Castelo Conta moito máis ca un festival: un lote de proxectos para impulsar o rural

Público e veciñanza nun evento de Castelo Conta CC-BY-SA Aigi Boga
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-castelo-conta-08b6c1f.jpeg

O festival Castelo Conta, aproveitando o seu décimo aniversario, levará a cabo este ano unha edición especial que se estenderá durante dez días consecutivos, do 22 ao 31 de agosto. Unha festa que xunta música, contos, xogos, tradición e, por riba de todo, "o encontro comunitario" no rural desde dunha pequena parroquia de Culleredo. Unha celebración chea de eventos para todos os públicos, unha exaltación da cultura de proximidade que ocupa aldeas, camiños e espazos abertos, comúns e participativos e que este ano incorpora, como novidade, o Monte Xalo como escenario natural. 

Un festival, iniciativa de Xosé A. Touriñán, que a finais de agosto pon máis que nunca no mapa esta parroquia a poucos quilómetros da Coruña e a asociación cultural que leva o seu nome. Pero Castelo e Castelo Conta son moito máis. E máis aló deste evento do verán. 

A asociación Castelo Conta impulsa o festival pero ten moitos máis proxectos cos que busca "dinamizar e vertebrar o territorio", conservar a memoria da parroquia e preservar o patrimonio natural e cultural

Castelo Conta, integrada pola veciñanza da parroquia, marca entre os seus obxectivos a "dinamización cultural" do lugar onde viven, así como "a conservación da memoria desta comunidade e a defensa da contorna". Moitas das súas actividades —no festival pero tamén a través doutras iniciativas— céntranse en recuperar a historia e a memoria local e en preservar o patrimonio cultural inmaterial a través de proxectos a longo prazo que sirvan para "dinamizar e vertebrar o territorio". 

Desde unha parroquia duns 150 habitantes que é, ao tempo, exemplo de como desde o local, desde o recuncho máis pequeno e con iniciativa, se poden armar un lote de proxectos que non só revitalizan o rural senón que son referente. 

A colaboración entre outras entidades, como a comunidade de montes ou Castelo Deporte, explica a forza dos proxectos desde esta parroquia de Culleredo: "Todos estamos en todo"

"Esa é un pouco a filosofía: facer cousas desde o local, desde o que coñeces e que poidan servir de exemplo noutros sitios", explica Álvaro Pérez, produtor de contidos audiovisuais, de espectáculos e de eventos, membro da directiva de Castelo Conta e un dos organizadores do festival onde, precisamente, haberá unha tarde dedicada a que diferentes entidades do rural poñan en común e debatan sobre as iniciativas que levan e poden levar a cabo. 

Malia que o foco recae no festival de agosto, Pérez explica que desde que naceu Castelo Conta "o obxectivo e a tendencia é a de intentar desestacionalizar as actividades". "Queremos evitar que todo se centre neste festival e que cada vez se fagan máis cousas o resto do ano", explica. Para logralo —e para entender a forza das iniciativas— válense tamén da colaboración estreita e a "estrutura asociativa" que forman coas distintas entidades da parroquia, como Castelo Deporte ou a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Castelo, ás que se une xente da contorna. 

Castelo Conta implica a veciñanza nas súas actividades © Aigi Boga

"Hai unha relación entre todas moi positiva; somos unha aldea pequena e non hai compartimentos estancos porque, ao final, toda a veciñanza implícase e colabora en todo. Todos miramos polo ben común e todos estamos en todo", ratifica Jesús Ángel Ferreño, presidente da comunidade de montes, outra das entidades clave para explicar o fenómeno Castelo

Castelo Deporte, con arredor de 200 persoas asociadas, leva anos impulsando diferentes actividades e centrada no Monte Xalo e nas súas posibilidades para a práctica deportiva. Organiza as carreiras e andainas Travesía do Xalo e a Nocturna do Xalo e leva a cabo diferentes accións para o coidado e a conservación deste espazo, en colaboración coa comunidade de montes. 

Aplicacións para descubrir os segredos do Monte Xalo, un arquivo sonoro ou o documental 'Mulleres de Castelo'  son algúns dos proxectos da asociación

"Desde a comunidade xestionamos o monte e intentamos adaptar os usos e traballos forestais para que sexan o máis respectuosos posibles e permitan poder facer todas as actividades que promoven desde Castelo Deporte e desde Castelo Conta", explica Ferreño sobre un espazo que serve de gran dinamizador social e cultural da zona. Un monte mítico, "memoria, natureza e identidade", unhas 143 hectáreas xestionados por 65 comuneiros e comuneiras. 

Un monte cun rico patrimonio cultural e natural que axuda a descubrir Castelo Conta a través dunha aplicación móbil na que, "a través de vídeos, fotos e audios achegados polo punto de vista da veciñanza", se poden aprender datos e historias das pedras, fontes, árbores e ata un cento de recunchos. Un exemplo doutra iniciativa colaborativa e que implica os e as habitantes da zona, como destaca Álvaro Pérez. 

Pero hai máis, como explica Pérez, que destaca o documental colaborativo Mulleres de Castelo, realizado xunto coas veciñas máis maiores da aldea, un espazo colectivo de encontro entre mulleres e no que se reflexiona en varios obradoiros a través de experiencias, palabras, fotografías e sons

Dirixido por Hadriana Casla, desde Castelo Conta xa traballan en exportar este proxecto a outros lugares de Galicia onde as mulleres protagonistas deste filme "contarán a súa iniciativa para poder replicala e facer rede a través da colaboración". 

A asociación comeza tamén un proxecto para recuperar a microtoponimia da zona. Outra iniciativa que, coma todas, implica a veciñanza e será presentada no festival

Ademais, a asociación cultural comeza tamén agora un proxecto para recuperar a microtoponimia na zona. Outra iniciativa, coma todas, que implica a veciñanza e que será presentada no festival Castelo Conta, onde o ano pasado se puido ver tamén o mapping coa historia da taberna de Castelo. Proxectos como o arquivo sonoro co que, a través dunha app, podes escoitar os testemuños dos habitantes da parroquia sobre a historia dun hórreo ou un vello castro, entre outros elementos. 

Un conxunto de actividades co obxectivo de, como indica Castelo Conta nos seus estatutos, "promover social, cultural e economicamente o medio rural", "difundir a riqueza artística do noso país" ou "protexer o medio ambiente e, en particular, a diversidade medioambiental do Monte Xalo". 

Unhas iniciativas que, moitas veces, implican tamén certa pedagoxía e aprendizaxe, como conta Ferreño desde a comunidade de montes. "Sempre hai xente que ten idealizado o monte, que o concibe como un parque propiedade dunha administración e de uso libre e que ve algo malo nunha corta cando precisamente o que facemos é xestionar e manter en bo estado o espazo", explica. 

"O problema sería deixar o monte abandonado, proclive aos incendios e cos piñeiros que van morrer sen cortar e sen facer aproveitamento deles; non buscamos maximizar a ganancia, pero sen os recursos económicos que nos dá monte non poderíamos mantelo en bo estado nin continuar con todas as actividades que se desenvolven nel", explica Ferreño. Unha forma máis de facer de impulsar e facer entender o rural desde o seu asociacionismo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.