As deseñadoras galegas, contra os concursos das entidades públicas que fomentan "traballar gratis"

Moitas festas e eventos en toda Galicia escollen o seu cartel a través dun concurso aberto © Concello de Lugo

#nontraballogratis é unha reivindicación que nos últimos tempos se ven facendo máis frecuente en moitas profesións, sobre todo as relacionadas dun ou doutro xeito coa comunicación e/ou a comunicación, e sobre todo aquelas nas que as novas tecnoloxías adquiriron un papel máis importante. Xornalistas, deseñadores, fotógrafas, programadores, tradutoras..., que traballan como freelances ou autónomas atópanse decote con que moitos empregadores e clientes lles ofrecen a posibilidade de "publicar" con eles, de gañar "visibilidade" e "prestixio".

"Non se comprende a proliferación de convocatorias que, en último termo, provocan que moitas horas de traballo de moitos profesionais do deseño sexan totalmente improdutivas e teñan como único fin rematar esquecidas nun caixón"

No caso concreto dos deseñadores e deseñadoras, un dos grandes problemas da profesión é que en moitas ocasións cando unha administración ou empresa necesita realizar un encargo concreto de deseño (un cartel dunhas festas ou de calquera evento) o que fai é convocar un concurso aberto. Estes certames están remunerados na maior parte dos casos; porén, esta práctica fomenta a precariedade na profesión, así coma o intrusismo e o traballo especulativo. A Asociación Galega de Deseñadores (DAG) vén de facer público un comunicado no que denuncia que "nun país como o noso, tan necesitado de bo deseño en tantos eidos, non se comprende a proliferación de convocatorias que, en último termo, provocan que moitas horas de traballo de moitos profesionais do deseño sexan totalmente improdutivas e teñan como único fin rematar esquecidas nun caixón". A DAG rexeita estas prácticas mesmo naqueles casos nos que se pode pensar que a remuneración para os gañadores e gañadoras é xusta: "temos o firme convencemento de que o beneficio dunha soa persoa non pode xustificar nunca o prexuízo a toda unha comunidade", din

A entidade lembra que dende a súa fundación, no ano 2006, vén mantendo "unha postura de claro rexeitamento deste tipo de prácticas que, baixo o disfrace de oportunidade profesional, en realidade agochan un dano continuado á nosa profesión". Así mesmo, recomándalles aos seus asociados e asociadas que non participen.

A DAG tamén responde ao recorrente argumento da "visibilidade" como "recompensa", e salienta que "a visibilidade e a repercusión non están recoñecidas como moeda en curso polo sistema bancario"

Tamén sinalan que "a día de hoxe, cun tecido de deseñadoras e deseñadores galegos organizado e con capacidade profesional máis que avaliada, cunha rede de centros de formación que imparten graos e másters de deseño nas catro provincias do país, resulta de todo incomprensible que os concursos de deseño se continúen formulando con carácter aberto e sen demandar ningún tipo de experiencia previa ou capacitación profesional".

A DAG tamén responde ao recorrente argumento da "visibilidade" como "recompensa", e salienta que "a visibilidade e a repercusión non están recoñecidas como moeda en curso polo sistema bancario". Sinala que "os concursos de prestación de servizos profesionais de deseño non son concursos de talento, como poden ser os concursos literarios ou de pintura, onde si é posible imaxinar que un escritor ou un pintor participe co interese de difundir a súa obra, ademais de polo premio asociado". Engaden o exemplo de que "se a ese mesmo escritor lle encargan que redacte un texto específico para satisfacer unha demanda concreta —un servizo profesional— loxicamente esixirá ser remunerado polo seu traballo e por todo o tempo dedicado".

Piden que todas as propostas remitidas polos profesionais previamente seleccionados sexan remuneradas e equiparar a valoración económica dos premios a unha remuneración estándar de mercado

Finalmente, a asociación realiza sete demandas concretas á administracións e empresas que convocan concursos para contratar servizos de deseño. Entre elas destaca a petición de "eliminar o carácter aberto dos concursos, permitindo só a participación de profesionais do deseño e, se fose o caso, da ilustración e da publicidade", que todas as propostas remitidas polos profesionais previamente seleccionados sexan remuneradas, "equiparar a valoración económica dos premios a unha remuneración estándar de mercado" e "que os deseñadores manteñan sempre a propiedade intelectual do seu traballo".

Moitas festas e eventos en toda Galicia escollen o seu cartel a través dun concurso aberto © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.