Artábria responsabiliza o Concello de Ferrol do derrube da casa natal de Carvalho Calero

Casa natal de Carvalho Calero, en Ferrol Vello CC-BY-NC-SA Lydia González Dios

Unha parte da casa natal de Ricardo Carvalho Calero, en Ferrol Vello, caeu na tarde deste luns, froito das chuvias e dos temporais deste inverno e a consecuencia de anos de abandono por parte do Concello. Ao redor das catro da tarde técnicos municipais comprobaron que un dos muros medianeiros da vivenda viñera abaixo, procedendo a seguir a cortar a rúa San Francisco, unha das vías principais do barrio, para a retirada do entullo. Cómpre salientar que a rúa Carmen Curuxeiras, moi próxima, leva máis de dous meses cortada ante o perigo de derrube de varias das súas vivendas.

O Concello gastou 435 mil euros na compra e apuntalamento da vivenda, pero leva anos adiando o proxecto de rehabilitación

O Concello de Ferrol adquiriu hai anos a casa natal do escritor e intelectual, xunto coas dúas vivendas anexas, tamén en estado de ruína. Pagou un total de 350 mil euros e posteriormente gastou outros 85 mil nos traballos de apuntalamentos. Nese momento, subliñouse que o obxectivo era proceder á rehabilitación da vivenda, para convertela nun centro cívico. Porén, o tempo foi pasando e esas actuacións nunca chegaron a comezar. Nos orzamentos de 2014, iso si, está reservada unha partida de 185 mil euros para o inicio das obras.

A Fundaçom Artábria, entidade ferrolá que se distinguiu dende os anos noventa na reivindicación do labor de Ricardo Carvalho Calero e na demanda de que o autor sexa homenaxeado no Día das Letras, vén de responsabilizar nun comunicado ao Concello de Ferrol do derrube da vivenda: "há mais de umha década que a Fundaçom Artábria vinha anunciando o que finalmente aconteceu. Progressivamente, a casa natal de um dos mais importantes nomes da cultura galega nascidos em Ferrol foi apodrecendo e caindo aos pedaços", destacan, e lembran que durante anos reclamaron un compromiso do Concello e de todas as forzas políticas con representación municipal para levar a cabo a rehabilitación da vivenda. "A resposta fôrom boas palavras, promessas incumpridas e escassas concreçons, umha das quais supujo o gasto de 350 mil euros públicos para adquirir o prédio", sinalan.

Fan extensiva a súa denuncia ao estado xeral do barrio de Ferrol Vello, "que é umha parte fundamental da história de Ferrol e que sofre umha decadência insuportável, ilustrativa da situaçom geral do Concelho de Ferrol"

No texto, afirman que "consideramos os atuais governantes do PP máximos responsáveis pola derrocada desse pedaço da nossa história e apelamos ao conjunto da vizinhança de Ferrol para que deixemos de dar cobertura a uns governantes que constituem a negaçom do interesse público comum". Así mesmo, fan extensiva a súa denuncia ao estado xeral do barrio de Ferrol Vello, "que é umha parte fundamental da história de Ferrol e que sofre umha decadência insuportável, ilustrativa da situaçom geral do Concelho de Ferrol, em maos de umha classe dirigente inepta e alheia aos interesses da maioria do nosso povo".

Casa natal de Carvalho Calero, en Ferrol Vello CC-BY-NC-SA Lydia González Dios

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.