Aretha Franklin revive na Coruña coa estrea dunha banda tributo

Freedom. The very best of Aretha Franklin © Freedom. The very best of Aretha Franklin

Arehta Franklin, Lady Soul, marchou o pasado verán para deixar tras dela un enorme legado en forma de voz, música e impacto. Considerada unha das cen cantantes máis grandes de todos os tempos e a máis grande estrela mundial do soul, a súa morte fixo medrar aínda máis os intentos de milleiros de admiradores por perpetuar o seu ronsel. 

Entre as moreas de grupos tributo que por todo o mundo lembran as súas cancións, un máis acaba de xurdir en Galicia, na Coruña, formado por once músicos e impulsado pola artista de jazz Sara Lorenzo. 

O grupo Freedom. The very best of Aretha Franklin fará a súa estrea este venres no Garufa Club da Coruña a partir das 22.30 horas

Freedom. The very best of Aretha Franklin fará a súa estrea este venres no Garufa Club da Coruña a partir das 22.30 horas. Debutará con Noelia Santos como principal voz, acompañada nos coros de Irene Añón, Ángeles Dorrío e Sara Lorenzo. Nos instrumentos, Octavio Vargas, Alejandro Artalejo, Iago Moruiño, Santi González, Pablo Añón, Nicolau Rodríguez e Samuel Pérez. Todos xuntos para recordar os mellores éxitos da artista de Memphis, a raíña do soul. 

O espectáculo, ademais de lembrar éxitos históricos e algún tema máis descoñecido para o público xeral, incluirá tamén coreografías inspiradas nas décadas dos 60 e 70, ao igual que a vestimenta dos protagonistas. 

Será o resultado de case un ano de preparación dun concerto e dunha formación que ten vocación de continuidade e que comeza a súa andaina este venres. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.