"Despois de 'Sirât' temos todas as portas abertas"

Sergi López, Oliver Laxe e Xavi Font co premio de 'Sirât' no Festival de Cannes o 26 de maio de 2025 en Santiago CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

"O que nos gusta é facer filmes que se vexan co corpo", destaca Xavi Font, produtor do filme de Oliver Laxe 'Sirât', que este domingo pode gañar dous premios Oscar

No ano 2016, cando comezaban traballar no filme O que arde, despois da estrea en 2015 de Mimosas, Oliver Laxe xa tiña unha versión inicial do guión do que sería Sirât. “Causoume un impacto enorme cando o lin. Era un guión moi breve, unha idea que precisaba aínda desenvolverse, pero a película xa estaba aí. Despois traballáronse moito os detalles”, lembra o produtor Xavi Font.

Daquela, Laxe dicía que Sirât –que aínda non tiña este título– ía ser o gran filme que ían facer xuntos e que O que arde sería unha longametraxe máis ‘pequena’, que pasaría máis desapercibida fóra de Galicia.Pero O que arde deu a sorpresa, superou a Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, como a película en galego máis vista e levou por primeira vez o cinema na nosa lingua ao Festival de Cannes, onde gañou o premio do xurado na sección Un certain regard. Con Sirât tamén volveu con premio, mais esta vez participando na sección oficial do certame francés.

“Fixemos moitas bromas con que O que arde, ao final, si que era a película grande, pero o tempo deulle a razón a Oliver con Sirât”, razoa agora Font, que nos últimos meses cruzou o Atlántico máis de seis veces para acompañar o filme nos Estados Unidos, onde este domingo opta a dous premios Oscar, nas categorías de mellor son e mellor filme internacional.

O director Oliver Laxe e parte do elenco de 'Sirât' na 40 edición dos Premios Goya CC-BY-SA Academia Galega do Audiovisual

Xavi Font xa leva ducias de coloquios co público de Sirât, pero entrar nunha sala de cinema tras a proxección do filme aínda lle impresiona: “Probablemente xusto cando acabas de ver unha película é o peor momento para falar dela porque aínda tes que procesar cousas. Pero máis con esta, que é unha película que se mira máis co corpo que coa cabeza, e cando rematas aínda tes presentes moitas das sensacións. Falar dela volve facer que a película se intelectualice, cando o noso traballo está orientado xusto ao contrario. A nós o que nos gusta é facer filmes que se vexan co corpo, que produzan sensacións que non tiñas; penso que no noso día a día temos moitas premisas e que é unha fortuna poder illarnos e ter un tempo de calidade para nós mesmos, pois un cine non deixa de ser un templo onde se experimenta unha certa catarse, se o facemos ben”.

"Precisamente porque abonda unha oferta determinada nós queremos dirixirnos cara a outro lado. É a nosa natureza"

Entre os pequenos detalles que foron traballando ao longo dos anos para construír a película está o respecto aos diferentes puntos de vista das persoas espectadoras. “Cada un ten a súa propia mochila, a súa mirada e experiencia. Non é o mesmo alguén que pasou por moitos procesos de loito que quen nunca o viviu. Todos na vida podemos ter que atravesar as brasas dalgún xeito, pero non todos estamos no mesmo punto; por iso é importante respectar ese punto de vista. E eu penso que Oliver o fai moi ben”, salienta o produtor e músico catalán, que leva tres décadas vivindo e traballando en Galicia e fundou xunto a Laxe a produtora 𝗙𝗶𝗹𝗺𝗲𝘀 𝗱𝗮 𝗘𝗿𝗺𝗶𝗱𝗮.

As barreiras que Sirât está a derrubar para o cinema galego marcan a conversa no sector audiovisual desde o seu paso por Cannes, mais Xavi Font non considera que fixeran ningunha proeza. “Somos xente traballadora e teimuda”, explica. “Non nos gusta sucumbir ás propostas das grandes plataformas, a unha forma de producir que está moi orientada desde un algoritmo. É verdade que as grandes plataformas abriron moito o consumo audiovisual, cousa que é boa porque ten que haber de todo, un gran abano heteroxéneo que nos permita ter un pouco de todo para que poidamos identificarnos co que nos gusta, non? Pero eu penso, e o digo de maneira construtiva, que precisamente porque abonda unha oferta determinada nós queremos dirixirnos cara a outro lado. É a nosa natureza. Eu non considero que sexamos heroes nin nada parecido. Gústanos facer as cousas dun xeito un pouco alternativo e, por sorte, no mundo cinematográfico aínda se premia o risco”.

Laxe viaxou de Cannes ata Navia de Suarna para compartir 'Sirat' coas súas veciñas antes de que o filme chegase aos cines CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Dende o comezo do proxecto sabían que contaban coa produtora El Deseo como compañeira de viaxe, pois despois do éxito de O que arde Pedro Almodóvar lle transmitira a Oliver Laxe que quería apoialo no seu seguinte filme. Xavi Font conta que buscaron tamén o apoio de Movistar+ porque lles permitía practicamente duplicar o orzamento que manexaban –moi importante para levar a cabo a parte dos efectos especiais que querían incorporar na pantalla– e máis adiante sumaron ao equipo de produtores a Oriol Maymó de Uri Films e á compañía francesa 4A4 Productions, que lles permitiu ter asegurada a distribución nese país.

"Oliver ten unha pequena imaxe de algo que acontece no Amazonas. Que pasará con iso? De momento é unha imaxe clara que ten el e que quere explorar. Temos que ir alí para desenvolver esta idea e levala a unha proposta cinematográfica"

O filme do director galego foi recibido en Hollywood cos brazos abertos pola súa rebeldía e distinción. “Con Oliver estou afeito a que os milagres aparecen”, confesa Xavi Font, que non lle perdeu o respecto á industria do cine estadounidense, pero si deixou atrás complexos previos. “De pronto hai xente que tes mitificada que quere que traballes con eles”, pon como exemplo. 

Quen xa gañou, pase o que pase o domingo, é o equipo de son da película, capitaneado por Laia Casanovas, Amanda Villavieja e Yasmina Praderas. “O propio gremio de son da Academia americana apoiou a súa candidatura. É para celebrar tanto que ademais sexa un equipo cen por cen liderado por mulleres! Demostra que as políticas de igualdade no audiovisual, tan criticadas, funcionan. Alégrome moito porque isto xa é unha vitoria clara delas como profesionais, convérteas en referentes e van rachar barreiras a nivel internacional”, celebra o produtor.

Tanto Font como Laxe aproveitaron ben a temporada de premios para falar con actores e actrices, ademais de con outras figuras do sector, coa vista posta no seu vindeiro proxecto xuntos. “Oliver ten unha pequena imaxe de algo que acontece no Amazonas. Que pasará con iso? De momento é unha imaxe clara que ten el e que quere explorar. Temos que ir alí para desenvolver esta idea e levala a unha proposta cinematográfica. Aínda é moi cedo, pero nos gusta ver que esa idea, cando a partillamos con grandes actores do panorama internacional, seduce. Pois apetécenos tamén pensar dende estes distintos actores e ver como podemos ir desenvolvendo o proxecto con cada un deles. Non é o mesmo facer unha película cunhas persoas que con outras, e Oliver sempre reescribe o guión en función do elenco final”, avanza.

'Sirât' foi finalista nos premios das academias de cine francesa e británica, os César e os Bafta © Quim Vives

"Ninguén considera que Sirât estea dentro do imaxinario do cinema español porque o rompeu, ten outros referentes"

“Despois de Sirât temos todas as portas abertas. É excitante”, asegura. Porén, non perden pé na terra, na casa que para Oliver Laxe son os Ancares, porque “é bonito pensar as cousas dende aquí, e o ADN que nós levamos culturalmente sempre nos marca; con todo, tamén é bonito rompelo. Ao final todos somos mesturas. Especialmente os galegos, que somos xente que sempre andamos polo mundo adiante. Somos terra de migrantes e para min terra de acollida”, razoa Font.

“Encántame este concepto un pouco bastardo da cultura, penso que en certa medida todos o somos; e quen é purista nos leva cara a pensamentos que adoitan ser perigosos. É bonito romper eses imaxinarios. Ninguén considera que Sirât estea dentro do imaxinario do cinema español porque o rompeu, ten outros referentes. Eu creo que é unha riqueza que estea fóra deses parámetros, doutra forma dificilmente poderíamos chamar a atención a nivel internacional”, agrega.

Para o produtor, esta película ensina unha maneira de encarar a vida e mostra que se pode aprender das feridas. “Agora coa distancia [Sirât estreouse en maio do ano pasado en Galicia] non pensas que vivir isto a través da ficción pode prepararnos para cousas que nos van acontecer na vida?”, pregunta Xavi Font.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.