Aquel home de sombreiro e bigote

Roi Vidal e Xoán Carlos Mejuto CC-BY-SA Praza Pública

Dez anos despois do seu pasamento, que se cumpriron o pasado 11 de setembro, Roberto Vidal Bolaño recibirá unha merecida homenaxe que moitas persoas do teatro, e non só, e do mundo da cultura, e non só, levaban moito tempo desexando facer. E será o primeiro dos actos do ano das Letras Galegas que lembrará o dramaturgo no 2013, aínda que esta homenaxe está completamente desvinculada desas celebracións, como sinalaron os seus organizadores, pois comezou a artellarse moito antes da decisión da RAG.

"Vai ser algo moi espectacular, moi teatral", salienta Roi Vidal, fillo do homenaxeado e tamén dramaturgo, que engade que o obxectivo é "homenaxear a persoa, a Roberto, a Berto", sen esquecer todo o seu labor practicamente iniciático no teatro galego, onde en solitario "tivo que facer case tanto traballo coma unha Consellaría, refirome aos inicios de Abrente, por exemplo". 

Na homenaxe tamén se destacará o seu compromiso social e político, como lembrou o propio Roi Vidal: "Tivo moito protagonismo en asembleas e foros no tardofranquismo e na transición e xa nos anos noventa colaborou de xeito moi activo na defensa dos presos políticos galegos. Tivo unha presenza moi activa en todos os actos aos que o convidaban e estivo moi comprometido con iniciativas que buscaban axitar conciencias ou a dinamización sociocultural". E tamén Xoán Carlos Mejuto: "Estaba comprometido coa súa cidade e co seu país e nunca eludiu unha batalla aínda que a vise perdida". Finalmente, aínda que estaba previsto, non se celebrará un pasarrúas previo.

"Nunca eludiu unha batalla aínda que a vise perdida"

Como anticipou Praza hai unhas semanasa homenaxe terá lugar ás oito da tarde do sábado 27 no Salón Teatro de Compostela. Será conducida por Carlos Blanco e nela participarán Chévere, Ataque Escampe, Mini e Mero, O Leo, Dolce Vita, A Magnifique Band dos Homes sem Medo e varios integrantes de Teatro do Aquí, que representarán varios fragmentos de Criaturas. Laura Ponte fará un monólogo do propio Vidal Bolaño. A entrada é libre con convite que se pode recoller na libraria Couceiro de Compostela, o pub Avante e a Casa das Crechas. Alí tamén se pode adquirir un bono-axuda de 5 euros para colaborar coa organización da homenaxe. Ao remate haberá unha cea na que tamén se pode inscribir calquera persoa.

Roi Vidal e Xoán Carlos Mejuto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.