Arzúa, capital galega da Lusofonía

O éMundial terá lugar no recinto feiral © Concello de Arzúa

O éMundial muda o seu formato. Se nos dous anos anteriores Santiago de Compostela e Vigo acolleron un amplo conxunto de actividades esparexidas ao longo de varias semanas, nesta ocasión o evento concentrarase nun só día, este sábado 5 de xullo. O recinto feiral de Arzúa acollerá case doce horas de concertos, debates, gastronomia e actividades infantís, con especial protagonismo para Semente. Todo co obxectivo de reflexionar, divertirse e coñecerse ao redor das potencialidades e oportunidades que ofrece a lingua galega no seo na Lusofonía. O festival está organizado pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e conta co patrocinio do Concello de Arzúa, a Deputación da Coruña e Queixerías Bama, e coa colaboración das xa referidas escolas en galego Semente e da Associação Pró-AGLP.

O programa comezará ás 11.30 horas cun pregón a cargo de Xurxo Souto. A seguir, haberá unha sesión vermú con Terra Morena e Rui David e un obradoito de percusión impartido polo brasileiro Paulo Silva. Aínda antes do xantar terá lugar unha mesa redonda sobre a Lei Paz-Andrade, a ILP que o pasado mes de marzo foi aceptada pola unanimidade do Parlamento para a súa tramitación. José Morell, que foi o rostro máis visible na exposición na cámara e noutras presentacións, moderará o espazo, no que se exporán e debaterán as posibilidades que se abren con esa ILP. Un debate que para Miguel Penas, presidente de AGAL, é fundamental: "A lei será máis útil para a sociedade galega na medida en que a sociedade participe e reclame que se poña en funcionamento". 

"A Lei Paz-Andrade será máis útil para a sociedade galega na medida en que a sociedade participe e reclame que se poña en funcionamento"

Posteriormente, haberá um xantar africano, única actividade de pagamento de todo o evento. Xá pola tarde haberá actividades para os máis pequenos e pequenas no Espazo Semente (música, xogos, contacontos…). Este espazo central para nenos e nena no éMundial é unha novidade no festival, e unha parte á que dende AGAL se emprestou unha atención especial: "Non só un xardín infantil, un lugar onde deixar as crianzas. O obxectivo é que a xente coñeza Semente de primeira man, pois para nós é un proxecto estratéxico e fundamental", destaca Penas.

"Buscamos o relacionamento humano, que se vexan as caras entre os integrantes de todos os colectivos, que se poñan en común propostas, iniciativas e proxectos, aproveitar que nos xuntamos non só para a festa"

Haberá así mesmo un espazo para a rede de clubes de lectura en portugués Pega no Livro, o lanzamento do libro Quês e porquês do reintegracionismo, e unha mesa redonda de cidadáns lusófonos centrada en como ven a Galicia. Tamén pola tarde terá lugar a gran novidade deste éMundial: o espazo Somos… e fazemos, "umha oportunidade para que entidades galegas com umha visom 'extensa e útil' da nossa língua se apresentem ou expliquem os serviços que oferecem", destácase dende AGAL. Miguel Penas salienta que se trata dunha "primeira proba, a ver como funciona e cantas entidades participan. Buscamos o relacionamento humano, que se vexan as caras entre os integrantes de todos os colectivos, que se poñan en común propostas, iniciativas e proxectos, aproveitar que nos xuntamos non só para a festa".

O peche do evento comezará ás 21 horas cunha sesión de música ao vivo na que participarán artistas de varios países da Lusofonía, cos galegos Narf e Xabier Mugardos, o brasileiro João Alberto e o angolano Alberto Mvundi. Ademais, durante toda a xornada poderá visitarse a exposicióm Cantigas de Santa Maria. Arte BDieval, que xá pasou por numerosos centros educativos galegos. Trátase dunha colaboración co colectivo de banda deseñada BD Banda en que esta obra de Afonso X O Sabio é tratada coma se fose unha das primeiras bandas deseñadas da historia. 

Cartaz do éMundial, organizado pola AGAL © AGAL
Miguel Penas e José Luís García, alcalde de Arzúa, na presentación do éMundial © AGAL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.