Arnoia: unha ponte entre o libro brasileiro e Europa

A sede de Arnoia Distribución, en Ponte Caldelas © Arnoia

Unha das maiores distribuidoras de libros da Península Ibérica é galega. Arnoia Distribución ten a súa sede en Ponte Caldelas e dende aí envía volumes a toda España (conta ademais con delegacións en Asturias, Valencia e Catalunya) e tamén a un número moi grande de clientes (máis de seis mil) en 23 países de Europa, América e mesmo a China. O seu bo facer durante décadas (Arnoia comezou a operar en 1987) fixo que editoriais de todo o mundo (unhas 1.300) se interesasen polas súas canles de distribución.

Os números de Arnoia, unha empresa que foi medrando de vagar até se converter nun pequeno xigante, falan por si soas: ao redor de cen traballadores e traballadoras, un catálogo de 250 mil títulos, e millóns de exemplares distribuídos cada ano, dos que unha parte importante son libros de texto. En certos momentos do ano, Arnoia traballa as 24 horas do día, en tres quendas diarias.

Arnoia botou a andar nos últimos meses de 2013 un novo proxecto, baseado na impresión baixo demanda, unha iniciativa innovadora na cadea de distribución do libro que imita os modelos de negocio das xigantes multinacionais americanas, facilitando a chegada das publicacións doutros continentes, e tamén das publicacións galegas ao exterior. Un bo número de editoriais de Europa e América colocan os seus libros no catálogo virtual de Arnoia, obras que aparecen dispoñibles na súa web, no apartado IBD/POD (Impresión baixo demanda /Print on demand). As librarías encargan o libro a través da web, do que se imprime un exemplar (ou varios), que é entregado tres días máis tarde en calquera lugar do mundo. Iso si, Arnoia non imprime, é só unha comercializadora e pon en contacto a editoriais con tendas e lectores. De feito, subcontrata todas as súas impresións con imprentas galegas.

É especialmente salientable o traballo que realiza Arnoia con varias editoriais de Brasil, que distribúen a través da empresa galega os seus libros en toda Europa

É especialmente salientable o traballo que realiza Arnoia con varias editoriais de Brasil e Portugal como Alameda Editora, Callis, Publindústria, Dumbrio ou Sá Editora, que distribúen a través da empresa galega os seus libros en toda Europa. Son sobre todo obras técnicas, de historia, socioloxía, dereito, política, pero tamén novelas, de poesía, fotografía, e mesmo obras clásicas da lingua portuguesa e galega. 

Un dos seus responsables, Xosé Manuel Figueiras, destaca que "Arnoia naceu para ser unha pequena distribuidora de libros de lingua. Neste tempo foi medrando, e ocupando este espazo, primeiro en Galicia e despois en todo o Estado español". Máis adiante, "cos cambios que se produciron no mundo do libro e a aparición por exemplo do libro electrónico, xurdiron moitas oportunidades no mercado internacional e fomos atopando moitos editores doutros países que querían que comercializáramos os seus libros, moitos de Chile, de Arxentina e sobre todo de Brasil". "Isto está permitindo que cheguen a Europa libros moi interesantes que doutro xeito atoparían moitísimas dificultades nas alfándegas", salienta. 

"Cos cambios que se produciron no mundo do libro e a aparición por exemplo do libro electrónico, xurdiron moitas oportunidades no mercado internacional e fomos atopando moitos editores doutros países que querían que comercializáramos os seus libros"

Figueiras subliña que "o que move diñeiro de verdade é o libro técnico en inglés. O que facemos é copiar o seu modelo de negocio, aproveitando os nosos espazos naturais" e engade que "copiar o modelo para mellorar o que eles fan é moi atraínte". De cara ao futuro, Arnoia ten claro o seu camiño: "temos que traballar con humildade, tamén para que Planeta ou Random House non nos vexan como unha ameaza. Temos que diversificar a nosa actividade, estar en todos os ámbitos, estar alerta dos cambios de modelo de negocio". De feito, dende hai un tempo comezou tamén a distribuír e-books e outros formatos electrónicos. "Temos que cubrir todos os formatos de libro. O libro en papel non vai desaparecer, pero o modelo vai mudar", conclúe. Arnoia vén de marcar a plataforma catalán de distribución de libros dixitais Edi.cat, que comezara a funcionar en 2008.

"O que move diñeiro de verdade é o libro técnico en inglés. O que facemos é copiar o seu modelo de negocio, aproveitando os nosos espazos naturais"

As vantaxes da impresión baixo demanda son obvias. Elimínanse os stocks de libros sen vender (que en moitos casos enchen por centos ou milleiros naves industriais). Eliminan tamén a necesidade de imprimir un número de determinado de exemplares, a xeito de edición ou re-edición. E, sobre todo, co modelo implementado por Arnoia, súa entrega é case inmediata, de xeito que hai pouca diferenza entre o tempo de envío dun libro en stock (24 horas) e impreso baixo demanda (tres días).

Nos Estados Unidos popularizouse nos últimos anos un modelo polo que as propias librarías contan cunha impresora para producir ao instante libros a petición do cliente. É o modelo de Ingram, por exemplo, do que Figueiras comenta que "os libros saen moi ben, pero o seu prezo é elevado, só cun formato, e ademais Ingram queda cos dereitos". Outro modelo é o das máquinas Indigo de HP, "unhas máquinas moi boas, que realizan todo o proceso de produción do libro, pero que son moi caras, e arruinaron a moitas imprentas, porque non tiñan a demanda suficiente para facelas rendibles". 

Catálogo de libros de editoriais brasileiras © Arnoia distribución
A sede de Arnoia Distribución, en Ponte Caldelas © Arnoia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.