“Todo o mundo está a buscar algo. Que fas aí parado?”
7 notas 7 colores con Amparanoia, “Hacer dinero”
“Eu penso que pode saír ben”, “Eu, se saíse, mercaba un”, “Eu podía colaborar con...”, seguido por un “E a pasta?” é das frases que máis pode escoitar un profesional da xestión cultural. Logo “Todo é silencio”, como o libro de Manolo Rivas: unha mirada melancólica, o asentimento recoñecendo o acertado dunha idea... O valumbo creativo de ideas posibles é un dos grandes valores engadidos do noso mundo cultural. Ideas que chocan coa falta de recursos, materiais e financiamento para seren traídas á realidade.
O valumbo creativo de ideas posibles é un dos grandes valores engadidos do noso mundo cultural. Ideas que chocan coa falta de recursos, materiais e financiamento para seren traídas á realidade
O noso país, cuns indicadores de consumo cultural baixos e afogado pola redución de rendas do agora, ten cada vez menos diñeiro para desfrutar da cultura. E tamén para facela. Lonxe quedan os anos da "Cultura logo da Transición”, ese momento no que, logo da grisalla fascista do “Viva la muerte!”, o inicio dun Estado social e o acceso da sociedade á cultura abriu fiestras as fiestras do sector e púxolle vento nas velas, é dicir, financiamento. O desenvolvemento económico faría o resto e a xente quixo mercar cultura material, obxectos, experiencias: a cerámica de Sargadelos, a banda deseñada de Reimundo Patiño, os discos de Siniestro Total, Os Resentidos ou Herdeiros que logo coreaban nos concertos, a roupa de liño, as camisolas de Aduaneiros, a subscrición a Espiral Maior para invitar a Lupe Gómez “á casa”.
O profesional da cultura apoiábase, dependendo do proxecto e a oportunidade, nunhas administracións novas que competían pola visibilidade do seu bo goberno, no cal os proxectos culturais actuaban como lazo vermello
O profesional da cultura apoiábase, dependendo do proxecto e a oportunidade, nunhas administracións novas que competían pola visibilidade do seu bo goberno, no cal os proxectos culturais actuaban como lazo vermello. O desenvolvemento institucional avanzou, do Xacobeo 93 a poñernos na cabeza do audiovisual estatal e á creación do AGADIC. Fundacións de mecenado de familias ou grupos empresariais con ligazóns ao territorio (ou interese en basearse nel) seguiron o mesmo proceso de branding.
Tamén as caixas de aforro e os bancos, cunha obra cultural que apoiaba determinadas artes porque consideraban que era proveitoso asocialas á imaxe de marca de quen che garda dos cartos, segundo simpatías, filias e fobias. O tecido de asociacións, multiplicado, tanto as que desenvolveran a política cultural na España negra en ausencia das institucións como outras novas orientadas aos novos usos culturais. Tamén algúns cartos no peto da xente, de tanto en canto, para gastar na parte máis alta da pirámide das necesidades vitais.
Dependendo do proxecto un profesional podía identificar dúas ou tres fontes de financiamento que acabarían concretándose, no mellor dos casos, nun único padriño que dera pulo á totalidade ou parte, logo de fiar a outra á bendición da xente que asistise ou comprara. “Un libro ten que estar pagado antes de vender o primeiro exemplar”, escoiteille dicir un día a un editor como boa práctica de financiamento.
O 2007 quitou o tapón desa bañeira, xa sen vibromasaxe, e só nos quedou navegar en mar aberto, ou non, coma a BSO da serie. A crise dos bancos deu na do orzamento das administracións que acudiron ao seu rescate e nada quedou para a Cultura. O axuste fiscal, innecesario, so viu empeorar as cousas, minorando o consumo e con el a recadación. Mais custes, menos ingresos. A alternativa e os retos: unha lei estatal de mecenado, xa anunciado polo novo ministro que nunca acaba de chegar, a sanadora redución do IVE e novos programas de apoio ao audiovisual, artes escénicas e lectura.
Obra de Banksy en Boston | Chris Devers | CC BY-NC-ND
Alguén que faga xestión cultural sabe que o financiamento da súa actividade é o máis dificultoso. Cales serán as canles ás que se pode acudir? Que metodoloxías e tecnoloxías poderemos usar? Saber identificalas e elixilas correctamente é o momento determinante de xestación dun proxecto cultural, o seu horizonte de posibilidade e o factor que determina tamaño, duración, alcance e beneficio.
O orzamento, ferramenta base de traballo, deixa de ser un elemento ríxido. Na previa pártese dun orzamento de mínimos, o esqueleto preciso para poder lanzar o proxecto; e tamén un orzamento óptimo
O orzamento, ferramenta base de traballo, deixa de ser un elemento ríxido. Na previa pártese dun orzamento de mínimos, o esqueleto preciso para poder lanzar o proxecto; e tamén un orzamento óptimo, en función dos estándares de calidade que o profesional ou as propias canles de financiamento lle requiran. É convinte que a maior parte dos ingresos estean garantidos, asinados, para reducir riscos e desviacións que xurdirán, seguro, durante o seu desenvolvemento: un orzamento ben deseñado e coherente serviranos sempre de ferramenta de control.
O orzamento nútrese de cartos, parte do financiamento que tradicionalmente provén de catro fontes:
1. O financiamento privado:
- Recursos propios: Se hai ferro na casa e confianza terá que ser o orzamento base.
- Bancos, pois o seu tradicional medo polo descoñecido está a cambiar. O sector da cultura non só ten acreditado unha das menores morosidades medias da economía senón que tamén lles permite ampliar a súa cota de mercado: prados a gañar á bouza. E por riba, Unión Europea e Estado garántelles parte do que che deixen.
- Patrocinios, por publicidade ou como mecenado corporativo: empresas que apoian proxectos para desenvolver a súa responsabilidade sociocultural. A tradicional visibilidade que aporta charme a empresas de tamaño grande e medio, que esponsorizan a outras actividades de maior interese social ca propia. Falamos de Coren e Red Bull, do Grupo Cuevas e Monbús, de SON- Estrella Galicia e Jagermeister, pasando por Dinahosting ou a antiga Bluesens.
- Ingresos directos. A xente valora a Cultura: cómpraa se pode, en persoa i en liña. Os proxectos, bens e servizos culturais ( e o seu merchandising) están feitos para ser exitosos. Os ingresos prevense nas contas, mais os cálculos poden fallar e son os derradeiros fondos en chegar responsables das temidas desviacións nos orzamentos. Coidado coas contas da leiteira. Pódense amortecer pactando coas administracións cobertura de perdas nesta fonte tan variable: cobertura de custes por baixo de determinados ingresos desta natureza.
2. O financiamento público: directo, pola tradicional empatía, ou por concurso. Son axudas, subvencións, apoios, bolsas dos catro niveis administrativos que deben apoiar proxectos culturais. É o financiamento maioritario, o 80% do sector. Habitualmente a metade dese financiamento vén da administración local e, na metade restante, tres cuartas partes autonómica e unha, dividida entre estatal e europea. A Lei Montoro complica a súa xestión coa non reposición do persoal que o administra, polo que xunto a un moito menor orzamento logo da crise, a desaparición do seu persoal adía e impide executalo directamente ou distribuílo entre o seu tecido cultural de referencia.
A Lei Montoro complica a súa xestión coa non reposición do persoal que o administra, polo que xunto a un moito menor orzamento logo da crise, a desaparición do seu persoal adía e impide executalo directamente ou distribuílo entre o tecido cultural
Ademais, grande parte do mesmo é dedicado ao mantemento de infraestruturas culturais construídas antes da crise e ao patrimonio espiritual privado, dunha grande concentración polo Camiño de Santiago.
Xunto á tradición a modernidade, outras fontes que veñen das anteriores, con metodoloxías potenciadas pola revolución dixital: O financiamento colaborativo.
- Colecta: Apoios financeiros puntuais a proxectos. Pedra angular metodolóxica das Comisións de Festas, o maior subsector das Industrias Culturais e Creativas patrias, agora convertido en botóns de Paypal en webs como a de Praza Pública: Apoia este proxecto!
- Subscricións: Apoios financeiros temporais, reiterados ou regulares. Dende a Revista Nós, pasando pola Nova Estampa Galega, á Nova Enciclopedia Galega ate a editorial Espiral Maior e as actuais Luzes, Hugin e Munin e Chan da Pólvora.
- Prevenda: Apoio previo na forma de pagamento por adiantado, como as entradas de concertos musicais de sempre ou, agora, proxectos de edición de libros.
- Micromecenado (Crowdfunding): Venta anticipada condicionada a obter un orzamento predefinido, normalmente usando plataformas en liña especializadas. Dota dun plus de transparencia financeira á actividade cultural, posto que reflicte os ingresos diversificados e mesmo custes, polo que calquera pode verificar partes e totais. Ao mesmo tempo serve de base de lexitimación, da necesidade da acción, pois só é posible cun fanbase previo: cantos máis “nativos” e “migrantes” dixitais teñas na túa rede, maior financiamento poderás acadar.
O crowdfunding cobra vitalidade e evoluciona, achegándose ao financiamento público no matchfunding: administracións que cofinancian actividades de xeito proporcional ao que recaden os crowdfundings
O crowdfunding cobra vitalidade e evoluciona, achegándose ao financiamento público no matchfunding: administracións que cofinancian actividades de xeito proporcional ao que recaden os crowdfundings. Estas experiencias xa están presentes en territorios como Euskadi, Catalunya ou Madrid.
Esta modalidade do financiamento colaborativo permite predicir (parcialmente) o impacto das iniciativas, o que permite axustar orzamentos ao tempo que contribúe á súa publicidade. Esta, que foi tradicionalmente presencial (face to face ou a porta fría) está a experimentar unha fonda evolución con plataformas TIC que facilitan os proceso de financiamento ou mesmo de creación, facendo circular información aberta e contactos (crowdsourcing e open funding).
Oliver Tacke | Dominio público
Acostumados a buscar financiamento para proxectos pequenos e de emprendemento -un street workout sempre necesario- non podemos obviar que as administracións compiten tamén por fondos para acción cultural a nivel estatal e europeo. Do éxito na captura destes dependen ducias de proxectos a nivel local e galego que serán logo contratados ao sector.
Os programas europeos non poden ser xa desbotados por considerárense demasiado “papeleo” ou empregar procedementos e idiomas diferentes
Se o orzamento público destinado a cultura está xeado, o reto das administracións é manter unha postura activa na captura de financiamento, acudindo a todas as posibles convocatorias de financiamento. Os programas europeos, por exemplo, non poden ser xa desbotados por considerárense demasiado “papeleo” ou empregar procedementos e idiomas diferentes. Non sempre foi así. Atopamos excepcións na etapa de Miguel Martín como xerente da AGADIC ou no Concello de Santiago de Compostela (Capitalidade Europea da Cultura, Creative Europe Wom@rts). Universidades, centros de investigación e o sector privado e asociativo comparten tamén este reto, con de novo honrosas pero puntuais excepcións en forma de proxectos desenvolvidos pola USC co campUSCulturae e a UVigo, socia hoxe do Horizon 2020 Cross Culture, ademais das propostas do Grupo de Estudos Territoriais da UDC encol do Turismo Cultural ou a mención de boas prácticas na execución dun Culture 2007 de OQO Editora.
Dada a atomización do orzamento real dispoñible, o profesional hoxe debe pensar o financiamento dun proxecto dun xeito orquestral: unha estrutura que integre diferentes fontes, públicas e privadas, pagamentos e plans de continxencia ante a posible minoración dalgunha delas.
Tórnase urxente que estes profesionais adquiran unha serie de competencias
Así, tórnase urxente que estes profesionais adquiran unha serie de competencias:
- Coñecementos sobre a dimensión económica do sector e tratamento de información e estatísticas para validar a pertinencia e viabilidade dos proxectos.
- Métodos de integración de capital privado en proxectos, identificando a rendibilidade, xunto aos mecanismos de mecenado existentes hoxe. A rexeneración financeira cobra protagonismo, con novas fórmulas de desgravación e exención fiscal que achegan algo de aire mentres non chegue a futura Lei de Mecenado.
- Un coñecemento administrativo (lexislación, contratación, procedementos, facturación, tributación...) para traballar con orzamento público dos diferentes niveis administrativos, dende as convocatorias locais para a programación cultural, ate Europa Creativa, Erasmus+ ou URBACT. Tamén a posibilidade de acollerse ao investimento cultural complementario das obras públicas (1,5% cultural) e as alianzas con empresas doutros sectores para contratos por lotes que permite a nova Lei de Contratos.
- Coñecemento das novas formas de financiamento como a achega en especie, a participación mixta, os créditos brandos ou o risco compartido ou minorado, ademais da xestión de financiamento consorciado entre diferentes entidades dos programas internacionais.
Competitividade no mellor sentido da palabra, capacidade para a multitarefa, algúns azos da comunidade e moita teima. Nunca choveu que non escampase
Aquilo tan manido de que o coñecemento é o capital da nosa era semella bastante acaído e é algo ao que ningún profesional pode renunciar: hai que asexar a oportunidade coma un lobo no penedo e explorar todas as rutas posibles que nos acheguen un pouco máis á posibilidade da acción. Competitividade no mellor sentido da palabra, capacidade para a multitarefa, algúns azos da comunidade e moita teima. Nunca choveu que non escampase.
a200/a77Wells | CC BY