"No desconoce la Junta que en el presente momento la palabra economía ejerce influencia avasalladora en el ánimo de todos, y cualquier pensamiento que se aparte de esa idea es indudablemente poco simpático y está fácilmente expuesto á sucumbir, cualquiera que sea la razón en que se apoye". Os tempos non cambian tanto como parece, lendo este fragmento do Avance de la riqueza pecuaria (1891) un dos documentos estatísticos históricos que o Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de colgar na súa páxina. Trátase de estudos con alcance xeral para o conxunto de España, dos que se fixo unha selección das páxinas ou parte dos documentos con referencia a Galicia, algúns dos primeiros esforzos públicos por sistematizar de forma científica o coñecemento sobre a realidade social do país.
A selección realizada polo IGE, que se irá ampliando con novos documentos, inclúe cinco traballos: o Censo de población de la Corona de Castilla en el Siglo XVI (Censo de los millones) (1591), o Censo de Floridablanca (1787), as Memorias Políticas y Económicas de E. Larruga (1787-1800), o Avance de la riqueza pecuaria en 1891, e o Informe de la Junta de Estadística sobre el Plan General de Ferrocarriles de España (1865).
O Censo de los Millones, a finais do século XVI, foi unha iniciativa de carácter estritamente recadatorio para repartir entre os veciños o esforzo de achegar o donativo de oito millóns de ducados que a Coroa requiriu para facer fronte ás perdas da Armada Invencible. O censo, de feito, non ofrece información de persoas, senón de veciños pecheros, é dicir, veciños obrigados a contribuír, toda vez que nobreza e clero estaban exentos do pagamento de impostos. Así, o documento recolle 32.023 pecheros na provincia de Lugo, 13.287 na de Coruña e Betanzos, 34.456 na de Ourense, 7.330 na de Mondoñedo, 25.739 na de Santiago e 12.881 na de Tui. Como referencia, Pontevedra sumaba 1.510 pagadores, Vigo 845, Tui 496, Santiago 984, Mondoñedo 226, Ourense 700, A Coruña 451, Ferrol 386 e Lugo 296. En total, en Galicia contabilizábase un total de 116.388 veciños obrigados a pagar impostos.
O censo Floridablanca no Reyno de Galicia deu como resultado un “Total general de 1.345.803 almas”
O Censo de 1787, foi levado a cabo polo Conde de Floridablanca, ministro de Carlos III, e é considerado como o primeiro censo español de poboación elaborado seguindo técnicas estatísticas modernas. O traballo de campo era realizado, segundo se recollía nas instrucións dadas por Floridablanca, “por la Justicia por sí, por Diputados del Ayuntamiento, acompañados del Cura, formando lista del número de almas ó individuos de cada casa, conforme a la edad de cada uno poco mas ó ménos, y con expresión del oficio que exerce, sin tomar sus nombres”. O censo no Reyno de Galicia deu como resultado un “Total general de 1.345.803 almas”, repartidas entre 3.683 parroquias, e cunha estrutura de idades, na que preto do 20% non pasaba dos 7 anos, e outro 17% tiña entre 7 e 16. En total, contabilizáronse no conxunto de España 10.268.110 habitantes, sendo a actual provincia de Pontevedra a máis densamente poboada, con 74 habitantes por quilómetro cadrado.
A Coruña era a provincia con máis habitantes de toda España e actual de Pontevedra era a máis densamente poboada
As provincias da Coruña (425 mil habitantes), Pontevedra (332 mil), Lugo (307 mil) ou Ourense (289 mil), situábase á altura e mesmo superaban, por exemplo, de Asturias (352 mil), Barcelona (350 mil), Sevilla (303 mil) ou Madrid (290 mil). De feito, A Coruña era a provincia con máis poboación de España.
Estatísticas económicas
Constan, por exemplo, as entradas de produtos lácteos dende Holanda (3.422 arrobas de queixo e 3.125 libras de manteiga no ano 1792), ou as de bacallau dende Noruega (4.200 arrobas no mesmo ano, por valor de 56.333 reais)
Máis dispersas e fragmentadas eran as estatísticas de actividade económica, que comezaron a publicarse, sobre todo, no século XIX. As Memorias Económicas de Eugenio Larruga, aínda no XVIII, foron pioneiras, pero chama a atención que nelas Larruga mestura referencias estatísticas con consideracións máis propias da xeografía ou da organización das actividades de fomento. Nestas Memorias recóllense por exemplo os datos da Balanza do comercio de España a través das Aduanas do Reyno de Galicia, con detalle das importacións, exportacións e saldos por produtos e países. Así constan, por exemplo, as entradas de produtos lácteos dende Holanda (3.422 arrobas de queixo e 3.125 libras de manteiga no ano 1792, cun valor en conxunto de 162.770 reais de vellón), ou as de bacallau dende Noruega (4.200 arrobas no mesmo ano, por valor de 56.333 reais.
Tamén ofrece información sobre a produción agropecuaria de Galicia ("de vino se cogen anualmente 3.961.130 arrobas, de aguardiente 3.160, y de aceyte 1870”), a industria manufactureira (“En la Ciudad de Santiago hay fábrica de pasamanería, compuesta de algunos fabricantes que mantienen telares lisos y de máquina: trabajan galones de oro y de plata, de fino y falso, libreas, cintería de labor y llana, galones y ribetes de seda y ceñidores), a produción de seda e la, as fábricas de sombreiros liño e cáñamo, ou as industrias de tinte, así coma as fábricas de papel, loza e xabón.
Máis exhaustivo é xa o Avance de la riqueza pecuaria en 1891, que contén información detallada dos censos das diferentes especies, por partidos xudiciais e concellos. Tamén recolle unha relación completa das feiras e mercados locais co estado numérico da concorrencia de reses. Este traballo contabilizaba por exemplo 408.875 cabezas de gando na provincia da Coruña, case a metade vacas e unha cuarta parte porcos. E 411.951 na de Lugo, cunha maior proporción (case un terzo) de ovellas. En Ourense eran 306.597, tamén cunha maioría de ovellas. En Pontevedra, o número era moi inferior: 169.186 cabezas de gando, sobre todo vacas.
O Informe sobre o Plan General de Ferrocarriles de 1865 analiza diferentes tramos do hoxe coñecido como Eixo Atlántico (Redondela-Pontevedra, Pontevedra-Carril, Santiago-Coruña, Betanzos-Ferrol,...) e tamén os entronques coas liñas centrais da rede
O último traballo seleccionado e publicado polo IGE na súa páxina web refírese ás infraestruturas, unha materia con escasa presenza nas estatísticas da época. O Informe sobre o Plan General de Ferrocarriles de 1865, permite unha aproximación ás propostas e contrapropostas relativas á planificación dos ferrocarrís en Galicia, informando sobre os trazados e o carácter subvencionable ou non das liñas da Rede Noroeste. A Junta de Estadística analiza diferentes tramos do hoxe coñecido como Eixo Atlántico (Redondela-Pontevedra, Pontevedra-Carril, Santiago-Coruña, Betanzos-Ferrol,...) e tamén os entronques coas liñas centrais da rede.
Un informe que revela debates e reivindicacións que máis dun século despois seguen sobre a mesa, ou volveron ser postos de actualidade ao fío do proxecto de construción do trazado da alta velocidade: "Nosotros, que aceptamos de urgente necesidad el ferrocarril al Ferrol, por hallarse aquí uno de los mejores arsenales, y acaso el de mayor porvenir de nuestra nación, no creemos del todo conveniente este trazado, que le aleja bastante del centro de la Península, y que marchando largo trecho inmediato a la costa, satisface poco a las condiciones estratégicas, que no pueden desatenderse".