamos quitarlles o máximo partido posible ás texturas como elemento plástico, algo que tamén está presente nos decorados. Reutilizamos e reciclamos. Empregamos materiais naturais como a madeira para os mobles e as estruturas das casas, pedras, pólas que dan efecto de árbores, terra, area para o chan, etc. Os ollos e algunhas das bocas dos personaxes son modelados á parte nunha pasta especial que se chama fimo, de xeito que poden ser intercambiables e se acoplan nos bonecos. Así créanse as diferentes expresións e os movementos de boca dos personaxes. Un dos obxectivos estéticos que perseguimos é acadar un resultado natural, de maneira que se prescinde, na medida do posible, de efectos especiais. Neste sentido cremos que a técnica do Stop Motion permite chegar a ese acabado, acadando así que se poidan animar fluídos ou gases sen recorrer a efectos de posprodución. Traballar con materiais reais permítenos chegar aos nenos dun xeito máis directo, facéndolles sentir máis próximo o proceso creativo: parece tan sinxelo que ata un neno podería facelo.
"Traballar con materiais reais permítenos chegar aos nenos dun xeito máis directo; parece tan sinxelo que ata un neno podería facelo"
Como entendedes OQO Filmes?
Entendemos OQO Filmes como un espazo de creación de animadores de todo o mundo. Así, directores e directoras de referencia mundial na técnica do Stop Motion acoden a Pontevedra para a realización de diferentes proxectos. Zé Carlos Pinto, o director de Cocorico, os mexicanos Luis Téllez, Juan José Medina ou Karla Castañeda, o arxentino Ismael Mon, o chinés Zhan Jian, o catalán Claudi Sorribas, o valenciano Pascual Pérez Porcar ou o galego Borja Guerrero forman parte do elenco de directores e directoras das producións de OQO. Na actualidade contamos con tres series producidas Os contos no camiño, Caracois e Cocorico, todas recoñecidas con premios internacionais e emitidas en diversos países da nosa contorna, América e Asia.
En que proxectos estades a traballar na actualidade?
Nestes momentos estamos a traballar na segunda temporada de Cocorico, que naceu como un álbum ilustrado que está pendente de reeditar. É un dos éxitos da nosa editora tanto en papel coma en formato audovisual. A segunda temporada conta cunha axuda da Agadic e a participación da Televisión de Galicia, que tamén participou na primeira que acadou un grande éxito no Xabarín Club. Todas as series de OQO filmes, incluída Cocorico, son distribuídas internacionalmente por Edebé audiovisual.
"Apostamos pola nosa lingua como vehículo de transmisión necesario, sobre todo para os pequenos"
Que linguas empregades na rodaxe? Que actividades desenvolvedes relacionadas co ensino?
A lingua orixinal de gravación sempre é o galego e a partir de aí cada canle de televisión internacional fai a dobraxe ao idioma do país. Nós apostamos pola nosa lingua como vehículo de transmisión necesario, sobre todo para os pequenos. Ademais da produción audiovisual OQO filmes desenvolve actividades de alfabetización audiovisual. O programa Nós tamén creamos! é un programa de dinamización lingüística en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Innovación educativa e a Compañía de Radiio Televisión de Galicia que lles propón aos máis pequenos pasar de ser espectadores a creadores de contido audiovisual realizando curtametraxes de animación en galego a partir dun álbum de OQO. O programa está inserido no Plan Proxecta e nel participan unhas sesenta escolas por curso escolar. Nas tres edicións do programa escolares de toda Galicia elaboraron máis de 200 curtametraxes en galego que se poden ver na web infantil da TVG.