Arantza Portabales: "Vivimos na era da comunicación e nunca tan sós estivemos, tan incomunicados"

Arantza Portabales Dominio Público Praza Pública - Cedida

Catro mulleres que deixan mensaxes nun contestador. É o fío condutor de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, (Galaxia), a última novela de Arantza Portabales. Un monllo de voces en primeira persoa que se intercalan para irnos esfiañando, cada unha, a súa propia historia, nunha estrutura próxima aos microrrelatos autónomos. Mulleres que se enfrontan a situacións límite das que van saíndo ao medrar, ao liberarse, cada unha ao seu xeito, das súas ataduras, facéndose máis fortes. 

Nada máis comezar a ler, coñecemos as catro protagonistas: Marina, Carmela, Sara e Viviana. As catro envían mensaxes a contestadores porque, por diversas razóns, precisan facelo. Como xorde a idea desas catro mulleres falando cun contestador?

Xorde dun relato que fago cun blog no que participo frecuentemente. É ao facer ese relato cando me decato do descubrimento que me supón, como creadora, atopar unha voz narrativa que permite aos personaxes falar sen medo, sabendo que quizais non os escoiten. O contestador dá ás miñas mulleres ese punto de liberdade necesario para dotar de verdade e sinceridade as súas historias.

A estrutura do libro, en pequenos capítulos nos que se intercalan as voces de cada unha das protagonistas, lembra un xénero que dominas ben: o microrrelato. A través destes capítulos curtos, imos descubrindo as historias das catro protagonistas e a relación entre elas. Cal pode ser a relación entre a estrutura desta novela e o microrrelato? É dicir, de que xeito o teu traballo co microrrelato puido levarte á escrita desta novela?

Construír unha novela a base destas chamadas que en si mesmas constitúen case microrrelatos autónomos, deume a confianza para abordar unha novela longa, sen saír dun terreo que me é coñecido, o da narrativa breve. Non son unha autora de grandes descricións, nin que se recree nos detalles.

"Supoño que esta novela é unha transición da microliteratura á novela longa, pero sen saír da miña zona de confort"

Supoño que esta novela é unha transición da microliteratura á novela longa, pero sen saír da miña zona de confort, dando o mellor de min mesma. Coido que un dos grandes atractivos da novela é a intensidade das historias, que se debe precisamente á brevidade e concisión dos seus capítulos. O lector non ten acougo. Todo é importante e esencial.

Na túa novela anterior, Sobrevivindo, a personaxe principal é tamén unha muller, que "loita contra si mesma e contra o mundo". Se cadra as catro protagonistas de Deixe a súa mensaxe tamén poderían definirse así, ou polo menos Viviana e Sara. Cal é a relación entre Deixe a súa mensaxe e Sobrevivindo?

Sobrevivindo é a historia dunha muller que ten que reinventarse para saír adiante. É unha muller adiantada ao seu tempo. Forte e brava. Poderíase dicir que me lembra un pouco á Scarlett O´Hara de Foise co vento. Nese senso, as catro mulleres de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, vense abocadas tamén a resolver o seu futuro de por si, son personaxes tremendamente valentes, porque como autora púxenos en situacións límite.

"As catro mulleres son personaxes tremendamente valentes, porque como autora púxenos en situacións límite"

Dende o punto de vista técnico, podería dicirse en que en ambas as dúas novelas, a historia se lle presenta ao lector coma un crebacabezas que debe encaixar para entender a novela. Así mesmo destacaría que tanto Val Valdés en Sobrevivindo como as mulleres do contestador están moi soas. A soidade e a incomunicación son temas moi recorrentes na miña escrita.

Carmela é, das catro personaxes, a maior en idade. A vida non lle deu, coma a moitas outras mulleres da súa xeración, moitas opcións de escolla. Mais é, das catro, a que ten as cousas, se cadra, máis claras. E o seu comportamento e decisións inflúen bastante no que lles pasa ás outras. É un pouco como o motor. Como é este personaxe? Que representa respecto das outras?

Carmela foi sen dúbida o personaxe máis complexo de crear. Custoume atopar a súa voz narrativa. É a muller que máis lonxe está de min, por idade, formación... Non tomei como referente a miña nai, polo que me custou moito construílo. E non foi ata que rematei á novela que a profesora da USC, Laura Lojo, me fixo a reflexión de que Carmela se erixía coma a gran figura materna, exercendo unha maternidade subrogada fronte as outras tres mulleres.

"Carmela foi sen dúbida o personaxe máis complexo de crear. Custoume atopar a súa voz narrativa"

Coido que se crean vínculos fermosos entre elas, especialmente entre Marina e Carmela. Gústame a mensaxe de que temos que escoitar aos nosos maiores. E tamén me gusta moito a relación simbiótica entre Carmela e as demais mulleres. Ela tamén aprende a ser unha muller distinta da man delas.

Carmela comezou a ser máis libre despois da morte do seu home. Marina perdeu o seu home e ten que aprender, dalgunha maneira, a vivir por ela mesma e sen sentirse culpable. A nai de Sara tamén vive arredor do seu home... De distintas maneiras, as mulleres de Deixe a súa mensaxe van evolucionando nese sentido. Tornándose máis libres. Podería ser o tema do libro, a procura da liberdade a través dun proceso de aprendizaxe sobre nós mesmas?

Cando comeza o libro todas elas están soas e confusas. Este libro pon en valor o poder da palabra e da comunicación. O contestador, o símbolo do poder das verbas fronte á soidade, ten moito de catarse. Vivimos na era da comunicación e nunca tan sós estivemos, tan incomunicados. Falamos entre nós moito menos do que falaban os nosos pais e avós. E as mulleres do meu libro están tan soas e teñen tanta necesidade de botar fóra o que levan dentro que acaban falando cunha máquina que se converte no seu nexo de unión coas persoas que aman.

"Este libro pon en valor o poder da palabra e da comunicación"

A través do personaxe de Viviana, a novela ofrece unha visión que poderiamos chamar desdramatizada da prostitución. Ten sorte de que a traten ben no lugar onde exerce. E ela mesma explica que alí son, dalgunha maneira, libres. Que onde non o son é fóra, onde as circunstancias as levaron ao Xanadú. Como construíches este personaxe e por que decidiches presentalo así? 

Non pretendín facer unha novela sobre a prostitución. Viviana é o resultado da violencia exercida impunemente sobre a muller. Pero non quixen amosar unha muller destruída por ese abuso. Viviana decide libremente ser prostituta. Hai quen di  que é unha visión  amable da prostitución. No libro fálase de prostitutas que morren de sobredose, de clientes violentos, de mulleres que deixan atrás a súa familia e o seu país para prostituírse. Non atopo que estea tratado o tema con amabilidade.

"Viviana é o resultado da violencia exercida impunemente sobre a muller. Pero non quixen amosar unha muller destruída por ese abuso"

Cousa distinta é que non me recreei en miserias, e é certo que a vida do prostíbulo non é o eixo central da historia de Viviana. Porque esta, repito non é unha novela sobre a prostitución. Mergullámonos na vida común dunha prostituta que tanto compra unha Thermomix como nos conta como se relaciona coa súa veciña do lado que ten oito anos. Viviana non é a Vivian de Pretty Woman. Ningún home virá rescatala.

"Viviana non é a Vivian de Pretty Woman. Ningún home virá a rescatala"

Tamén é interesante o personaxe de Sara, que é a que quizais vamos entendendo mellor, na súa condición de nena rica, ao avanzar a novela. Na súa relación co terapeuta -na que ela non acepta nunca un tipo de relación vertical- imos descubrindo que ten máis forza da que ela mesma pensaba. Se cadra é o personaxe que máis muda ao longo do libro. Por que? 

Sara é o personaxe que mellor representa o espírito da novela. O contestador sálvalle a vida. A Sara que comeza non é a Sara que remata tras esas trinta chamadas ao seu psicólogo. É, ademais, un personaxe complexo, co que os lectores non empatizan, precisamente polo seu esnobismo. Sara é o personaxe máis infeliz da novela, cando por definición é lóxica non debería ser así. E frívola, malcriada... pero ao mesmo tempo está terriblemente asustada. Gustoume acompañala neste viaxe de descubrimento de si mesma.

"Sara é o personaxe que mellor representa o espírito da novela. O contestador sálvalle a vida"

Hai, na novela, achegamentos, apoio e descubrimento mutuo entre mulleres -moitas veces, despois de seren feridas por homes-. Poderiamos, se cadra, falar de sororidade, como dixo algún crítico. Mais tamén temos todo o contrario, representado polo personaxe da nai de Viviana. En que medida fai este personaxe de contrapunto desa sororidade que xorde por exemplo entre Carmela e Marina?

Esta non é unha novela de mulleres boas e homes malos. Hai homes valentes e xenerosos. Hai homes desprezables que abusan de mulleres. Hai mulleres bravas. Hai mulleres mesquiñas. As miñas protagonistas teñen defectos. Moitos. Todo o mundo os ten. Pero é certo que o vínculo común entre elas é a necesidade de berrar a súa verdade, de afrontar unha situación límite, e fano a través de ese contestador, ao tempo que se apoian unhas nas outras, de aí esa sororidade da que falou a crítica.

"O vínculo entre elas é a necesidade de berrar a súa verdade, de afrontar unha situación límite"

A nai de Viviana para min representa o lado máis duro do abuso, o que estamos a ver agora tralo xuízo da manada, que é o silencio. Tralo abuso á muller, parece que o que toca é calar. Silencio. Isto non pasou. Non llo contes a ninguén. Que ese silencio viñese imposto pola nai da abusada, axuda a explicar a traxectoria vital de Viviana.

"Tralo abuso á muller, parece que o que toca é calar. Silencio. Isto non pasou. Non llo contes a ninguén"

Unha idea que está moi presente no libro é a mentira, o engano. Viviana é dúas mulleres, porque as circunstancias a levaron ata aí. Carmela ocúltalle a verdade ao seu fillo para protexelo. E as mentiras da súa propia familia arrincáranlle a ela a posibilidade de escoller. No caso de Marina, ela engana -non mente- pero, dalgunha maneira, tamén é enganada e traizoada ao non respeitar o seu home o pacto que tiñan. Que papel xoga a mentira no libro?

O contestador dálle as catro mulleres a posibilidade de contar a súa verdade. As mentiras que as rodean son o contrapunto a esas verdades. Persoalmente, coido que todo o mundo mente moito. E ademais coido que non é necesariamente malo, na xusta medida. Enténdase esta reflexión como o dereito que todos temos a reservarnos cousas para nós. E non sempre é necesario contar verdades que feren e non aportan nada. Xa o di o refrán, que só os nenos, os borrachos e os tolos din a verdade.

"Persoalmente, coido que todo o mundo mente moito. E ademais coido que non é necesariamente malo, na xusta medida"

A procura do amor -e a loita contra a soidade-, non deixan de estar sempre por debaixo. Por que? 

O amor é moi importante nas nosas vidas. Está aí. Fannos crer que non estamos completos ata que temos unha persoa que nos ame incondicionalmente. Despois chega a vida e encárgase de amosarche que ese tipo de amor non é doado de atopar. Pero seguimos teimudos a buscalo incansablemente. Esa busca está reflectida na novela, pero non quixen amosar o amor como solución aos problemas das mulleres. Estas mulleres saen da súa problemática vital pero non grazas aos homes que as aman.

"Non quixen amosar o amor como solución aos problemas das mulleres"

A información que temos sobre os personaxes vainos chegando dosificada, pouco a pouco, mantendo o interese e atención do lector. Hai algún xiro que nalgún momento pode parecer inverosímil, pero logo queda explicado, máis crible ou non. Como pensaches isto? Esa maneira de reter a atención do lector....

O tema da verosimilitude hai tempo que deixou de preocuparme coma autora. Poño aos meus personaxes a situacións límite, seino, pero é que na vida real, atopo situacións moito máis incribles ca estas. Ás veces ollo ao meu redor e penso “se conto isto nunha novela non mo cren”.

"O pacto co lector non se produce en función de que historia contas. Prodúcese por como están contadas as historias"

Porque o pacto co lector non se produce en función de que historia contas. Prodúcese por como están contadas as historias. Se o lector aprecia verdade no xeito de narrar, cre todo o que lle contas. Canta verosimilitude hai no feito de que Gregorio Samsa poida erguerse unha mañá convertido nunha cascuda? Chegaron a Marte os personaxes de Bradbury? Quen fala hoxe en día cun contestador? Se o lector te cre, o pacto é posible.

"Tamén rematei unha novela, e estou co proceso de corrección. É unha novela negra ao uso"

Algo máis que queiras salientar? E saber se se cadra estás a escribir algún libro máis, porque xa pasou tempo desde a publicación deste. 

Dende a publicación  da novela acometín a súa tradución, xa que acaba de publicarse en castelán da man da editorial Lumen. Tamén rematei unha novela, e estou co proceso de corrección. É unha novela negra ao uso. Necesitaba fuxir da intensidade emocional das mulleresdo contestador. De todos os xeitos teño que dicir que os personaxes quedáronme intensos e emocionalmente complexos. Vamos, como din as miñas amigas e lectoras cero: moi Portabales

Arantza Portabales Dominio Público Praza Pública - Cedida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.