Catro actrices, catro traballadoras, un lote de historia e, como mar de fondo, o sector conserveiro. Estas son as claves d'As do peixe, a obra de teatro dirixida por Cristina Domínguez que se estreará o próximo 24 de xullo na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. A montaxe mestura o presente coa memoria destas mulleres, fiando a situación actual de descomposición do sistema con outra descomposición, con outra caída de certezas propias desta industria que para unha xeración de mulleres significou a entrada ao mundo laboral. As do peixe fura, dende o presente, nese pasado moi próximo e busca reflectir as circunstancias, non só das mulleres das conversas, senón tamén e dalgún xeito, das mulleres traballadoras.
A montaxe mestura o presente coa memoria de mulleres traballadoras do sector conserveiro
A obra de teatro é produto dun longo proceso creativo, que partiu dunha investigación de campo e das historias dun grupo de mulleres reais, entrevistadas por Cristina Domínguez e Casilda Alfaro. “Por motivos de traballo, na Escola de Arte Dramático de Vigo, escoite hai dous anos unha gravación da nai dun alumno, que falaba das orixes do seu emprego. Falaba da fábrica de conservas”, lembra Cristina Domínguez a quen, nese momento, prendéuselle a luz. A partir desa gravación, convenceuse de que había que tirar do fío, remexer neses pasados e buscar o xeito de contar esas historias. “Non sei como non se fixo antes”, sorpréndese a directora teatral.
Así foi como Domínguez e Casilda Alfaro comezaron a realizar unha sorte de “traballo de campo”. Realizaron deste xeito unha serie de entrevistas con mulleres de distintas xeracións, mais co contexto xeral do mundo conserveiro. Coas súas palabras rexistradas nas fitas, debuxouse un marco histórico da incorporación ao mundo industrial das traballadoras dos anos sesenta, setenta e oitenta. “Falamos cun grupo de mulleres da contorna. Foron moi xenerosas con nós e nas conversas enlazaban o seu traballo coa súa propia vida. Falaban dun mundo concreto e todo iso deunos un material moi interesante e inspirador”, admite Domínguez.
O texto de Cándido Pazó
“Foron Casilda e Cristina que tiveron a idea de traballar na memoria das mulleres das conservas. A min fixéronme despois o regalo de crear o texto, de implicarme na obra e de poder escoitar todo o material que gravaron. Foi un agasallo e estou moi agradecido.” Con estas palabras, Cándido Pazó resume as súas sensacións ao incorporarse neste proxecto. Nos últimos meses, mallou e mallou no texto que agora está a piques de se estrear.
Cándido Pazó encárgase do texto "polo xeito que ten de crear os textos, polas maneiras de facer falar as personaxes e pola linguaxe que emprega"
E por que Cándido Pazó? Por que Domínguez e Alfaro escolleron este autor? “Pois foi un proceso longo até chegar a Cándido. Para pedirllo a el había varios motivos: o xeito que ten de crear os textos, as maneiras que ten de facer falar aos personaxes, a linguaxe que emprega”, enumera Domínguez antes de concluír que tamén influíu a súa “proximidade” con ese mundo. “É de Vigo, preto de Bouzas, coñece de preto a situación das conserveiras, sabe do que está a falar”, conclúe a directora.
Polo tanto, Pazó “sabía do que falaba” e o que descoñecía puido escoitalo nas voces gravadas dese grupo de traballadoras. “Era un material moi apetitoso, no que se recolle a historia destas mulleres. Nas gravacións, trátase da súa dimensión de empregadas nas conserveiras, pero tamén de mulleres da clase traballadora. Hai unha representatividade xeral de calquera muller traballadora”, reflexiona o autor. Non obstante, ese material, “empregado co máximo respecto”, serviu principalmente como material de apoio. “Serve como apoio, si. É un material humano clarísimo, que serviría perfectamente para un libro, para un ensaio, para unha reportaxe, para un documental. Pero isto é teatro, non pretende ser un retrato fiel da realidade. É unha pintura impresionista, de impresións, pero ficción, que atende a unha serie de principios teatrais. É dicir, no texto hai anécdotas, reflíctese como é a vida destas mulleres, anécdotas. Hai cousas concretas das gravacións que si están recollidas, pero os personaxes non son esas mulleres coas que falaron nas entrevistas. As personaxes son identidades propias. Que están construídas con fragmentos delas? Si, pero son ficticias”, explica.
As do peixe, deste xeito, é ficción, aínda que con moito de realidade polo medio. Por iso, a obra non se presenta como un documento fiel ao 100% coa realidade. “A idea de facer teatro-documento estaba aí dende o principio, pero non é iso. É sinxelamente unha obra de teatro. Fixemos personaxes cribles, mais seguro que non están á altura das mulleres reais nin o que se conta na obra de teatro está á altura do que escoitamos nós desas traballadores”, sentencia Domínguez.
Os ecos do presente
A directora do espectáculo sinala que a obra divídese en “catro cadros” nas que as mulleres van lembrando a súa vida nesta industria, aínda que no texto tamén se coa os tempos ruíns dos nosos días. “Na obra, constantemente volvemos ao pasado, pero a situación actual está presente. O que contan as personaxes dos seus tempos lembra moito ao que está sucedendo agora co traballo, coa descomposición do tecido empresarial, laboral, social”, admite Cristina Domínguez.
A “descomposición”, quizais, é un termo clave para entender. por un lado, a situación que atravesou no seu momento o mundo das conservas e, polo outro, o que viven hoxe todos os sectores do país. Esa dupla descomposición, a concreta e a xeral, inmíscese entre os diálogos das personaxes. “Temos unha muller nova que comezou a traballar nas conservas e que, despois, nunca máis atopou traballo. Ou outra que explica como o seu fillo, que puido estudar con moito esforzo familiar, está no paro, non chega a nada. É dicir, hai referencias da crise, sen caer en aspectos demasiado concretos. A crise actual está aí, como eco”, engade Cándido.
As actrices
Catro traballadoras, catro intérpretes. Elas son Monica Camaño, Susana Dans, Rocío González e, loxicamente, Casilda Alfaro, que levou a cabo, xunto a Domínguez, o traballo de campo e as entrevistas. Elas catro poñen cara e voz a toda un segmento de traballadoras da historia de Galicia. “E todas elas teñen, dalgún xeito, unha vinculación máis ou menos directa co mundo das conserveiras. Agás Susana, o cal permite que teñamos outro punto de vista moi necesario na obra”, recoñece Domínguez.
“É un mundo moi atractivo porque o sector da conserva constituíu a primeira relación industrial da muller que tivemos en Galicia”
Para as actrices, estes papeis teñen un aquel especial e representativo pola pegada histórica do sector. “É un mundo moi atractivo porque o sector da conserva constituíu a primeira relación industrial da muller que tivemos en Galicia”, explica Mónica Camaño, cuxo personaxe pasou a vida saíndo adiante e turrando dos seus. “Colleu os últimos anos a forza do traballo, pero despois chegou o derrubamento do sector, situación que lle coincidiu cun derrubamento vital. Gañou a vida como puido até que, realmente, xa non houbo nin escaleiras que limpar” explica a intérprete que, finalmente, sentencia que “estas mulleres son unhas superviventes e resistentes na descomposición” que agora xa todos coñecemos.
Para o reparto, as personaxes pesan. “Para nós é unha gran responsabilidade, estamos a encarnar un referente moi próximo. Eu non tiven ningunha familiar directamente implicada no sector, pero vía o mundo das conservas en todos os recantos, sobre todo nunha época na que no Morrazo a única saída para unha muller, realmente, era meterse nas conservas. Por iso notamos moito a responsabilidade dun compromiso: o de reflectir sobre os escenarios este asunto real”, conclúa Camaño.
O equipo d'As do peixe xa sente esa responsabilidade agora que andan en plenos ensaios, coa estrea en Ribadavia no horizonte. Non obstante, antes vivirán dúas primeiras probas diante do público. A primeira delas será este mesmo sábado na Mostra de Cangas, onde se poderán ver dúas escenas cómicas dunha obra que transita entre a emoción e a realidade, escorregando ás veces polas sendas do humor. Xa o 17 de xullo, o equipo desprazarase a Illa de Arousa, onde realizarán un pase completo diante do público. Finalmente, o 24 de xullo realizarase a estrea en Ribadavia, no Auditorio do Castelo. Alí, lonxe do arrecendo salgado do mar, comezará o periplo desta montaxe que atesoura entre as súas liñas -e malia non ser teatro-documento- unha boa parte da historia do traballo deste país.